A cuarta xornada da Terceira Galega non foi positiva para os equipos da provincia. Nin o Viveiro, nin o Racing Vilalbés, nin o Polvorín conseguiron puntuar. En cambio, si que foi unha boa fin de semana para varios dos #LucensesNaTerceiraGalega. Dúas estreas na división, un gol que vale un punto e un novo líder con protagonismo lugués.
Pouco tempo, pero estrea ao grande:

Brais Prieto tivo os seus primeiros minutos na Terceira División. O futbolista de Frexulfe (O Valadouro) saíu nos últimos intres ao céspede de Abegondo. Entrou en substitución de Iker Hurtado. Xusto despois de que o Arzúa marcase o gol que lle daba a vitoria ante o Fabril.
Tres puntos importantes para o conxunto arzúan dos que tamén parte Álex Vázquez dende o terreo de xogo. O lateral esquerdo xogou o encontro completo. En cambio, non tivo minutos Pedro Delgado.


No Fabril xogou todo o partido Diego Villares. O cadro fabrilista suma cinco puntos neste comezo de temporada.
O partido con máis lucenses:

O duelo entre o Viveiro e o Somozas foi onde máis lucenses houbo sobre o campo. Aínda que Aldán Naval non gozou de minutos no cadro de Ferrolterra. O viveirense non puido saltar de novo en encontro oficial a Cantarrana. No conxunto celeste participaron trece xogadores da provincia. Entre eles, Luis Pernas. O xuvenil de segundo ano tivo os seus primeiros minutos na categoría. O burelao entrou no minuto 78 por Uriol.
No choque das Eiroas tiveron protagonismo once lugueses. No Racing participaron dez futbolistas da provincia ao longos dos 90 minutos. E no Bergantiños volveu contar con presenza Iago López. Entrou no minuto 74 por Abel Martínez. Por molestias físicas non fora da partida ante o Arzúa, despois de dúas titularidades consecutivas.
Pola súa banda, no Polvorín tiveron minutos cinco lucenses no seu encontro ante o As Pontes.
Os triunfadores:

Xusto marcou un gol que supuxo a consecución dun punto para o Silva. O gol do central focense puxo por diante ao cadro coruñés ao inicio do encontro. Máis adiante, o Estudiantil Vista Alegre sería quen de empatar. Xusto volveu completar todo o partido por cuarta xornada seguida.
O Arousa de Martín López Ross é o novo líder do Grupo B. O equipo de Vilagarcía derrotou ao Barco con Ross xogando todos os minutos. Ademais en Calabagueiros houbo trío arbitral lucense. David Pereira Ferreiro foi o encargado de impartir xustiza asistido por Alberto Blanco Méndez e Adrián Fernández Teijido.
Ver esta publicación en Instagram@centrodeportesbarco Vs @arosa_sc David Pereira, Alberto Blanco e Adrián Fernández
O Choco de Alberto Suárez segue na boa liña. Conseguiu a vitoria no Couto ante o Ourense CF. O ‘6’ do conxunto choqueiro completou o partido enteiro.
Víctor Eimil volveu a titularidade no Arenteiro. O futbolista vilalbés volveu formar parte do once de partida logo da primeira xornada. O Arenteiro igualou sen goles ante o Atios e Eimil foi un dos xogadores destacados no Trío de Ases da Xornada en Futbolinourense. Igual ca acontecera na súa anterior titularidade.
O gardamallas Ramón foi suplente na primeira vitoria do Fisterra, O adestrador Jaime Sánchez deulle a oportunidade a Julián Couto ante o Paiosaco. O meta soberino fora titular nas dúas primeiras xornadas.