Nestes primeiros movementos do mercado boa parte dos equipos están por darlle continuidade aos proxectos da última campaña. Un que se acaba de sumar a esta tendencia é o Atlético Escairón que xa prepara a vindeira temporada comandado de novo por Alberto López. O conxunto do Saviñao, que aínda ten que xogar a Copa (este domingo visita ao Outeiro de Rei), completou un ano histórico na Preferente Norte, despois de ascender o curso pasado, e finalizou nunha meritoria sexta praza.

Outro equipo da Preferente que ten que xogala Copa (o domingo fronte a Sarriana na Ribela), pero que xa está planificando a próxima temporada é o Ribadeo. O conxunto adestrado por Fiz Rodríguez anunciou dúas renovacións máis: a do capitán Cube e a de Marcos Peña. A estas hai que engadir a do delegado Nicasio. Dous xogadores que se suman aos renovados Criss, Rafa, Yoel, Iván, Luki, Juanma, Parapar e Jacob xunto coas fichaxes de Tichu (CD Castro), Dani Prieto (Iberia) e Hugo López (Valadouro).

David Couso (no centro da imaxe ca camiseta amarela do Catro Roldas) e Edi son as dúas primeiras fichaxes do Roupar

Baixando á Segunda Galicia temos importantes novidades nun club recén ascendido, o Roupar. O conxunto xermadino seguirá adestrado por Diego Dopico, pero terá como axudante a un futbolista contrastado no fútbol galego como é Edgar Alvariño “Edi”. Militou nas últimas temporadas no CD AS Pontes e mesmo chegou a xogar en Segunda B na súa etapa no Somozas. Vén a Roupar para intercalar as funcións de axudante e tamén de xogador. O adestrador Dopico tamén confirmou a chegada de David Couso, procedente do Catro Roldas.

Cora seguirá sendo o adestrador do Goiriz na campaña 2017/2018

Na Terceira Galicia sur temos novidades nun dos equipos de Sober. No Río Sil confírmase a renovación de Juan Diéguez no banco, quen agarda que se queden a maior parte dos xogadores que realizaron unha temporada histórica chegando á final do play-off de ascenso á Segunda.

Por outra banda, na Terceira Galicia norte temos a renovación de José Manuel Rey Cora como adestrador do CD Goiriz. O conxunto vilalbés chegou a desputar a final polo ascenso á Segunda na que caeu derrotado ante o Matela.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*