O fútbol é o que é pola xente que o practica e que o vive. E iso nótase, sobre todo, nos sitios máis pequenos onde se aprecia verdadeiramente o que supón pasar de xogar no equipo do pobo a dalo salto ás mellores ligas do mundo. De algo disto sabe a xente de Vilalba e tamén Roberto Trashorras (Rábade, 28-02-1981). «La Brujita» (alcume que lle puxeron en Barcelona polo seu parecido futbolístico a «La Brujita» Verón) naceu en Rábade, pero a súa infancia pasouna na capital da Terra Chá. Alí comezou a facerse rapaz e futbolista, pasos que acabaría completando no Barcelona, Real Madrid, Numancia, Las Palmas, Celta ata poder consolidarse nun club como o Rayo Vallecano. Dende hai tres anos apadriña cada verán o Campus do Racing Vilalbés onde disfruta cos nenos e rememora os seus recordos de pequeno. E que Trashorras nunca esqueceu a súas orixes e deixa constancia delas.

Futbolinlugo: Ten algo en común un equipo como Rayo Vallecano, a pesar de formar parte do fútbol profesional, co fútbol modesto?

Roberto Trashorras: Hai parecidos porque o Rayo é un club humilde, que fixo as cousas moi ben durante estes anos e por iso saíron como saíron. Si que ten esa afección, esa proximidade que teñen os equipos máis modestos. Sobre todo, como digo, a xente que a fai especial.

F: A túa traxectoria é de sobra coñecida. Que supón para un futbolista que está nos mellores clubs do mundo ter que saír deles e comezar de novo para loitar por chegar á Primeira División?

RT: Cando un está no Barça ou no Madrid parece que todo vai ser bonito, pero tamén me tocou vivir a cara un pouco máis escura, empezar de cero. Ao final saíu ben, xoguei máis de 600 partidos como profesional, cifra a que non me imaxinaba chegar cando comecei.

«Hai moitos xogadores que están en Segunda B e Segunda que podían xogar en Primeira»

F: Que se precisa para chegar ao fútbol profesional?

RT: Necesítase ter unha boa contorna, tranquilidade, sorte…son moitos factores. Hai moitos xogadores que están en Segunda B e Segunda que podían xogar practicamente en Primeira. Pola súa banda, hai xogadores en Primeira que ao mellor non teñen ese talento que se precisa, pero teñen outras virtudes. Moitas veces é o momento e que alguén aposte por ti.

F: Houbo compañeiros teus nas filas do Madrid e do Barça que non chegaron a xogar en Primeira?

RT: Si. Moitos que, a priori, tiñan moitas máis cualidades ca outros, pero por moitas circunstancias non puideron chegar.

«O máis importante que teñen que ter os nenos é paixón por xogar ao fútbol»

F: E aos nenos que comezan que lles dirías? E aos pais?

RT: Eu creo que o máis importante que teñen que ter os nenos é paixón por xogar ao fútbol, divertirse, esquecerse de se van chegar ou non van chegar. Nestas idades teñen que preocuparse de se lles gusta o fútbol. Aos pais diríalles que non os agobien, que non lles esixan de máis. Teñen que velo fútbol como un deporte onde van a divertirse. E logo xa se verá se teñen condicións ou non. Non que lles metan unha presión extra.

Trashorras e Pablo Vivero dous expoñentes do fútbol vilalbés

F: Xa falando dun dos motivos que te trae de novo a túa terra, xa vai o Campus do Racing Vilalbés pola terceira edición, que supón para ti ser o padriño deste evento?

RT: Para min é un pracer. Dende o primeiro momento que me comentaron non o dubidei. Está sendo un éxito pola xente que o organiza que está volcada en facer as cousas ben e polo de ter máis de oitenta rapaces cada ano. Eu encantado de vir aquí, de axudarlles, de que os nenos disfruten e de poder ensinarlles.

F: E aproveitas para reencontrarte tamén co Racing Vilalbés, que supón para ti este equipo?

RT: O Racing é o meu equipo. Onde me criei, onde me formei, onde estiven dende que tiña oito anos ata que me fun ao Barça con catorce. É un club importante na miña carreira. Foron os meus inicios e eu iso lévoo moi presente sempre.

F: Supoño que escoitaches a canción que che fixeron os nenos do Campus do ano pasado…

RT: Si que a escoitei. É difícil de describir como se comportan comigo, o respecto que me teñen, todos os detalles que teñen cara min…Eu intento devolvérllelo con implicación, co mesmo respecto e que o pasen ben.

F: Volverás algún día ao Racing Vilalbés?

RT: É unha porta que está aberta. É o meu equipo, é o meu pobo. Nunca se sabe, o que pasa é que agora estou no Rayo, estou contento e véxome xogando aínda máis tempo.

F: Quédanlle moitos anos aínda a Roberto Trashorras no balompé?

RT: Logo seguirei ligado ao fútbol seguramente, pero mentres poida aguantar e vexa que o meu rendemento é óptimo, seguirei.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*