Comezan os fins de semana no que o fútbol será o protagonista dunha boa parte do tempo de lecer de todos nós. Malia que tan só a Terceira División e a Preferente Autonómica botan a andar neste día de San Bartolo, xa temos encontros máis que interesantes.
SÁBADO 24 DE AGOSTO
Terceira División


– Racing Vilalbés – C.D. As Pontes (18:30 horas na Madalena): case que un derbi na capital da Terra Chá. A proximidade xeográfica entre ámbalas dúas vilas propiciará, ben seguro, un dos mellores ambientes de fútbol da temporada no feudo racinguista. O conxunto de Simón Lamas, que apostou pola continuidade da maior parte do plantel da pasada temporada, buscará comezar con bo pé ante un As Pontes que retorna a categoría nacional logo de acadalo ascenso dun xeito cómodo.
Último enfrontamento: 29 de xaneiro de 2017 (2-1). Goles do hoxe viveirense Gerardo para o Racing Vilalbés e de Edy para o As Pontes.

DOMINGO 25 DE AGOSTO

Terceira División
– Arousa S.C. – Polvorín F.C. (19 horas na Lomba): o filial lucense, moi remozado, visita a un dos conxuntos punteiros da categoría, que vén de asinar ao ex do Bergantiños Jorge Sáez. Dura proba para os de José Durán nesta primeira xornada de compeitición.
Último enfrontamento: 2 de setembro de 2018 (2-1). Goles de Javi Otero e Sylla para os arousáns e de Morais para o Polvorín.
Preferente Norte
– C.D. Foz – S.D. Sarriana (18:30 horas no Martínez Otero): o noso partido da xornada. Derbi provincial entre dous conxuntos con obxectivos distintos. A permanencia será prioritaria para os mariñáns, mentras que os de Dani Fernández buscarán asentarse na zona alta da clasificaición desde o comezo.
Último enfrontamento: 20 de xaneiro de 2019. (1-1). Goles de Iban Gayol e Marzán.
– Viveiro C.F. – Boimorto C.F. (19 horas en Cantarrana): os mariñáns son claros favoritos a pelexar polo ascenso. Ao grupo da pasada temporada, sumáronse xogadores experimentados e de calidade. Os de Chusky reciben ao sempre complicado Boimorto, adestrado esta campaña por Susú Cores, sustituta no banco de Dani Fernández, hoxe na Sarriana.
Último enfrontamento: 17 de marzo de 2019 (3-3). Golearon para o o Viveiro Agus, Álex Meitín e Nathan, mentras que para o Boimorto anotou Oli, Luisito e Figurín.

– S.D. Residencia – Xallas F.C. (18:15 horas na Cheda): regresa a Preferente tan só unha temporada máis tarde o cadro dirixido por Álvaro Meilán. E faino recibindo a un Xallas, que a priori, será rival directo dos lucenses na pelexa pola permanencia.
Último enfrontamento: 19 de novembro de 2017 (1-1). Mauro anotou para a Resi, mentras que Álex Blanco para os xalleiros.
– Sigüeiro C.F. – Ribadeo F.C. (18 horas no Lino Balado): os de Rafa Casanova visitan a un conxunto que fará historia este fin de semana. Disputará o primeiro partido da súa historia en Preferente. O incombustible Juanito e compañía tentarán poñerllo dificil a un Ribadeo que afronta esta temporada cun plantel renovado, e sen poder xogar no Pepe Barrera ata as primeiras datas de 2020.
Non existen enfrontamentos previos.
– S.D. Dubra – Club Lemos (19 horas no Juan Baleato): os monfortinos regresan a Preferente da man de Edu Rodríguez. O xoven técnico foi quen de construir un equipo á súa medida, integrado maioritariamente por xogadores da comarca que tentará asentarse na categoría. Comezan nun campo complicado, ante un Dubra que buscará facerse un oco na zona alta da táboa clasificatoria.
Último enfrontamento: 8 de setembro de 2013. (2-0). Ámbolos tantos de Sergio Leis.