Ben seguro que a tódolos futboleiros da provincia se lles fixo longo todo un verán sen fútbol. Malia que a pretemporada cubre en parte eses dous meses sen que rode o balón, xa se precisa a adrenalina da competición. E xa chega este fin de semana, coa posta de longo da Terceira e a Preferente Autonómica.

E o grupo norte da Preferente comeza cun plato forte para os afeccionados lucenses: o derbi provincial entre Foz e Sarriana, ás 18:30 horas do domingo no Martínez Otero. O encontro será dirixido polo colexiado Ignacio Crespo, do colexio de A Coruña.

O conxunto focense afronta a segunda temporada consecutiva en Preferente, co claro obxectivo de acadala permanencia dun xeito algo máis folgado que a pasada. Para logralo, a directiva conseguiu algo que a comezos do verán parecía imposible: que Gayol siga no banco e Asier no campo, malia que o mediapunta cumplirá a sanción por acumulación de cartóns que acarrea da última xornada. Ademáis, o C.D. Foz renovou á maioría do seu plantel de xogadores, incluído Jesús Pablo, que fará máis levadeira a ausencia no centro da zaga do insustituíble Javi Chinchón. O debut coa camisola branquivermella de Andrés Bustelo, Álex Paz, Miguel Gomes ou o retorno do goleador Manolo son algúns dos atractivos para a afección focega.

Asier perderase o encontro por sanción

A Sarriana, igual que o seu rival, xogará a segunda temporada na categoría, pero a diferencia dos mariñáns, a piques estiveron de deixala, pero para xogar en Terceira. Boa parte da temporada coquetaron cun ascenso, que parecía utópico fai tan só un ano. A día de hoxe, a diferencia é que ese salto de categoría é o gran obxectivo. O proxecto é novo, comezando polo banquiño. Alberto López aceptou a oferta do Arzúa en Terceira, e dirixirá ao equipo Dani Fernández, que chega logo de facer unha gran campaña no Boimorto, e con pasado como xogador en Segunda e Segunda División B. Raúl Antas, Javicho, Fernando, Samu, os irmáns Jacobo e Keko Vilariño, Jimmy ou Hugo Buíde entre outros terán a responsabilidade de que a afección da Ribela non se lembre dos Édgar, Diego Núñez, Rubén Díaz, Marzán ou Diego Arias.

Fernando debutará coa Sarriana logo dunha temporada no Ribadeo

O último enfrontamento entre ámbolos conxuntos no Martínez Otero foi a pasada temporada e rematou con empate a un gol.  Iban Gayol adiantou ao Foz, pero Marzán empataría aos poucos minutos desde o punto de penalti.

Falamos con dous xogadores que vestirán a camisola de Foz e Sarriana por primeira vez en partido oficial: Álex Paz e Hugo Buíde.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

ÁLEX PAZ (C.D. FOZ)

O comezo. «O equipo chega con moita ilusión e respírase un gran ambiente. Todos temos gañas xa de comezala competición, e aínda que hai bastantes caras novas, polo momento acoplámonos moi ben«.

Retorno á Preferente. «O ano pasado foi complicado por moitos motivos e razóns, e sobre todo no entorno deportivo con certas persoas. Logo de deixalo Viveiro en xaneiro, ao mes seguinte fichei no Xove Lago. Este ano recupero a ilusión de volver a xogar e fágoo con tódalas gañas de devolverlle a confianza a Gayol, co que debutei en Preferente, e poder deixalo equipo o máis arriba posible na clasificación«.

A Sarriana. «É un partido difícil, ante un candidato ao ascenso, que se reforzou con grandes xogadores. Xunto cos que xa tiñan fan un auténtico equipazo. A pesar diso, os comezos son sempre parellos e costa entrar en competición. Nós na casa farémonos fortes e iremos a por todas. Será un encontro igualado, con ocasións, xa que nós arriba temos moita pólvora«.

HUGO BUÍDE (S.D. SARRIANA)

A nova temporada. «Chegamos coa maior das ilusións. Aínda que o grupo é maioritariamente novo a pretemporada serviunos para coñecernos e adaptarnos pouco a pouco ao que quere o míster«.

Ilusións renovadas. «Dos anos que xoguei en Castro, o último foi o peor deportivamente, pero de todo se poden sacar conclusións positivas e iso tentei facer. Chego a Sarria moi ilusionado. Con moitos compañeiros xa compartira vestiario e sempre é un placer volver coincidir con xente coa que disfrutei anteriormente».

O Foz. «Primeiro encontro de liga, derbi provincial . . .  Agardo un partido moi disputado. Sempre é bonito comezar unha liga así, e ogallá academos os tres puntos. O rival é un bo equipo no seu conxunto, con bos xogadores en tódalas liñas. Pódennos crear perigo de moitas formas«.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*