#Fútbol afeccionado #Terceira RFEF

Ángel Fraga prefire «non poñer límites» tras a súa reestrea co Racing

Foto de portada: Racing Villalbés

A primeira xornada da Terceira Galega deixou dous empates para os clubs lucenses que se estrearon. O Racing Villalbés empatou sen goles en Abegondo ante o Fabril e o Viveiro igualou a un gol ante o Choco en Santa Mariña. O cadro de Redondela será precisamente o rival do debut para o Polvorín na próxima fin de semana, ao ter que descansar na primeira xornada.

Este martes, no Ser Deportivos Lugo, a presentadora do programa, Sara Meijide e o redactor de Futbolinlugo, Marcos Fernández conversaron con Ángel Fraga na sección ‘O protagonista da xornada’. O porteiro vilalbés reestreouse en partido oficial co Racing logo da súa marcha hai oito anos cara a Madroa.

Pódese escoitar o audio da entrevista no SER Deportivos Lugo no seguinte enlace: Entrevista Ángel Fraga (14-09-2021).



Despois de debutar en idade cadete en Terceira co conxunto chairego, Ángel formouse na canteira do Celta, pasou por equipos como o Rápido de Bouzas, Ourense CF, Cerceda ou Polvorín. «Estou moi contento de volver a casa. A xente de aquí confía moito en min. Só teño palabras de agradecemento. Vestir o escudo do Racing é un orgullo», afirmou este martes nas ondas.

O Racing visitou ao Fabril preparado polo ex adestrador Óscar Gilsanz. O partido púxose en contra ao cuarto de hora coa expulsión do capitán López, pero «controlamos moi ben o partido defensivamente; incluso non nos fomos contentos de todo porque tivemos tres ou catro ocasións moi claras para gañar o partido», salientou o gardamallas.

«Non somos un cadro de xogadores moi amplo pero somos un grupo moi competitivo. Iremos día a día sen poñernos límites e coa pretensión de quedar arriba. Acertouse coas fichaxes e xa había un moi bo bloque no equipo», explicouse Ángel sobre as metas que se marca o club para a súa 13ª tempada en Terceira.



Ángel Fraga xogou titular o primeiro partido no canto de Javi Rumbo, o porteiro con máis titularidades o curso pasado no Racing. Ante a competencia baixo paus, Fraga afirma que «a interna sempre é boa»; conta que «Javi é un rapaz excelente» e que traballarán os dous para eles e para o equipo.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *