
Agosto, ano 2015. O Arturo Pereiro comezaba a escribir a mellor páxina da súa historia. Castro camiñaba cara a Terceira División contra todo pronóstico. Coa ilusión por bandeira e o traballo como motor. Todo nunha campaña na que houbo cambio de técnico e na que os da Terra Chá acumularon vinte e seis xornadas consecutivas sen perder. Incrible pero certo!
Pouco queda daqueles tempos de gloria. Agora, o equipo deambula pola zona baixa da Primeira Galicia. Iso si, aínda quedan mínimos vestixios daquela fachendosa fazaña. O mesmo técnico que iniciou todo aquelo, o carismático home que corre a banda para recoller os balóns e un capitán silencioso reconvertido a capitán xeral. O reduto máis visible de que calquera tempo pasado foi mellor.
Diego Pardeiro Morado ‘Dumi’ formaba parte daquel conxunto histórico. Un dos cadros de xogadores «máis baratos da categoría pero moi bo». «Só cobrábamos por primas», engade. Hai uns meses marchaba Hugo Buide, dianteiro do pobo, buscando uns retos que na súa terra xa non podía vivir. Aínda así, na súa memoria perdura aquel equipo. Do que seguramente non se olvide na vida. «Eramos unha familia, levabámonos todos xenial dende Iván González ata os sub23. Fixeramos que un grupo de xente da zona sen ser de grandes capitais», comenta.



«Comezamos movéndonos entre os postos do sexto ao décimo. Non terminabamos de arrincar«, relata Dumi. Pero se as cousas ían mal «sempre había bo rollo no vestiario». Pedro Díaz, sábeo ben. Aínda recorda a derrota por 1-0 ante o Bertamiráns, un rival directo. «Saín tralo descanso por lesión dun compañeiro. Na estratexia nunca subía a rematar o balón parado pero como ese día xa estaba preparada, non se modificou e eu entraba a rematar no lugar do compañeiro ao que substituira. Con 0-0 no marcador, estando completamente só rematei fóra dous balóns peinados ao segundo pau. Para acabar o meu partido, no tempo de desconto cometín un penalti por unha man. Gol. 1-0 e derrota. Estaba afundido no vestiario sentíndome o único culpable da derrota. Pero todos os membros do equipo viñeron animarme e decirme que isto non era o final. Algo que demostra o valor humano deste grupo».
PUNTO DE INFLEXIÓN
O grupo viviu un momento deses que ou te afunden, ou te fan aínda máis forte. Así foi. Marcos Veiga deixou o banquiño e alá foi o Castro sen adestrador a Laracha. A visitar a un conxunto que, por aquelas, contaba cunha vantaxe de cinco partidos sobre os chairegos. «Gañamos por 2-3 cun gol no desconto. Con Omar e Suso Orxás medio dirixindo dende a bancada, xa que non podían xogar ese partido. Ata eles saltaron ao campo a celebralo», resume Dumi.


Á semana seguinte poñíase aos mandos Iván Lamas. El non era a primeira opción do club. «Eu era o adestrador do porteiros con Marcos Veiga. Fixera un amago xa de irse e á segunda marchou. Chamáronme un martes para empezar ese mesmo día a adestrar. A primeira opción era David Páez e non saira adiante», recoñece. Con el quedou Brais Prados, que ocupou o cargo de segundo adestrador con ámbolos dous técnicos. «A miña idea era marchar porque eu chegara con Marcos. Iván insistiu en que quedase con el. Xa nos coñecíamos ben».
Un dúo que fixo crecer a ilusión e a confianza dos seus xogadores. «Dende o primeiro adestramento víronse sensacións boas. Recordo que Diego Novo dixera que non tivera unha sesión así en anos», comenta Iván Lamas. «Víase un grupo moi enchufado, con moitas ganas e moi fácil de adestrar», engade Brais. «Só cambiou o feito de ter adestramentos máis curtos e máis intensos. O vestiario pasou de estar revolucionado a máis calmado. O bo ambiente é fundamental. Pero sen bos xogadores non ganas. Tiñámolos e xusto recuperamos a Omar«, sinala Iván.
Aí reside o pistoletazo de saída para «unha segunda volta espectacular», como a cualifica Dumi. «En moi poucos partidos contra os de arriba iamos por diante ao descanso. Eses equipos non estaban acostumados a sufrir e íanse dos partidos nas segundas partes e nós iamos para arriba. Nunca perdíamos o equilibrio«, dice Iván Lamas. Así foron chegando os puntos para escalar semana a semana na táboa. Ata firmar as famosas vinte e seis xornadas sen perder (varias delas xa viñan da época de Marcos Veiga) para rematar campións. «Vinte e seis encontros, dende o 1 de novembro que perdimos 0-2 co Paiosaco ata a ultima xornada de liga», explica Brais Prados.

Unha derradeira xornada na que caían na casa ante o Xallas, sen nada máis que os puntos en xogo. Xa que o ascenso firmouse na penúltima data. Nun derbi ante o Chantada no que os chairegos venceron por 0-3 con goles de Omar, Iván González e Hugo Buide. Un Buide que non puido festexar o título ligueiro a semana seguinte. «O día da festa do ascenso acabei no hospital porque me abriron a cabeza contra o Xallas. Non puiden celebrar cos compañeiros, con gaiteiros e todo tocando e quedei sen nada». Un final alternativo e triste para unha historia que só esconde ledicia para este pequeno pobo da Terra Chá e o seu orgulloso equipo de fútbol.
EN CURTO
Dumi: «O ano máis bonito e importante da nosa carreira deportiva, máis incluso que o ano de Terceira. E mira que tamén ascendín co Ribadeo. Iamos domingo a domingo. Aínda o falamos eses antigos compañeiros, que é algo moi difícil de volver ver».
Pedro Díaz: «Só podo dar as grazas a todos os integrantes daquel grupo. Por poder vivir un soño que desde logo non entraba nas miñas mellores expectativas».
Hugo Buide: «Conseguir vinte e seis partidos seguidos sen perder é algo moi compricado no fútbol de hoxe. Máis aínda con cinco homes do pobo».