Xa está en marcha. Abertas as inscricións, púlense os detalles. O V Campus do Racing Vilalbés chega na primeira semana de xullo. Faino con novidades. Aínda que hai cousas que non cambian. Por quinto ano seguido o padriño é o mesmo. O agora ex futbolista profesional Roberto Trashorras continuará apadriñando aos nen@s que se acheguen ao Roca. E aí vai unha das novidades da lista. Pero hai máis. A xestión cambia de caras. Dous homes da casa levan a batuta. O futbolista do primeiro equipo e adestrador da base, Alberto Lamas “Make” forma tándem co tamén preparador da base e segundo técnico do Santaballés, Roberto Freire. Non obstante, os dous teñen experiencia. Xa foron monitores en anteriores edicións.
“Estes últimos anos estivemos axudando. Desta volta non sei por que non daba saído a data. Hugo máis Jose eran os anteriores organizadores e decidiron non facelo por diversas razóns. Agora xuntamos dous campus en Vilalba. O do Vilalba FS na semana anterior e o noso. É importante que os nenos podan desfrutar”, apunta Make quen destaca tamén como se vai desenvolver a cita: “Vai ser só en horario de mañá. Agás o xoves que será todo o día. Faremos unha pequena excursión. O cambio principal é que imos orientalo cara á tecnificación”.
E esa semella que será outra das grandes novidades. Roberto Freire explícaa máis en profunidade: “Cremos que había que darlle un cambio. Non sabemos a razón, pero a afluencia foi baixando ano a ano. Ao mellor colleu unha liña moi marcada o Campus. Entón os nenos xa sabían como era. A parte técnica individual no fútbol é súper importante. É algo que lles gusta. Algo no que se ven mellorando moi rápido e a nós gústanos moito ese apartado. Un motivo máis para apuntarse. Haberá tamén específico de porteiros. Animamos aos nenos e nenas de fóra do club. Todo o mundo é benvido”. Algo que apunta Freire que tamén é unha das características da base do Racing Vilalbés: “o club mellorou moito na base. En parte cremos que é por este tipo de traballo individual. Primeiro que o xogador sexa capaz de resolver as situacións por si mesmo. É importante que para iso sexa coñecedor do balón. E a partir del e do balón se dean as situacións de partido. A tecnificación antes facíase na praza, cos amigos. Agora iso perdeuse practicamente”.
O Campus terá un custo de 100€ para os nen@s da base do Racing Vilalbés e de 120€ para os que non sexan do club. Ademais os que se anoten no primeiro prazo que remata o 9 de xuño entran no sorteo dunhas rifas polo valor de 20€. Poden vendelas para abaratar a inscrición ou quedarse con elas. O premio son dous carnés de socio do Racing Vilalbés para a vindeira temporada e tamén unha camisola do cadro chairego.


Pódense coñecer máis detalles do Campus e a folla de inscrición aquí.
Esta edición será a primeira a que acuda Trashorras despois de facer oficial a súa retirada do fútbol profesional. “É un mestre do fútbol, non puxo ningún problema”, apunta Freire quen confía en que traia a algún compañeiro do fútbol de alto nivel para que veña visitar o Campus. Ademais as actividades desenvolveranse no mítico Roca. “O motivo principal é que o campo grande da Madalena estano arranxando. Aínda así cremos que é un bo lugar. É o campo de sempre do Vilalbés e está todo máis céntrico”, destaca Roberto.
Make: «Simón dentro dun vestiario sempre axuda»

Make e Freire son amigos dende hai anos. Moi ligados ao fútbol. Make no Racing e Freire este ano tamén no Santaballés, ademais de compaxinalo co de ser xogador no Vilalba FS. Make vén de renovar polo primeiro equipo de cara a nova temporada. “Eu creo que está claro. Non teño ningún problema nin co presidente nin co adestrador. Foi moi fácil. Estamos contentos”, comenta o centrocampista sobre a súa renovación. En relación a boa segunda volta do equipo Make di que “cambiou todo. No día a día xa. Como traballamos durante a semana, como preparamos os partidos…Simón dentro dun vestiario sempre axuda. Esa é a liña que ten que seguir. Empezando con el dende cero dáme a sensación de que vai ser unha boa temporada”. Polo de agora só é oficial a continuidade de Make, López e Vérez pero o xogador de Árbol confía en que o número de renovacións se incremente: “os máis importantes creo que van seguir. Os que contan quedarse van permanecer”.

Roberto Freire: «Para poder competir con Chantada, Outeiro,…hai que adestrar moi ben e ter as cousas claras»
Dous amigos con moitos puntos en común. Un deles, o de Simón Lamas. O actual adestrador do Vilalbés comezou esta campaña no Santaballés man a man con Roberto Freire. A chamada do equipo sénior da Terceira Galega desfixo polo momento o tándem: “Aquela foi unha semana complicada. O grupo estaba afeito a traballar con Simón e estaba moi contento. Un grupo de xogadores a nivel persoal e futbolístico moi bo. Sígueo sendo. Pero si que lle faltaba ese tinte de profesionalidade que lle deu Simón para que eles se volveran enchufar ao fútbol. E estaban dando o seu mellor nivel. O club sentiuno, Simón sentiuno,…Foi unha semana rara. Pero o equipo respondeu ben”, salienta Freire que agora é segundo adestrador de Dani Moirón. O conxunto rematou a liga regular da Primeira Rexional na cuarta posición con 63 puntos. “Creo que o equipo coa chegada de Dani non cambiou. Non sei se con Simón quedaría máis abaixo ou máis arriba. Iso non o imos saber nunca. Pero eu creo que acertaron co novo adestrador”, destaca Roberto. Agora o cadro de Santaballa está inmerso na Copa. Batiu ao Outeiro e vai a polo Friol nos oitavos de final. “A Copa é unha situación onde o xogador non a toma de todo en serio ata que se ve que si pode chegar lonxe nela. Co Outeiro era moi fácil tomalo en serio porque foi un rival durante toda a liga. Era un partido máis como se fose de liga. O equipo competiu xenial. Agora unha vez estamos aquí creo que si que o van tomar en serio. A estes xogadores gústalles o fútbol”.
Aínda que a temporada non está rematada, semella que xa se comeza a preparar a seguinte. “Liña continuista si. Dani vai seguir. Creo que o Santaballés se equivocaría senón o fai así. Vimos esta temporada que a liña a seguir é esta. Traballar, adestrar ben, adestrar tres días para poder competir o domingo co resto de equipos. Lembramos que somos o único equipo de parroquia que hai na competición. Entón para poder competir con Chantada, Outeiro, etc. hai que adestrar moi ben e ter as cousas claras. Eu seguramente siga tamén”, conclúe Freire.
Tanto Make coma Freire amosan a súa entrega clara polo fútbol. Agora agardan que o Campus volva coller pulo e sirva de referente para os cativ@s. Confían nas sorpresas que poda traer o padriño e en máis iniciativas que vaian xurdindo. «Vainas haber, pero non podemos adiantar nada porque non hai nada confirmado», finalizan.