Unha de cal e outra de area na Terceira. O Racing Vilalbés gañou ao Arenteiro na Madalena, mentres que o Polvorín non puido co Deportivo Fabril na Cheda. Na Preferente, o Viveiro é máis líder logo de gañar no campo do Sofán. O derbi provincial entre Sarriana e Ribadeo rematou en empate. Foz e Lemos sacaron adiante os seus encontros ante Mugardos e Boimorto respectivamente. A única derrota foi a da Residencia, que caeu na Cheda ante o Fisterra, segundo clasificado.
O Racing Vilalbés deixou atrás os seus problemas co gol e marcoulle catro ao Arenteiro (4-3). O comezo foi perfecto para os chairegos. Na primera acción de perigo, Josito rematou no segundo pao un saque desde o recanto. Co marcador a favor, os de Simón Lamas deixoulle terreo ao Arenteiro, que comezou a dominalo balón. Os de Gelucho, coa defensa moi adiantada sufriron as contras dun Racing que marcaría dous tantos máis. Cuadrado, a pase de Javi Varela, e Make puxeron terra de por medio. Os visitantes avisaron por medio do ex racinguista Javi Rey, que rematou rozando o pao, e recurtaron diferencias xusto antes do descanso logo dun penalti de Vérez. Na segunda metade, o gardameta Rui evitou o cuarto logo dun remate de Cuadrado. David Suárez fixo o segundo e durante uns intres parecía factible o empate. Pero o Racing, á contra fixo o cuarto, obra de Sito que marcou ao pouco de entrar no campo. Moi preto do final, Jony fixo o terceiro para os do Carballiño.
O Polvorín segue en descenso tras caer co Deportivo Fabril na Cheda (1-2). O filial lucense saiu co claro obxectivo de ter o balón e controlar o partido mediante a posesión. A presión alta dos de Luisito impediuno. Malia todo, os albivermellos tiveron ocasións claras de gol con dous disparos de Álex Rey e outro de Arón. Antes da media hora de xogo, Matías cometeu penalti sobre Pedro Martelo e Mario Losada adiantou aos visitantes. Faltoulle profundidade aos de José Durán antes do descanso, pero na segunda metade coa entrada de Morais o Polvorín xerou máis perigo. A falta dun cuarto de hora para o final, Arón aproveitou o pase da morte de Chiqui para empatar o encontro. Cando parecía que os dous conxuntos se conformaban co empate, un disparo lonxano de Mario Losada ante o que Julen nada pode facer, convertiuse no tanto do triunfo fabrilista.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/concelloguitiriz.gif)
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2024/01/PlayaCova-1.gif)
O Viveiro remontou no campo do Sofán e xa ten catro puntos de marxe do segundo (1-3). Non foi doado o encontro para os de Chusky. Ao pouco de comezar, e tras unha indecisión entre Uriol e Manu Cedrón, o conxunto local adiantábase por medio de Alexandre. Cun fútbol directo, o Sofán foi mellor durante a primeira media hora de encontro. Pouco antes do descanso, Arturo colou o balón entre os defensores locales e superou a Álex. Cuarto tanto en dúas xornas do ariete viveirense. Na segunda metade mellorou o líder. Marino aproveitou un bo pase de Gerardo para facer o segundo. Poucos minutos despois, o Sofán quedou con dez por expulsión de Alexandre e o Viveiro xogou máis cómodo. Nunha xogada individual, Gerardo marcou o terceiro e sentenciou o encontro. Non se rendiron os locales, e Raúl tivo unha clara ocasión para recurtar diferencias.
O derbi provincial entre Sarriana e Ribadeo rematou en igualada (1-1). Ámbolos conxuntos pelexaron polos tres puntos para achegarse á zona de privilexio, pero tiveron que conformarse con un. O cadro local foi mellor na primeira metade e gozou de ocasións claras de gol. Javi Fraga disparou ao pao e foi Álvaro o que atinou coa portería de Hugo logo dun bo pase do ex ribadense Javicho. Na segunda, os mariñáns colleron a iniciativa e Criss acadou o empate logo dun centro desde a banda dereita. O propio dianteiro focense e Poratti tiveron ocasións para desnivelalo encontro.
![](https://futbolinlugo.es/wp-content/uploads/2025/01/resolucionconcorrenciadeputacion1.gif)
O Foz voltou á senda da vitoria e fíxoo ante o Mugardos, amosando unha boa imaxe (2-0). Triunfo moi necesario para os focenses, que voltaron a manter a portería a cero. Manu Pardo tivo que empregarse a fondo para deter un disparo de Naya ao comezo do encontro, pero foi a única chegada con perigo dos visitantes. Os de Gayol foron mellores e levaron a iniciativa do encontro. Andrés Bustelo, cun lanzamento lonxano, fixo o primeiro tanto e tan só catro minutos despois Gonzalo puxo terra de por medio cun bo remate de cabeza. Na segunda metade o Mugardos levou máis a iniciativa, pero sen crear ocasións de perigo. Encontro serio do Foz, que suma trece puntos.
Terceiro triunfo consecutivo do Lemos, que derrotou na Pinguela ao Boimorto (2-0). Os monfortinos tiveron que agardar á media hora de encontro para adiantarse no marcador. Gonzalo Torres xa tivera unha ocasión clara, pero foi Adri Díaz que voltaba ao equipo o que inagurou o marcador. Co marcador en contra o Boimorto deu un un paso adiante e o Lemos xogou corenta minutos en superioridade pola expulsión do central Ivo. David Pereiro acadou o empate e Figurín atopouse coa excepcional parada de Arturo. A dez minutos para o final, Armesto anotou o segundo tanto en xogada individual e xa case co tempo cumprido, e co rival tamén con dez, Dafonte sentenciou o choque.
A Residencia non puido puntuar ante a gran revelación da temporada, o Fisterra (1-2). Segunda derrota consecutiva e terceira xornada sen gañar para o conxunto de Álvaro Meilán. Malia todo, os lucenses fixeron un bo partido e tiveron ocasións para poder sacar un resultado positivo, ante un conxunto en racha. Veloso e Iago tiveron as máis claras na primeira metade. Pero foi o Fisterra quen se adiantou no marcador cun tanto de Breixo. Igualaron os locales, xa no segundo tempo, cun gol de Dani Galán que axustou o seu disparo lonxe do meta rival. Xa preto do final, desde o punto de penalti, Julián anotou o tanto do triunfo visitante.