Non descubrirei a pólvora ao afirmar que o fútbol, ou calquera deporte practicado en equipo, xoga un papel fundamental no desenvolvemento personal de aquel que o practica. Sobre todo en idades temperás. Axúdache a medrar como persoa. Ensinándoche moitos valores básicos e aplicables a calquera ámbito da vida. Capacidade para acatar ordes (coas que moitas veces non estarás de acordo), o valor do compromiso e do sacrificio, poñer en práctica e mellorar a túa capacidade social ao coñecer continuamente a novos compañeiros…
Sobre todo este tema escribiuse longo e tendido e non quero profundizar nel. Sobre o que me gustaría a min falar é sobre o impacto que ten practicar un deporte, neste caso o fútbol, na túa vida cotiá.
Levo xogando ao fútbol desde que teño uso de razón. Non esaxero se digo que o 80% das miñas mellores amizades actuais mas aportou o fútbol. Recordo cando empezaba a pegarlle patadas ao balón; a sensación de ilusión cando ías adestrar cos teus amigos. Cando gañabas os teus primeiros partidos, as primeiras veces que te convocaban para adestrar co equipo de idade superior. Cando medras e chega a chamada do equipo sénior… En moitas das miñas alegrías ao longo da vida está presente o fútbol. E non cambiaría ningunha das sensacións que me aportou, mais tamén implica certos sacrificios.
Se fas un mal partido ou o teu equipo perde un encontro competido, non pegas ollo a noite seguinte. Chega unha idade na que te revolucionas e cóstache asumir que os sábados, cando a maioría dos teus coñecidos saen de festa, ti te tes que quedar na casa porque ao día seguinte xogas. Cóstache asumir que tes que renunciar a quedar cos teus amigos porque tes que ir adestrar. Que tes que irte da praia antes que o resto porque estas en plena pretempada…


Incluso á miña idade, con 23 anos e estudando fóra, hai veces que estas menos animado que outras e che apetece quedar a pasar a fin de semana por aí cos teus amigos, coa túa parexa… Na vida do futbolista, aínda que loxicamente falamos de categorías amateur, non podes planificar as fines de semana. Para preparar unhas vacacións non só planificas tendo en conta o traballo ou os estudos, senón tamén coas obligacións que che implica o equipo… E non so implica sacrificios persoais, tamen implica sacrificios familiares.
Neste séntido, tiven moita sorte coa miña familia. Recordo as habituais chamadas á cristalería cando de pequeno estaba xogando e rompía, cunha frecuencia alarmante, as ventás da casa de meus avós. Recordo os esforzos (e incluso discusións) de meus pais para que nunca faltara a ningún adestramento e demostrara o compromiso necesario cos meus compañeiros. Recordo os consellos de meu pai tras cada partido, fose onde fose, as viaxes que os meus familiares tiveron que facer para que eu puidese xogar…
A túa familia e ti tedes que aceptar que este deporte conleva certos sacrificios, pero é indiscutible que todos merecen a pena. Como xa comentaba antes, o fútbol apórtache un montón de alegrías, un montón de valores, un montón de amizades… Non cambiaría por nada a sensación de ascender co teu equipo tras moitos meses pelexándoo. A sensación de conseguir unha salvación loitada e ver a liberación na cara dos seareiros do equipo. A sensación de euforia tras marcar un gol importante para o teu equipo, que te feliciten pola tua actuación…

O fútbol, coma case todo nesta vida, implica renunciar a cousas e leva consigo pequenos sacrificios. Mais a cantidade de alegrías, satisfacións, vivencias e amizades que che aporta é incalculable. É moito máis que 22 persoas pelexando por marcar un gol… É unha forma de vida.
Pablo Costa. Talento e xuventude ao servicio do CD Foz