Rubén, coa Sarriana. S9 FOTOGRAFÍA

Resúltame realmente difícil poder imaxinar unha fin de semana sen fútbol. É unha paixón que non se pode explicar. A xente que cada domingo acode a un campo xa chova, neve ou non se aguante a calor; entende perfectamente a que me refiro.

No meu caso levo 28 anos disfrutando disto. Xa que me levaban a ver a meu pai, que tamén foi futbolista. Taboada, Monterroso e Paradela foron os seus equipos, por iso dende que nacín levo pegándolle patadas ó balón. Quero resaltar a importancia que ten a familia para un rapaz que lle gusta o fútbol e quere xogar. Meu pai ensinoume a xogar estando horas e horas peloteando comigo, e miña nai toda unha vida levándome a donde fose. Dende os 5 anos a Escairón a xogar ao fútbol sala, e dende os 11 anos viaxes e viaxes a Monforte para xogar no Calasancio. Despois tamén fai falta unha persona ao teu lado que te apoie en todo. Gústelle máis ou menos o fútbol. E estea sempre aí nas boas cando gañas e todo vai ben e nas malas cando perdes ou hai algunha lesión seria. Débolles todo.

Por outro lado doulle un consello aos rapaces novos. Que disfruten das categorías inferiores, xa que é a etapa máis bonita do fútbol. Eu disfrutei moito nesa etapa con varios ascensos ademais, incluído o histórico ascenso á División de Honra Xuvenil. Da que non puiden disfrutar por pasar de idade, inxusto… Dende aquí quero abordar outro tema, que para min é o máis bonito do fútbol, as amizades que se fan neste deporte. Coñeces moita xente e co paso dos anos daste de conta de que realmente fas amigos porque cando te reencontras con eles daste conta diso.

No meu caso despois de saír do Calasancio fun ó As Pontes, e estiven un período de tempo moi curto. Pero aínda me alegra cando coincido con algún compañeiro. Despois no Chantada sentinme moi querido e poido dicir que deixei amigos alí. No Lemos coincidín con amigos do Calasancio e foi moi bonito estar alí. Logo volvín a casa, a Escairón, onde formamos unha familia, un grupo de xogadores, case o 100% do Saviñao. Ademais de divertirnos como ananos fixemos historia con eses dous ascensos a Preferente. Agora estou en Sarria, xa é a miña segunda temporada na Sarriana. Despois de ser campións da Primeira o ano pasado este ano estou disfrutando da miña sexta temporada en Preferente. Pero o que realmente me importa é que sigo facendo amigos ano tras ano. E faime estar orgulloso porque penso que o día que me retire, ogallá pase moito tempo… poderei ir tranquilo a calquera dos sitios onde xoguei. Porque creo que a xente me quere ben, e quédome con iso.

Por último quero facer unha reflexión. O fútbol ten que gustar de verdade e a xente que lle gusta apórtalle uns valores moi importantes para a vida. Como son o compromiso (aínda que a temperatura sexa de 10 grados baixo cero, se se adestra hai que ir), a ambición e as gañas de superarse, esforzarte por quen se esforza por ti …, e a educación e o respecto, cousa que ás veces se perden nun campo de fútbol. E que se deben inculcar dende moi pequenos.

Rubén Díaz. Xogador da Sarriana, fiel seguidor do noso fútbol.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*