#Fútbol afeccionado #Preferente Futgal

«Non me sinto identificado coa nova idea», Alberto López, ex-adestrador do Escairón

Hai arredor dun mes confirmábase no Saviñao a renovación de Alberto López como preparador do Atlético Escairón. Despois de ser un recén ascendido este pasado ano na Preferente Norte, o equipo foi un dos clubs revelación da categoría. Finalizaron sextos clasificados con 61 puntos por riba de equipos como o Viveiro ou o Ribadeo. A idea para o novo curso era seguir na mesma liña do pasado, pero algo se torceu nos últimos días que non terminou por convencer a Alberto López. Como el di, non tivo nada que ver co cambio na presidencia, simplemente non comparte unha idea e prefire deixalo.

Futbolinlugo: Despois de renovar, por que tomas a decisión de deixar o Atlético Escairón?

Alberto López: Tiñamos un proxecto deportivo claro a finais de maio: renovar a maior parte do cadro de xogadores e reforzar o equipo en catro ou cinco posicións. A intención era seguir sendo un conxunto competitivo e seguir medrando, sabendo que a permanencia era o obxectivo do club. As cousas fóronse torcendo, con outro plan por parte da directiva. Ao final, como estaba habendo complicacións  para desenvolver o propósito inicial prefiro deixalo. Hai unha nova idea ca non me sinto identificado a nivel deportivo e, a pesar de ter unha extraordinaria relación coa directiva e cos xogadores, decido deixalo.

«Prefiro marchar agora ca ter problemas ao longo da temporada»



F: Un dos motivos foi non conseguir esa renovación da maior parte dos xogadores como querías?

AL: Hai algúns xogadores que, polos motivos que foran, non quixeron renovar. Entón, cando xogadores do Saviñao moi importantes para o equipo deciden non renovar, a partir de aí empezan os problemas. Non fomos capaces entre a directiva e o corpo técnico de conseguir que quedasen, aínda que xa sabíamos que era complicado pola gran temporada que fixeron. A raíz de aí, a directiva decidiu que había que incorporar a catro ou cinco futbolistas que o deixaran. E eu non me identifico con ese proxecto. Son xogadores que deixaron o club eles mesmos por temas deportivos. Para min é un paso atrás do club, respecto a decisión, pero non me vexo nesa idea.  Prefiro marchar agora ca ter problemas ao longo da temporada. Como digo sempre, hai que ir por diante.

«Queda un traballo moi importante feito»



Alberto López (ao fondo, detrás dos xogadores) tomou esta semana a decisión de deixalo Escairón. Foto: Melanie de la Fuente

F: Sorprende a decisión cando a nova campaña xa estaba encamiñada…

AL: Esta semana fichábamos ao porteiro Arturo do Calasancio, ao defensa Manu do Lemos e a Samuel do Chantada. Estabamos incorporando xogadores moi novos e tamén contrastados como Diego Arias e Alami. Queda un traballo moi importante feito. Unha pretemporada preparada con amigables contra equipos de Terceira, Preferente, un triangular con Chantada e Sarriana e outro con Lalín e Estradense. Pero non me identifico co remate final que se lle quere poñer ao equipo con xogadores que deportivamente non encaixo coa forma de traballar que teñen.

F: Con que sensación marchas?

AL: Con  moita tristeza. Eu creo que tanto a directiva, xogadores e corpo técnico fixemos un curso extraordinario, de matrícula de honra e creo que estabamos facendo un proxecto ilusionante, con xogadores da zona novos e con experiencia, pero demos un paso atrás nas últimas semanas. Tamén decepcionado polo cambio de timón que se lle quere dar o equipo. Non obstante, estou agradecidísimo ao Escairón pola oportunidade que me deu.

F: Ten algo que ver esta modificiación co cambio de presidente?



AL: Quero deixar moi claro que non ten nada que ver co novo presidente. É a persoa da xunta directiva ca que teño mellor relación. Somos moi amigos e imos seguir sendo. Teño unha relación extraordinaria con todo o mundo pero hai unha idea de última hora que me sorprende e non a entendo. Desta maneira, non me vexo neste proxecto. Prefiro quedarme sen adestrar a estas alturas do ano ca non estar convencido de que facer.

F: E agora, buscará novo equipo?

AL: A estas alturas de xullo adestrar en Preferente é complicado porque todos os equipos xa teñen adestrador. A verdade que non teño ninguna oferta de ninguén nin penso nela porque ata o luns tiña a cabeza no Escairón.

«Non me sinto identificado coa nova idea», Alberto López, ex-adestrador do Escairón

As nosas redes falan!

Nace o Clube Polideportivo Lucense

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *