Fin de semana que non esquecerá Xosé Xesús Lourido. O lateral meirego estreouse por fin coa camisola do club da súa vila. Marcou un gol e recibiu cinco puntos de sutura por un golpe. Aínda así recoñece que xa está para outra. Como o Celta Barreiros e o Oural que xa agardan por outra xornada para seguir amosando que o pleno de puntos que levan non é casualidade.
Na zona norte grupo A o Celta Barreiros continúa como líder en solitario do grupo logo de vencer pola mínima ao Sanci. O Cabreiros segue segundo a pesar de perder por vez primeira na tempada no derbi co Xermade. Medra na clasificación o Iberia coa súa vitoria un extremis ante un Roupar con once xustos xogadores. A Candelaria superou ao Mondoñedo.

Na zona norte grupo B o Meira volveu ao camiño da vitoria ante o Matela. Segue líder seguido moi de preto polo Cospeito que uniu a súa terceira vitoria seguida ante o Guitiriz. Tanto Goiriz e Fonsagrada como Muimenta e Abadín empataron nos seus enfrontamentos.
Na zona sur grupo A o Paradela continúa na primeira posición logo de salvar un punto ao final do partido ante o Antas. Na segunda praza aséntase o Becerreá que é o único equipo con pleno de vitorias ao vencer ao Palas O Páramo é terceiro ao derrotar ao Sporting Lucense. E a Mila e o Corgo igualaron a dous goles.



Na zona sur grupo B o Oural segue como líder ao derrotar con claridade ao Quiroga. Na segunda praza aséntase o Chantada B ao gañarlle ao Bóveda. O Ferreira superou ao Río Sil e o Brollón conseguiu a primeira vitoria da tempada ante o Incio.