A xornada de Terceira deixounos os triunfos do Polvorín diante do Barco e do Viveiro fronte ao Alondras. O Racing Vilalbés non pasou do empate na Madalena co Arzúa. Na Preferente tres derbis provinciais e todos remataron con triunfos locales. Sarriana, Lemos e Ribadeo venceron a Santaballés, Foz e Escairón respectivamente. A Residencia non puido sumar na Cheda diante do Montañeros.
Triunfo do Polvorín diante do Barco cun tanto do pichichi Rojo (1-0).
Foi mellor o filial albivermello diante doutro dos serios candidatos a pelexar polo ascenso a Segunda RFEF. O Polvorín xerou numerosas ocasións de gol ao longo do partido e nunha das primeiras chegou o único gol do encontro. Unha indecisión na zaga visitante provocou que o gardameta cometa penalti sobre Rojo que él mesmo transformou.
O Barco chegou en contadas ocasións á portería lucense. Morais, ex do Polvorín que rematou expusado, puxo a proba a Julen cun tiro cruzado. Os de Álex Ortiz controlaron o xogo, malia que na segunda metade o empuxe visitante convertiu o encontro nun ida e volta no que o Polvorín tampouco se sentiu incómodo. Rojo, Idrissa en dúas ocasións e Expo tiveron opcións de ampliar diferencias.
O Racing Vilalbés cedeu un empate nos últimos intres de encontro diante do Arzúa (2-2).
O conxunto chairego rematou a súa esixente semana cun empate na Madalena. Non tardou nin cinco minutos en poñerse costa arriba o encontra para o Racing. Nunha xogada que puido rematar con penalti para os de Simón Lamas, o colexiado sinalou falta en ataque e nesa contra chegou o tanto arzuán, obra de Chiño. Faltoulle profundidade ao Racing na primeira metade, aínda que malia todo contou con boas ocasións para marcar, sobre todo nas botas de Pedrosa e en varias xogadas combinativas que non remataron con premio.
Na segunda metade o técnico chairego moveu as súas fichas e o cadro local gañou en profundidade. Non tardou en chegar o empate, obra de Pedrosa desde os once metros e tan só cinco minutos despois Jose Varela logrou a remontada cun bo lanzamento desde fóra da área que se cola pola escadra de Cristopher. O Arzúa quedou tocado co segundo tanto en contra e o Racing contou con varias opcións para sentenciar. Unha das máis claras tívoa Ángel, pero o lanzamento de falta saiu rozando o pao. O Arzúa buscou o empate nos últimos compases sen inquedar en exceso a portería local, ata que no minuto 93 nunha xogada desafortunada de Ángel Fraga remata co tanto de Óscar Lorenzo.
O Viveiro derrota ao Alondras e sae dos postos de descenso (2-0).
Encontro soso en Cantarrana. Viveiro e Alondras non protagonizaron un partido atractivo para o espectador, no que o cadro local foi mellor. Na primeira metade as ocasións foron escasas, pero todas de cor celeste. Asier tivo a máis clara e preto do descanso o conxunto local reclamou penalti por caída de Chenkam na área rival.
O primeiro tanto tardou en chegar. Foi no minuto 69 cando Berrocal rematou un centro lateral, e logo dunha carambola o balón entrou na portería do Alondras. O conxunto do Morrazo, moi plano ao longo dos noventa minutos, no chegou a inquedar a Manu Cedrón. A falta de dous minutos para chegar ao final do tempo regulamentario Tichu convirtiu un lanzamento de penalti para sentenciar o encontro.
A Sarriana goleou ao Santaballés e segue intratable na casa (4-0).
O líder non perdoa na Ribela. Os de Edu Rodríguez levaron a iniciativa diante dun Santaballés que afrontou o partido con moitas baixas, pero que non agardou á Sarrriana agazapado en defensa. Os de Juan Rodríguez non pasaron apuros ata o ecuador da primeira metade cando o xuvenil Hamza, que debutaba como titular anotou en xogada indiviudal.. O cadro visitante adiantou liñas e iso aproveitouno a Sarriana para xerar máis perigo, aínda que o gardameta chairego respostou ben diante das ocasións locales, nas botas principalmente de GerardoNon e Omar. A falta de cinco minutos para o descanso Iago fixo o segundo gol logo de aproveitar un rexeite.
Na segunda metade o Santaballés saiu na procura do empate, pero a Sarriana aproveitou á perfección os espazos e non tardou en sentenciar o encontro, cun tanto de Gerardo, que empurra á rede logo dunha boa xogada de Omar. O cadro chairego non se rendiu e Dani San gozou dunha clara ocasión para recurtar diferencias. O cuarto tanto local puido chegar pouco despois nun dubidoso penalti que lanzou Gerardo, pero que Adrián detivo nunha boa intervención. A falta de quince minutos Omar marcou o cuarto e definitivo tanto nunha boa xogada individual.
O Lemos segue invicto en 2022 logo de dobregar ao Foz (2-0).
O comezo de partido foi de dominio focense. Os de Gayol contaron con tres ocasións moi claras para poñerse por diante nas botas de David Ben, Diego Vicente e Xesús que non foron quen de aproveitar. Sen embargo, o cadro monfortino anotou na súa primeira chegada clara á área rival. Armesto asistiu desde a banda dereita a Mauro que batiu a Rubén.
Na segunda metade o Lemos tivo o dominio do encontro e a falta dun cuarto de hora para o final Armesto, o mellor dos monfortinos, finalizou unha contra sentenciando o choque. Nos últimos minutos os de Alberto López contaron con opcións de ampliar o marcardor, pero Sidibé e Rubén Díaz non tiveron atinados.
O Ribadeo vence ao Escairón e ten a tiro de pedra a promoción de ascenso (3-1).
Encontro cómodo do conxunto mariñán no Pepe Barrera diante do Escairón. Os de Jorge Rodríguez amosáronse voluntariosos, pero a súa febleza defensiva non lles permitiu ter opcións de sacar nada positivo, malia recurtar diferencias nun momento clave da segunda metade.
A primeira metade tivo ao Ribadeo como claro dominador e tan só o canario Álex Ávila foi quen de manter ao Escairón no partido. O marcador non tardou en moverse. Nunha xogada por banda esquerda Andrés colocou un bo balón que Criss rematou cun gran testarazo ao fondo da portería. A partir de aí, os de Dani Moirón gozaron de numerosas ocasións para deixar o encontro sentenciado no primeiro tempo. Iván,Diego Núñez e Criss atopáronse coa inspiración de Álex Ávila e Santi e Xairo estrelaron dous balóns nos paos.
A segunda metade comezou dun xeito moi parecido á primeira. Aos dous minutos de xogo, o Ribadeo ampliou diferencias no marcador. Un balón solto na área recolleuno Santi e o seu potente disparo rematou preto da escadra. O Escairón, co resultado claramente en contra deu un paso adiante e no seu primeiro disparo a portería foi quen de recurtar diferencias. Carrasco, cun axustado lanzamento desde a frontal superou a Carrera. Non cambiou o guión co tanto visitante e o Ribadeo seguiu levando a iniciativa. A falta de quince minutos para o final, logo dun saque desde o curruncho, Roi rematou na área pequena e sentenciou o choque. Os visitantes tentárono cun remate de Quiroguita que parou ben Carrera.
Dous erros defensivos condenan á Residencia diante do Montañeros (1-2).
Encontro con dúas metades ben diferencidas. Na primeira foi superior o conxunto coruñés, que antes do primeiro cuarto de hora foi quen de adiantarse no marcador. Rubén Rivera aproveitou un erro na saída do balón da Residencia para batir Sanmi. O Montañeros gozou de claras ocasións para poñer terra de por medio, pero non estivo acertado. O cadro local igualou o encontro na súa única ocasión da primeira metade. Dani Renda transformou un penalti cometido sobre él mesmo.
A segunda metade foi de dominio local. A Residencia tivo o balón e inquietou a portería rival, pero de novo un erro defensivo rematou co tanto de Xavi. Os de Dani Galán tiveron opcións para empatar, a máis clara nas botas de Yeray, pero o marcador xa non se moveu.