Se non me falla a memoria, hai algo máis de tres anos que os amigos de Futbolinlugo me permitiron entrar na súa casa por primeira vez. Fiz acababa de vir ó mundo e tocaban noites de insomnio e cambios de pañal. Hoxe, nun escenario mais atípico, Rui obriga a parecida rutina. Cousas da paternidade. Así que recollo a luva terapéutica que me ofrece esta páxina e aproveito os escasos momentos de lecer que permite un lactante en desescalada para agradecer de novo aos argallantes deste bendito proxecto.
Pois isto era un arxentino e outro de Lalín… Podería ser este o inicio desta historia pero antes poñámonos en contexto: Bos Aires, finais de milenio. Centos de galegos collen os cartiños que tiñan aforrados e fan a viaxe de volta ante un inminente bloqueo económico e unha inevitable crise nacional. Corralito, chamáronlle a aquelo. Esteban era fillo da emigración. Un dos moitos que regresou no medio daquel panorama. Medrara xogando á pelota no bonaerense barrio de Belgrano e chegou a xogar nun par de equipos federados en ligas menores da capital. Hincha de River, porteño e ‘canchero’, traía retranca no ADN.
Establecido xa na terra, non tardou en comezar a adestrar coa S.D. Monterroso, por aquel entón en Primeira Rexional. En pouco tempo, o adestrador decidiu que merecía unha ficha oficial no equipo. Esteban era un nove dos que chamamos ‘tanque’, forte e de considerable envergadura, solvente no xogo aéreo e notable en accións de espaldas a porta e fixando ós centrais pero pouco, moi pouco amigo do traballo físico no adestramento.
Nun par de entrenos, Esteban deixou de ser Esteban e pasou a ser ‘Pibe’. Pido perdón pola escasa orixinalidade do alcume. Esa tempada dirixía o equipo Francis, un dos moitos adestradores da escola dezana que periódicamente ocupan o banquiño de Cerdeiriños. Os martes tocaba adestramento con carga física e Francis plantexara un daqueles ‘fartleks’ tan típicos, que consisitían en sucesivos cambios de ritmo alternando rectas e diagonais en intervalos e intensidade variable (futbolistas dos 90, sóavos?). Nun deses esforzos, o Pibe xa farto de correr deixouse ir arrastrando os pés en actitude de escasa implicación. O míster estalou con evidente cabreo:


– Pibe!!! Corre más mi abuela que usted!!! O Pibe agrupou os dedos da man con italiano aceno. Recorden a Cannavaro ou a Gattusso protestando calquera acción e viralles á mente o xestiño. Xa o teñen?. – La concha de su madre!!! Su abuela es Ben Johnson?. Espetoulle o arxentino.
Fernando ‘Ovella’ Arias. Un pai futbolero con pouco tempo. Exiliado lonxe da súa Ulloa.
