#Fútbol afeccionado #Entrevistas #Preferente Futgal

Rafa Casanova: «Nestas categorías debería primar a persoa»

É un dos referentes do fútbol lucense. Iso ninguén o dubida. Polo que foi como xogador, polo que é como adestrador, presidente ou calquera función que se lle pida en relación ao balompé. Protagonizou momentos históricos do noso fútbol e hai uns días foi protagonista dunha das caras máis amargas deste deporte. Rafa Casanova Peteiro (30-04-1982, Friol) foi cesado como adestrador do Ribadeo. Primeiro como xogador e logo como técnico, o friolés dirixía ao equipo dende a marcha de Fiz Rodríguez no verán de 2018. Marcha frustrado coa decisión, pero tamén contento e agredecido por todos aqueles que lle deron o seu apoio.

Futbolinlugo: Como se desenvolveron os acontecementos?

Rafa Casanova: Despois de acabar a liga tiven unha reunión no campo onde estaban seis directivos. Comentamos varios aspectos da temporada e había quen non estaba de acordo con algunha cousa da campaña. Evidentemente é algo entendible. Eles son os xefes e se ven algo que non lles gusta, é normal que cho digan. Aquel día vin que a confianza estaba un pouco devaluada logo de finalizar o curso. Pero ao día seguinte falei co presidente. Transmitiume tranquilidade e comentoume que esa mesma noite terían unha reunión. Ao día seguinte chamoume para ratificar a súa confianza en min. Admitiron que tiña un contrato de catro anos que querían que cumprira.



Fil: E que pasou dúas semanas despois?

RC: Saíu na prensa publicada a información de que eu continuaba. Ao pouco chamoume un directivo preguntando quen dera esa información. Pareceulles mal esa publicación tendo eu contrato e tendo clara a miña continuidade. Logo entereime de certas cousas que non me gustaron moito. Xa vin que a confianza se acabara. Ao día seguinte, á primeira hora da mañá, chamoume o presidente dicíndome que decidiran cesarme. A sorpresa foi maiúscula. Tivera algunha chamada doutro equipo e dixéralle que non porque me acababan de ratificar no cargo.

«O que estaba sendo un dos peores días da miña carreira, convertiuse nun dos mellores»



Ao fondo, Rafa Casanova adestrando ao Ribadeo campión da Copa Deputación 2019. Foto: Mariluz Fagín

Fil: Como asumes a decisión no momento?

RC: Aquel día paseino mal. Son doce anos alí. Algunha bágoa caeume, de rabia principalmente. Pero ese que estaba sendo un dos peores días da miña carreira, convertiuse nun dos mellores. Sempre digo como adestrador que o que máis me gusta é que os xogadores estean comigo. Recibín a chamada de todos. Recibín o seu apoio e ánimo. Incluso de moitos rivais. Recibir semellante cantidade de chamadas foi moi gratificante.

Fil: Pasados uns días, como velo cese?

RC: Non sei se é merecido ou non a nivel deportivo. Pero a nivel persoal creo que se me fallou a miña persoa. Xa non digo no fútbol de elite no que priman máis outras cousas, pero nestas categorías debería primar a persoa. Non merecía este despido.

Fil: A nova directiva do Ribadeo chegou o verán pasado, cambiou a túa forma de traballar con respecto aos anos anteriores?



RC: Tiña a mesma maneira que tiña antes. O que cambiou foi a forma de traballar da directiva. Estou decepcionado por como acabou todo, pero hai que agradecerlle a esta directiva o momento no que se fixo cargo do club. Trátase dunhas persoas moito máis comprometidas nese sentido que colleron o club coa idea de saldar a débeda que hai. Está saldando a débeda que tiña con moitos xogadores e comigo mesmo. Quere que o Ribadeo volva ser un equipo referente e limpar a mala imaxe económica que tiña.

«Foi a campaña que máis me saturou»

Fil: E como vivistes dende dentro esta tempada tan rara?

RC: Levo anos no múndo do fútbol e foi a campaña que máis me saturou. Pasamos por momentos no que non tiñamos equipo. Os xogadores chegaban a contagotas. Tamén había moitas dúbidas sobre a competición. Foi todo sobre a marcha. Antes de inscribirnos a miña votación foi de non saír a competir. Non tiñamos futbolistas nese momento. Pero o presidente comentoume que estivera tranquilo. Que os resultados non ían importar e que o tomariamos como unha especie de pretemporada. Non obstante, entendo que os malos resultados tamén deberon ser un hándicap con esta decisión final. O equipo competiu sempre quitando os dous últimos encontros onde nos viñemos un pouco abaixo. Pero nunca fomos inferiores a ninguén no cómputo global dos partidos.

Fil: Contrasta esa sensación de tranquilidade con algunhas mensaxes que o club transmitía de cara a ser moito máis ambiciosos…

RC: En ningún momento me dixeron que obxectivo era o ascenso. Si que é certo que agora parece que o discurso cambiou un pouco. Nalgunha charla incluso se falou dunha hipotética promoción a Segunda B. E agora estes días o que se transmite na prensa é que a meta é a salvación…

«Teño algunha proposta e gustaríame seguir adestrando»

Fil: Do fútbol non te desligas porque segues co cargo de presidente no Friol, pero por onde pode pasar, a maiores diso, o teu futuro no balompé a curto prazo?

RC: A min gústame adestrar. Si que teño algunha proposta que estou pensando e gustaríame seguir adestrando. Evidentemente tamén traballarei para o Friol e ogallá podamos comezar a competición na Primeira Rexional.

Fil: As opcións por adestrar serían na provincia?

RC: Hai algo de todo, pero de momento nada ao cen por cen.

Fil: E podería Rafa adestrar na mesma categoría na que xoga o Friol? 

RC: (risas). Hai algunha posibilidade, pero véxoa complicada. A nivel legal supoño que sería factible, pero iso non o mirei de momento. Estou estudando ofertas.

Rafa Casanova: «Nestas categorías debería primar a persoa»

Diario dun mercado. Episodio 207

Rafa Casanova: «Nestas categorías debería primar a persoa»

Diario dun mercado. Episodio 208

1 comentario

  1. Rivas
    05th Jul 2021 Reply

    Espero que en pouco tempo teñan a delicadeza de entrevistar a directiva do Ribadeo para contrastar opinions. Moitas grazas.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *