Unha temporada acabada sen rematar. Á espera dun play off express con dúbidas de se se vai xogar. O certo é que a Terceira Galega parou cando quedaba moito por resolver. Iso si, detívose cun equipo revelación que o levaba sendo toda a temporada. O CSD Arzúa entrou case que do mellor xeito posible a unha competición nova para a entidade. Confioulle o proxecto a un corpo técnico encabezado polo lucense Alberto López. Un proxecto que xa viña con bases postas e que triunfou. Sexta posición e 41 puntos, a seis dos postos de promoción de ascenso. Non obstante, esta relación rómpese de cara a temporada que vén. O equipo do Viso non comunicou nada de xeito oficial, pero Alberto López afirma que non continúa. O técnico explica as súas razóns e repasa unha temporada histórica que nin a Covid poderá sacar xa dos arquivos do fútbol.

Futbolinlugo: Por que non continúa Alberto López no Arzúa?

Alberto López: En primeiro lugar téñolle que agradecer ao club que nos ofreceran a renovación. Chegamos a un acordo en case todo, pero ofrecíanme un contrato a media xornada e eu queríao a xornada completa. O club tentouno, pero dixeron que non daban chegado para cubrir a miña petición. Non chegamos a ese entendemento. Non teño nada que esconder. O fútbol é un traballo laboral. Agora mesmo en Terceira está bastante profesionalizado. Fun transparente. No aspecto deportivo apostabamos na mesma liña da continuidade. Tiñamos o orzamento máis baixo da categoría xunto co Paiosaco. E unha gran porcentaxe de xogadores moi novos. Isto fala da valentía e da proxección na que se basaba a aposta.

Fil: Enfastíache non seguir?

AL: Si, tiña moita ilusión. Formabamos un grupo técnico e humano enorme. Pero por desgraza está o tema económico. Ademais na situación actual enténdoo. Quedo contento e agradecido do Arzúa. Pola aposta que fixeron antes e agora. Xornada a xornada o equipo medraba.

Fil: Cres que tomas a decisión correcta?

AL: Podémonos arrepentir. Ter unha opción de adestrar en Terceira non é facil. A día de hoxe non teño ningunha outra oferta. Seguro que van facer de novo un gran traballo para manter a liña. É un dos clubs máis humildes no que traballei. Pasaron de 2ª Rexional a Terceira en dez anos. Con seriedade, un ambiente familiar e unha confianza de dez por parte da directiva.

«Competimos cun orzamento medio de Preferente»

Fernando Almeida foi un dos reforzos do Arzúa que chegaron procedentes da Sarriana xunto a Edgar ou Álex Vázquez

Fil: Como valoras a tempada?

AL: Espectacular. Non hai outro calificativo. Cada domingo o equipo deu o 120% en ambición, valentía, esforzo, velocidade, transicións e ritmo de xogo. Todo iso para poder estar durante toda a campaña entre os oito primeiros clasificados. A porcentaxe de puntos que levabamos na segunda volta era incluso mellor ca na primeira. Unha pena este final de curso porque nos quedaban partidazos por desputar. Para nós a salvación era como quedar campións. Competimos cun orzamento medio de Preferente. Houbo que tomar decisións arriscadas e saíron ben. A mestura de xogadores novos cos piares do ascenso foi perfecta.

Fil: Recoñeron os rivais o bo traballo do Arzúa?

AL: Todos os adestradores da categoría. O que máis gustou do Arzúa foi a valentía que tiñamos para transitar, para buscar a portería rival,.. Fumos un dos conxuntos máis ofensivos da liga e melloramos a nivel defensivo. Tacticamente sorprendimos a moita xente que non nos coñecía. Igual esperaban un equipo defensivo. Pero fomos todo o contrario. Chegabamos moito, por iso tamén temos ao máximo goleador da categoría.

Fil: Que peso ten Iker Hurtado no equipo?

AL: Iker é importantísimo e determinante. Pero hai un gran traballo por detrás del como, por exemplo, as asistencias de Brais. Sen dúbida Iker é o mellor finalizador da categoría. Dá opcións de remate, tamén dende os laterais e ten un desmarque de ruptura espectacular que nos dá moitas opcións de espazo. Tiñamos o complemente perfecto para o seu xogo. Creo que podería competir nun equipo de categoría superior. Pero xogando dunha maneira parecida a nosa.

«As decisións deportivamente non son acertadas»

Fil: Que sensación che queda vendo como remata esta campaña?

AL: O peor é o triste final que temos. É certo que as decisións son complexas. Pero para min deportivamente non son acertadas. As propostas de recomposición para a tempada que vén cunha Terceira duns 24 equipos, unha Preferente con subgrupos,… Vaise baixar o nivel do fútbol moito. Vai prexudicar a todos. Tampouco estou de acordo co play off exprés. O equipo que está primeiro vaise xogar todo a 90 minutos contra un equipo que queda na cuarta posición. E non é normal que equipos practicamente descendidos matematicamente se lles garanta a categoría.

Fil: Que proporía Alberto López?

AL: Seguir aguantando ata que houbese a última posibilidade de xogar. Se finalmente non se pode xogar, habería que buscar a fórmula de premiar a quen o estaba facendo de xeito extraordinario e penalizar aos equipos que durante a temporada non obtiveron os resultados agardados. A outra posibilidade sería anular a temporada. E volver comezar todos nas mesmas condicións. Agora de Segunda División para abaixo van quedar todas as categorías prexudicadas. E vaise desprestixiar aos equipos.

Fil: Moita xente é contraria a anular a tempada porque din que non se premiaría a quen o fixo ben. De suspenderse a liga, a temporada do Arzúa sería como se non existise?

AL: Ao contrario. Tería moito mérito. Iso faise adestramento a adestramento, domingo a domingo,…A xente do fútbol sabe valorar cando fas ben unha temporada como fixo o Arzúa. Creo que todo o mundo o recoñecería. O noso club xa o recoñeceu ofrecéndonos a renovación.

Da man do técnico lucense o Arzúa conseguiu 13 vitorias, 12 derrotas e 2 empates. Foto: Melanie de la Fuente da etapa de Alberto no Escairón.

Fil: Entendemos que quedaron contentos co traballo do corpo técnico, como se formou ese equipo?

AL: Foi aparecendo. Con Rubén, tamén con Anxo que o adestrara no Xove Lago e despois xurdiu a opción do preparador físico Carlos. A unión foi incrible. Tiñamos unha mesma percepción do xogo e do traballo. O equipo estivo moi ben fisicamente e a lectura de Rubén e Anxo foi moi positivas. Cando un equipo ten o cartel de revelación é que moitas cousas se fixeron ben.

Fil: Este corpo técnico podería continuar da man nun futuro?

AL: Espero e desexo que si. Gustaríame. Pero tamén recoñezo que é un luxo.

Fil: A nivel deportivo os últimos proxectos comandados por Alberto López saíron moi ben…

AL: Con toda a humildade do mundo o digo. Son unha persoa moi traballadora e moi profesional. As últimas temporadas que vivín son espectaculares. Chantada, Escairón, Sarriana e Arzúa. Desfrutei moito co Escairón sexto en Preferente; en Sarria fixemos 75 puntos e quedamos a 3 do ascenso á Terceira,…É moi difícil, pero é a realidade do fútbol. É a guinda a preparación e o traballo. Dá os seus froitos.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*