O domingo celebrando un gol de William de Camargo para o Deportivo, recordei unha anécdota digna de contarvos. Remontámonos a 2004, ao famoso partido Deportivo-Milan. O do 4-0 na Champions League. Eu por aquel entonces tiña doce anos e estaba vendo o partido na casa.
Como xa me tiñen dito mil veces, son de vivir moito os encontros. Moi intensamente. Eso que para ser o partido que era estaba bastante tranquilo. Non tiña moitas esperanzas na remontada. Caeu o 1-0 nos primeiros minutos e comenceime a animar. Pum, Valerón! 2-0. «Ollo que igual hai posibilidades», deume por pensar.

Co 3-0 no minuto 44 chegou a loucura total. Saltei do sofá coma un avión e ao berro de: «Gol, Gooooooooool«. Corrín cara ao final da casa, cheguei á porta da entrada, dei volta… E aínda non me chegara o espazo para queimar toda a adrenalina… Xusto cando chego ao final da casa, polo outro lado, abriuse a porta da habitación de meus pais. E… PAF!! Levei semexante bofetón…
Miña nai, que se levantaba ao día seguinte ás cinco da mañá para traballar, abriu a porta no momento xusto. Abriuna e non me fixo falta dar a volta para xirar cara o salón do bofetón que me meteu.



Regresei á sala andando, humillado en estado de shock. Creo que o descanso o pasei tentando quitar o pitido do ouvido máis que celebrando. Por sorte, a segunda parte deuse ben. E rematei moi contento. Incluso a pesar de levar unha ‘hostia’ da que me lembrarei toda a vida. Chegado a este momento, cómpre aclarar que nunca fun un neno maltratado. De feito, é a única labazada que lembro.
Borja Guerreiro Fornos ‘Abeás’. Leva máis anos lesionado que xogando. Aínda así, é considerado futbolista do Santaballés
