Trío de Ases Terceira e Preferente (Xornada 10)

Unha de cal e outra de area na Terceira. O Racing Vilalbés gañou ao Arenteiro na Madalena, mentres que o Polvorín non puido co Deportivo Fabril na Cheda. Na Preferente, o Viveiro é máis líder logo de gañar no campo do Sofán. O derbi provincial entre Sarriana e Ribadeo rematou en empate. Foz e Lemos sacaron adiante os seus encontros ante Mugardos e Boimorto respectivamente. A única derrota foi a da Residencia, que caeu na Cheda ante o Fisterra, segundo clasificado.

O Racing Vilalbés deixou atrás os seus problemas co gol e marcoulle catro ao Arenteiro (4-3). O comezo foi perfecto para os chairegos. Na primera acción de perigo, Josito rematou no segundo pao un saque desde o recanto. Co marcador a favor, os de Simón Lamas deixoulle terreo ao Arenteiro, que comezou a dominalo balón. Os de Gelucho, coa defensa moi adiantada sufriron as contras dun Racing que marcaría dous tantos máis. Cuadrado, a pase de Javi Varela, e Make puxeron terra de por medio. Os visitantes avisaron por medio do ex racinguista Javi Rey, que rematou rozando o pao, e recurtaron diferencias xusto antes do descanso logo dun penalti de Vérez. Na segunda metade, o gardameta Rui evitou o cuarto logo dun remate de Cuadrado. David Suárez fixo o segundo e durante uns intres parecía factible o empate. Pero o Racing, á contra fixo o cuarto, obra de Sito que marcou ao pouco de entrar no campo. Moi preto do final, Jony fixo o terceiro para os do Carballiño.

O Polvorín segue en descenso tras caer co Deportivo Fabril na Cheda (1-2). O filial lucense saiu co claro obxectivo de ter o balón e controlar o partido mediante a posesión. A presión alta dos de Luisito impediuno. Malia todo, os albivermellos tiveron ocasións claras de gol con dous disparos de Álex Rey e outro de Arón. Antes da media hora de xogo, Matías cometeu penalti sobre Pedro Martelo e Mario Losada adiantou aos visitantes. Faltoulle profundidade aos de José Durán antes do descanso, pero na segunda metade coa entrada de Morais o Polvorín xerou máis perigo. A falta dun cuarto de hora para o final, Arón aproveitou o pase da morte de Chiqui para empatar o encontro. Cando parecía que os dous conxuntos se conformaban co empate, un disparo lonxano de Mario Losada ante o que Julen nada pode facer,  convertiuse no tanto do triunfo fabrilista.

O Viveiro remontou no campo do Sofán e xa ten catro puntos de marxe do segundo (1-3). Non foi doado o encontro para os de Chusky. Ao pouco de comezar, e tras unha indecisión entre Uriol e Manu Cedrón, o conxunto local adiantábase por medio de Alexandre. Cun fútbol directo, o Sofán foi mellor durante a primeira media hora de encontro. Pouco antes do descanso, Arturo colou o balón entre os defensores locales e superou a Álex. Cuarto tanto en dúas xornas do ariete viveirense. Na segunda metade mellorou o líder. Marino aproveitou un bo pase de Gerardo para facer o segundo. Poucos minutos despois, o Sofán quedou con dez por expulsión de Alexandre e o Viveiro xogou máis cómodo. Nunha xogada individual, Gerardo marcou o terceiro e sentenciou o encontro. Non se rendiron os locales, e Raúl tivo unha clara ocasión para recurtar diferencias.

O derbi provincial entre Sarriana e Ribadeo rematou en igualada (1-1). Ámbolos conxuntos pelexaron polos tres puntos para achegarse á zona de privilexio, pero tiveron que conformarse con un. O cadro local foi mellor na primeira metade e gozou de ocasións claras de gol. Javi Fraga disparou ao pao e foi Álvaro o que atinou coa portería de Hugo logo dun bo pase do ex ribadense Javicho. Na segunda, os mariñáns colleron a iniciativa e Criss acadou o empate logo dun centro desde a banda dereita. O propio dianteiro focense e Poratti tiveron ocasións para desnivelalo encontro.

O Foz voltou á senda da vitoria e fíxoo ante o Mugardos, amosando unha boa imaxe (2-0). Triunfo moi necesario para os focenses, que voltaron a manter a portería a cero. Manu Pardo tivo que empregarse a fondo para deter un disparo de Naya ao comezo do encontro, pero foi a única chegada con perigo dos visitantes. Os de Gayol foron mellores e levaron a iniciativa do encontro. Andrés Bustelo, cun lanzamento lonxano, fixo o primeiro tanto e tan só catro minutos despois Gonzalo puxo terra de por medio cun bo remate de cabeza. Na segunda metade o Mugardos levou máis a iniciativa, pero sen crear ocasións de perigo. Encontro serio do Foz, que suma trece puntos.

Terceiro triunfo consecutivo do Lemos, que derrotou na Pinguela ao Boimorto (2-0). Os monfortinos tiveron que agardar á media hora de encontro para adiantarse no marcador. Gonzalo Torres xa tivera unha ocasión clara, pero foi Adri Díaz que voltaba ao equipo o que inagurou o marcador. Co marcador en contra o Boimorto deu un un paso adiante e o Lemos xogou corenta minutos en superioridade pola expulsión do central Ivo. David Pereiro acadou o empate e Figurín atopouse coa excepcional parada de Arturo. A dez minutos para o final, Armesto anotou o segundo tanto en xogada individual e xa case co tempo cumprido, e co rival tamén con dez, Dafonte sentenciou o choque.

A Residencia non puido puntuar ante a gran revelación da temporada, o Fisterra (1-2). Segunda derrota consecutiva e terceira xornada sen gañar para o conxunto de Álvaro Meilán. Malia todo, os lucenses fixeron un bo partido e tiveron ocasións para poder sacar un resultado positivo, ante un conxunto en racha. Veloso e Iago tiveron as máis claras na primeira metade. Pero foi o Fisterra quen se adiantou no marcador cun tanto de Breixo. Igualaron os locales, xa no segundo tempo, cun gol de Dani Galán que axustou o seu disparo lonxe do meta rival. Xa preto do final, desde o punto de penalti, Julián anotou o tanto do triunfo visitante.

Luca´s Grill
Moreno´s Pizza
Imagen por defecto
Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Artículos: 501

Deja un comentario

Los datos que proporciones mediante este formulario serán tratados por Futbolinlugo como responsable de esta web. La finalidad de la recogida de estos datos se realiza solamente para responder y moderar los comentarios. Estos datos estarán almacenados en los servidores de PROFESIONAL HOSTING, situados en la Unión Europea (política de privacidad de Profesional Hosting). Puedes ejercer tus derechos de acceso, rectificación, limitación y supresión enviando un correo electrónico a diegopolc8@gmail.com.