Foto de portada: Mariluz Fagín
A Terceira Rexional aproveitou a última finde de xaneiro para poñerse ao día. Xogáronse dous encontros que quedaran pendentes. No norte, o Castro B derrotou ao Celeiro (3-1) e regresa a cabeza da clasificación igualando a puntos co Catro Roldas. No sur, o Lemos B superou pola mínima ao Rubián. Duelo directo que lle permite ao cadro lemista aumentar distancias no primeiro posto e asegurar o gol average particular.
Dez partidos son os que van disputados nesta tempada na categoría. Catro son os que quedan para chegar ao final da 1ª fase. Quedar primeiro na táboa neste tramo de competición non asegura nada, simplemente unha pequena vantaxe que logo haberá que pelexar no campo.
Nesa situación anda o Lemos B. Ten cinco puntos máis ca o Sober e seis máis ca o Rubián e o filial do Monterroso. Pero aínda con dous enfrontamentos directos co cadro soberés e co monterrosino.


Pola súa parte, vén de superar ao Rubián co que compartiu o primeiro posto semanas atrás. «Valoro a vitoria dunha maneira moi importante», salienta o adestrador, Juan M. Rivera Sobrido ‘Perry’. «O Rubián ten un equipazo. Agás na 1ª volta contra a nós, o último partido en Castroverde e un empate, o resto dos seus encontros foran todo triunfos», destaca.
Perry conseguiu tres puntos co Lemos B no Poste, campo especial para el ao ser preparador do Rubián durante un curso. «Aínda que só estiven un ano, tratáronme de marabilla e teño unha lembranza moi grata dese equipo ao que podemos chamar familia», pon de manifesto o técnico.
«A min gústame mirar a curto prazo. As aspiracións son as máis altas, pero procuro non mirar máis adiante do que teño esta fin de semana», salienta o adestrador antes de xogar a 11ª xornada co Carballedo. A diferenza é importante pero non está nada feito segundo comenta o propio Perry: «Agás un par de equipos, é un grupo no que calquera lle pode gañar a calquera. Convén non relaxarnos e logo os puntos dirannos onte temos que estar».

Perry: «Son partidiario de que o primeiro sempre ascenda»

Unha vez rematada a 1ª fase, tanto un grupo coma outro, dividirase en dous. Haberá en total na 3ª Rexional lucense catro grupos con catro equipos en cada un. O 1º clasificado formará un grupo co 4º, o 6º e o 8º; mentres que o 2º, o 3º, o 5º e o 7º xuntaranse por outro lado. A mesma dinámica repítese nos dous grupos. Os clasificados na 1ª e 2ª posición comezarán a 2ª fase con 3 puntos; os terceiros e os cuartos terán dous puntos na súa conta e os quintos e sextos partirán cun punto. Xóganse seis encontros e ascende o primeiro de cada grupo.
Este formato competicional resta importancia ao feito ata o momento. Segundo Perry, óptase por este sistema para «darlle un aliciente aos equipos que quedan máis descolgados. A vantaxe para o resto é mínima».
O preparador do Lemos B mantén a idea que defendía a principio de temporada: «Particularmente non o vexo xusto e non me gusta. Son partidiario de que o primeiro sempre ascenda. Pero do que xa estaría a favor sería de desfacer a Terceira e facer unha Segunda potente», reitera.
Perry afirma que «a directiva está contenta co traballo» que está facendo o filial no seu terceiro ano de vida, un deles detido a nivel competicional pola pandemia. «O traballo e a constancia son as claves para estar onde estamos. Non renunciamos a nosa maneira de xogar. Temos un estilo moi definido coa xente que quedou do curso anterior (non foi moita) e os rapaces que viñeron novos», remarca.
Esta fin de semana xogarase a 11ª xornada de liga. Polo momento xa está aprazado o duelo entre o Cazás e o Rioaveso no norte. Un partido que agora está previsto que se dispute na finde do 19. Esta circunstancia implica mover as dúas últimas xornadas neste grupo, xa que os equipos teñen que chegar ao día na penúltima xornada. Polo tanto, no norte a 13ª xornada disputarase na finde de Entroido e a última da 1ª fase ao comezo de marzo.