Dende o século pasado no mesmo equipo. Cada semana subindo o Marco de Álvare dirección A Veiga. Correndo a banda e liderando un vestiario. Xosé Xesús Lourido Fernández ‘Lourido’ (Meira, 08-05-1978) puxo fin neste verán a unha etapa de 21 temporadas no CF Riotorto. Un ascenso frustrado, dúas Copas que se escaparon no último partido, un descenso, as lesións,…; pero un feixe de vivencias compartidas. Non obstante, a decisión non é froito da incerteza da nova normalidade. É un proceso meditado. Con 42 anos o Lourido aínda lle quedaba un soño futbolístico. Aquel pícaro que xa pisaba a Lomba no 79 segue coa mesma ilusión. Mentres agardamos con velo coa camisola celeste do equipo do seu pobo, conversamos con el.
Futbolinlugo: Cal é a razón principal de fichar no Meira FC?
Lourido: Un dos motivos máis importantes era estar no equipo do meu pobo. Era unha cousa que tiña planificada xa dende hai tempo. O motivo é ese. Quedarase nunha ou dúas temporadas. Todo máis. Dependendo do bo ambiente que creemos.
Fil: Houbo opcións noutros anos de fichar polo Meira?
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
L: Houbo outros anos. Pero por motivos laborais e deportivos decidín seguir quedando en Riotorto. E aínda que este ano foi así un final diferente da temporada, era o momento de vir para o Meira.
Fil: Tivo Labrada algo de culpa na túa fichaxe?
L: Labrada sempre ten algo de culpa nestas cousas. É moi insistente á hora de fichar. Xa o coñecía, sei como traballa, sei que vou levar algún berro (risas); é unha relación de amor – odio. Pero empre con respecto.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
Fil: Que é o que máis che gusta de Labrada como adestrador?
L: É un bo compañeiro. Fai que o grupo estea unido. Ademais no tema deportivo adoita ser xusto. Pon ao xogador que o merece.
«Non merezo nada máis ca o respecto dos compañeiros»
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2018/08/riotorto_meira9.jpg)
Fil: Dicías que a túa incorporación polo Meira chega no momento xusto. Pensas que dende fóra pode verse como tardía?
L: Ao mellor para a xente dende fóra poda que si que chegue tarde. En Riotorto estiven practicamente toda a vida. Gustaríame despedir esta temapda no campo. Non puido ser así. Quédame un sabor agridoce. Aínda que polo menos o último partido foi bonito con vitoria ante o Pol.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/12/senmas3.jpg)
Fil: Con que te quedas de todo a túa traxectoria no Riotorto?
L: Nos anos que estiven alí porteime e din todo o que puiden por eles. Non merezo nada máis ca o respecto dos compañeiros que é co que me quedo. É un lugar difícil para xuntar xente. A pesar de que non hai canteira, sempre se formou un grupo competitivo. Ata o ano que descendemos tamén o había. Destaco sobre todo o bo ambiente.
Fil: Nun equipo que cambiou tanto de xogadores, tiveches tamén ese papel de líder e despois de capitán…
L: Sempre fun de intentar unir e facer equipo. Á marxe xa de que nos últimos anos fose o capitán, sempre me gustou un grupo de xente unida. Relamente iso é o importante. O fútbol pasa a un segundo plano.
Fil: Quedouche algunha espiña cravada?
L: As dúas finais perdidas da Copa. Unha en Alfoz contra o Outeiro e outra en Guitiriz contra o Parga. Que foi cando me lesionei. Do resto quizais tamén do ascenso frustrado a Preferente. Eu probaría un ano. Pero podo chegar a entender que non se quixera arriscar. No seu momento era difícil de dar o paso.
«Cos futbolistas que hai pódese estar na zona alta»
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2018/08/riotorto_meira38.jpg)
Fil: Como vés o futuro inmediato das competicións no noso fútbol?
L: Agora mesmo non o vexo moi factible a curto prazo. A xente pensa en setembro ou outubro. Imaxínome que chegaremos a xogar en xaneiro se hai moita sorte. Pero isto xa non depende dos xogadores. É un asunto da administración e da Federación. Nós temos que ser responsables e intentar facer as cousas o mellor posible.
Fil: Os equipos seguen planificando as súas estruturas para cando todo isto poda volver en si. Un dos que semella que presenta proxecto serio na Segunda Rexional é o Meira. Cal é a túa percepción?
L: O proxecto do Meira encántame. Vexo un cadro de xogadores moi competitivo. Pero eu xa xoguei en Segunda e agora hai opción de que se reduza polo que vai estar moi difícil o tema de pensar en ascensos só polo nome. Vai haber que loitar moito. Pero cos futbolistas que hai pódese estar na zona alta . Eu espero aportar o que poda. Experiencia e traballo non van faltar.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/08/lourido_bebe_lomba.jpeg)
Fil: O que si, pase o que pase, Lourido seguirá de curto algún tempo máis…
L: Tamén dependerá do que se estenda isto no tempo. Pero fisicamente atópome ben. Quero desputar unha tempada ou dúas máis no equipo do meu pobo. Cando comecei a xogar o fútbol non había equipo aquí e marchei para Vilalba. Dende o Racing Vilalbés saín para o Riotorto e uninme moito alí. Era agora ou non poder facelo.