Racing Vilalbés e Viveiro comezan con dous valiosos empates

Volveu a competición co comezo da Terceira para Racing Vilalbés e Viveiro. O Polvorín tocoulle descanso nesta primeira xornada dunha competición que este ano conta con só dezasete equipos.

Os dous representantes lucenses arañaron dous empates a domicilio. O Racing Vilalbés en Abegondo ante o Fabril e o Viveiro en Santa Mariña diante do Choco.

O Racing Vilalbés amosou unha gran imaxe na estrea diante do Fabril (0-0).

O encontro comezou costa arriba para os chairegos coa expulsión con vermella directa do capitán López. Cun home menos e con todo o encontro por diante as cousas non pintaban ben para os de Simón Lamas.

Pero malia todo, o encontro foi parello e incluso o Racing Vilalbés gozou de ocasións máis claras para desfacer a igualada. No xogo directo, Pedrosa resultaba gañador ante os centrais fabrilistas e Vela e Ángel foron quen de trenzar xogadas para chegar con perigo a área rival. Un disparo do ribadense Pedrosa rozou o pao da porta de Alberto na que foi a máis clara da primeira metade. O Fabril, adestrado polo ex racinguista Óscar Gilsanz, tivo máis o balón, pero non chegaba con claridade ás inmediacións da porta racinguista.

Na segunda metade, o Fabril aproveitou o cansanzo físico dun Racing ao que lle custaba contraatacar. Malia todo, Vela estrelou un balón no pao, na que foi unha das ocasións máis claras. Coas entradas de Alberto Novoa e Javi Rey os chairegos gañaron frescura, así como coa de Cuadrado. Estes dous últimos tiveron nas súas botas o triunfo nos últimos compases.

Un punto de mérito acadou o Viveiro no sempre difícil campo do Choco (1-1)

Os mariñáns comezaron sufrindo as acometidas do conxunto local, sempre moi forte no seu campo. Foron varias as chegadas con perigo dos redondeláns, que sempre se atoparon cun firme Manu Cedrón, ata que preto da media hora de xogo Ronald puxo por diante ao Choco.

Non tardou en reaccionar o Viveiro. Un saque de falta de Xaime recolleuno o seu irmán Tichu no segundo pao que colocou un gran balón para que o debutante Sidibe o empurrara a gol. O propio dianteiro foi quen de conectar con Rolle e o lanzamento do viveirense saiu lambendo o pao.

A segunda metade resultou igualada, con lixeiro dominio local. O Viveiro non se conformou co empate e nos últimos minutos embotellou ao rival preto da área. Diego e Marino contaron coas ocasións máis claras para que os tres puntos viaxaran para a Mariña.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario