CATRO CONCELLOS, SEIS CLUBES, NOVE EQUIPOS. QUÉ ESTÁ A PASAR NO SUROESTE DA PROVINCIA?

Afirmar que o fútbol é o deporte rei na nosa provincia, con permiso dos amigos breoganistas e da idiosincrasia capitalina, ven sendo una obviedade mais ou menos do tamaño do Telefunken de Robra.

Pero que nunha área concreta da Galicia rural interior, no suroeste da provincia de Lugo, acuciada pola baixa natalidade, unha importante falta de relevo xeracional, galopantes taxas de avellentamento e un preocupante índice de emigración xuvenil ante a falta de oportunidades laborais e de ocio, resulta canto menos curioso que en só catro concellos lindeiros cohabiten ata seis clubes de fútbol : S.D. Antas, S.D. Monterroso, Taboada C.F., Relámpago Taboada, S.D. Chantada e Chantada Atlético. Se a isto lle engadimos os respectivos filiais de S.D. Antas, S.D. Monterroso e S.D. Chantada, temos ata nove equipos senior competindo dende a Preferente ata a Terceira Autonómica. Sumemos categorías de base (Relámpago e Chantada Atco. non teñen inferiores) e atopámonos cun fenómeno tan rechamante como insólito en canto á densidade e concentración de equipos en tan só dúas comarcas limítrofes. Esa é a paradoxa. Neste texto tratamos de explicar algúns pormenores desta realidade que supón un récord se o comparamos con outros territorios mais poboados da provincia.

 

A ULLOA. ECLOSIÓN DE FILIAIS E IMPORTANTES  ESTRUCTURAS DE CLUBE

Paradigmático o caso das vilas ulloanas de Antas e Monterroso. Separadas por uns cinco kilómetros, ambas localidades contan con sendas entidades deportivas que nas últimas dúas tempadas medraron en magnitude tanto deportiva como social ata converterse en casos únicos na zona. Coas excepcións de Lugo B/Polvorín, Residencia e S.D. Chantada, Antas e Monterroso completan o grupo de equipos que posúen un filial en todo o fútbol provincial.

Na vila de Antas, ademáis, teñen a honra de ser a primeira entidade deportiva dacomarca que conta con equipo feminino federado. Os de Castro Seoane traballan cunha estructura ampla que mantén, a maiores dos equipos senior A e B, escola deportiva, prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. No deportivo, semella non ser o mellor ano para as seccións senior. O 1º equipo marcha pechacancelas na Primeira Autonómica e o B ronda a parte baixa da Terceira autonómica, o que non embaza un gran traballo coa base. Resulta difícil non acordarse en Antas do tópico de Astérix e a resistencia dunha pequena vila de irreductibles que se rebelan ante a  presencia do invasor, cun exército de loitadores altruístas pola base . Por ter, teñen ata un castro. Non sabemos a capacidade de sostemento no tempo dunha estructura tan ampla e con tan poucos medios materiais e persoais. Que lles quiten o “bailao”, diría aquela rapaza do Incio. 

Os veciños da S.D. Monterroso tamén medraron considerablemente como institución nas últimas datas. A un clube composto por equipos en categoría prebenxamín, benxamín, infantil, cadete, xuvenil e as dúas escadras senior en terceira e primeira autonómica, hai que sumarlle a sección de veteranos. Para sacar adiante esta organización, os vermellos contan cun staff composto por adestradores formados e implicados e cunha idea clara de clube que en moitos casos desenvolven outros roles dentro da propia sociedade. Os resultados non están tardando en aparecer.

No plano deportivo, o camiño está sendo moi óptimo para o primeiro equipo e sobresaínte  para o B, que en tan só dous anos de vida xa pode presumir de xogar unha fase de ascenso e semella que este ano ten ben encamiñado un merecido ascenso a Segunda Autonómica. No tocante a instalacións, ó histórico Cerdeiriños saíulle esta tempada un irmán pequeno en forma de anexo de herba sintética de última xeración onde se leva a cabo todo o traballo, que non é pouco, cos equipos de base en forma de adestramentos e partidos. Por se fóra pouco, ós hiperactivos dirixentes da S.D. estáselles a dar por participar de xeito moi activo en diferentes actividades culturais e lúdicas que se celebran na vila, ( Entroido, festas patronais…etc.) funcionando como auténticos dinamizadores culturais do concello e facendo caixa en forma de ingresos atípicos, tan necesarios para manter un clube con tantas frontes abertas.

COMARCA DE CHANTADA. TREBÓN NA MEDELA E OVERBOOKING NO SANGOÑEDO

Unha inesperada tormenta veu alterar esta tempada a rutina  no campo taboadés da Medela. Un Relámpago, para ser exactos. Un grupo de bulideiros rapaces da vila, deciden tirarse ó monte e saír á competición ofrecendo á afección taboadesa una alternativa ao hexemónico e histórico Taboada F.C. Para iso, deciden recuperar o suxerente nome de Relámpago, denominación dun antigo equipo do municipio  e unha idea clara en canto a obxectivos: disfrutar da diversión que ofrece a competición.

O periplo do Relámpago non está a ser doado pola Terceira Autonómica. Se todos os comenzos son complicados, a corta historia do Relámpago non está sendo un camiño de rosas. O exilio obrigado pola incompatibilidade física de compartir campo municipal co Taboada F.C., veu acompañado por uns comezos titubeantes en forma de resultados negativos, tendencia que está cambiando nos últimos meses. O feito de xogar como local en campos veciños como Antas ou Monterroso tampouco axuda. Agora, o pararaios está na casa do concello de Taboada, que terá que mediar para o entendemento entre dous clubes da mesma vila. Os responsables municipais proverán, pero o conto non semella ter un final doado. Coma se dunha serie de suspense se tratase, continuará…

Os que parecen non acusar as novidades son os moradores habituais da Medela, o Tabaoda F.C. Moi cómodo o primeiro equipo na zona media da Primeira Autonómica, manteñen a estructura tradicional de primeiro equipo, un xuvenil e veteráns.  De facto un dos clásicos do fútbol provincial, ós branquiazuis hai que agradecerlles un mais que correcto mantemento e coidado do campo municipal e unha acertada actividade en redes sociais, feito que recomendamos a ser imitado polos diferentes clubes da provincia.

Na veciña ribeira do Asma baixan as augas un pouco mais calmas. A maltreita herba sintética do Sangoñedo recibe as pegadas habituais das diferentes categorías da S.D Chantada, que simutanea o seu uso co Chantada Atlético. Este matrimonio de conveniencia ven compartindo fogar dende fai xa algunhas tempadas e polo momento, parece que se entenden. Aínda que aquí o misterio é conseguir comprender o tetris que supón coordinar entrenos e partidos e cadrar axenda de todas as categorías inferiores da S.D. Chantada, equipo de Preferente incluído, mais os do Chantada Atlético, que participa na primeira autonómica xunto co seu curmán Chantada B. Respeto máximo e admiración ante semellante traballo de armonización para o uso dunha mesma istalación. É un exemplo evidente de que cando se quere, o entendemento é posible. O danado estado do caucho do Sangoñedo terá a derradeira palabra e decidirá ata cando. 

Con este decorado, en Antas, Monterroso, Taboada ou Chantada non hai excusas para non ir ó fútbol. Trátase de escoller, non será por falta de opcións.

Fernando Arias. Ex xogador e socio da S.D Monterroso. Excolaborador de Radiovoz Lugo. Pai de Fiz. Enfermo do infrafútbo.

Comparte
            

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

4 ComentariosDeixa un Comentario

  • O Palas CD atópase tamén na Ulloa, creo que tamén se merece unha mención despois de ser o campeón da copa de segunda e terceira autonómica o ano pasado, ademáis de que se atopa líder da segunda autonómica actualmente.

    • Tamén decir que se sinte un orgulloso de que o deporte sexa unha parte tan fundamental desta zona, digno de mencionar, e máis da boa maneira que se fixo

  • Hola.O feito de que o C.D.Palas non apareza no texto obedece a que non posúe filial nin existe outro clube no concello. O artigo vai precisamente diso,do feito excepcional que nun mesmo concello haxa dous equipos ou clubes.
    Saúdos.

  • Dito isto, é xusto recoñecer que o C.D.Palas tamén està facendo un gran traballo. Tamén é clàsico o inmellorable estado dos Chacotes ano tras ano.Pero non entraba dentro das peculiaridades que sí teñen os equipos que aparecen no artigo.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*