Rematou a 1ª volta na Segunda Rexional. Fíxoo con cambios no grupo norte. O Alfoz encabeza a clasificación logo de gañar o seu partido e aproveitarse da derrota do Sanci. Un primeiro posto que volverá estar en xogo na vindeira xornada. A primeira da 2ª volta trae un duelo entre os dous implicados. O grupo sur continúa ao ritmo que marca un San Lázaro que acumula 13 encontros sen perder. A continuación os onces Futbolinlugo da 15ª xornada.
![](http://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2020/01/onovo_roupar.jpg)
Unha xeira de cinco vitorias seguidas por un lado. A primeira derrota en 15 partidos polo outro. Foron algunhas das circunstancias que posibilitaron o cambio de líder no grupo norte. O Alfoz colócase no máis alto. Hai pouco máis dun ano remataba a 1ª volta como subcampión de inverno do grupo norte da Terceira Rexional. Na pasada fin de semana derrotou na casa ao pechacancelas, o Abadín. Dobrete de Pablo Souto e un gol de Iván. O encontro tampouco foi tan desequilibrado como poda reflectir o resultado. Os visitantes tiveron algunha opción. Mérito, por exemplo, para Pablo; un rapaz de 17 anos que nunca xogou ao fútbol ata este curso e deu a cara nun equipo que acumula oito derrotas seguidas. O primeiro encontro perdido do Sanci produciuse a domicilio. Ante un Roupar que vai á alza. Volveu o Esteban “Sebas” goleador. O seu hat-trick e a entrega do cadro verde foron cruciais.
O Meira, o Cabreiros e o Sporting Pontenova aproveitaron para recurtar distancias cos postos de ascenso. O conxunto meirego queda a catro puntos da segunda posición. Venceu pola mínima no Ventiño. Coa mesma diferenza atópase o Cabreiros. Superou á Candelaria nunha Cea que rematou enlamada. O central Cris foi un dos protagonistas do encontro. Empatou o partido cun gol seu e deulle o pase para que Seijo consumara a remontada. A cinco puntos do Sanci está o Pontenova. O cadro preparado por Andrés Bouza derrotou a un rival directo. O Xermade non puido facerlle fronte no Municipal. Outro dos que está nun bo momento é o Celta Barreios. Volve mirar cara arriba. Terceira vitoria seguida. A última pola mínima no Cascabeiro ante o Muimenta. Na zona media aséntase o Cospeito que tenta buscar máis regularidade para achegarse aos postos altos. Derrotou pola mínima a un Iberia que continúa en descenso. O gol de Xoán foi o único do choque. Ademais do Roupar, na zona baixa destacou o triunfo do Mondoñedo nun encontro de nove goles ante o Guitiriz. A distancia cos postos de descenso directo xa é de oito puntos.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
No grupo sur, o San Lázaro mantén as distancias. Nunha xornada na que gañaron os que ocupaban e ocupan os cinco primeiros postos. Sen ir máis lonxe, o conxunto da Ponte derrotou nos Medos ao Brollón. E o Ferreira fixo tamén o seu no Baliño ante o Corgo. Un duelo con sete goles; cinco para os locais. Dobrete de Sergio Cabanelas ademais dos tantos de Rafa, Marcos e Samba. O Portomarín continúa na terceira posición ao gañar o terceiro choque de xeito seguido. Superou a domicilio ao Oural. Os pupilos preparados por Fernandito tiveron que remontar. Ao descanso perdían pola mínima.
O Incio é o cuarto clasificado. Derrotou á SD Becerreá. Unha das chaves estivo nos primeiros minutos da 2ª parte. Onde marcou dous goles. O cadro visitante desaproveitou un penalti. Finalmente marcaría un gol, pero non conseguiu o empate. O Paradela reencontrouse coa vitoria ante o Quiroga. Venceu cun dobrete de Romi. Tamén marcou dous goles Jordi para o Río Sil. Dous dos catro cos que o seu equipo superou nas Rapadas ao Páramo nun dos duelos directos da xornada. A sétima posición é ocupada agora polo Santa Comba. Une dous triunfos consecutivos. Derrotou a domicilio ao Bóveda. A outra vitoria da xornada foi a do Palas ante o Chantada B. Seis partidos levaba sen gañar o cadro adestrado por Iván Fernández. O filial chantadino continúa en descenso.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)