#Fútbol afeccionado #Segunda Futgal

Os onces da 21ª xornada na Segunda

O Lourenzá volve achegarse ás posicións de ascenso, logo de que nin o Guitiriz nin o Folgueiro venceran nos seus partidos. Na zona baixa saíron beneficiados da xornada o Mondoñedo, o Iberia e a Comercial. No grupo sur, o Palas segue no máis alto pero deixouse tres puntos na súa visita a Becerreá. Segundo volve ser o San Roque ao aproveitar o empate do Bóveda. Nunha xornada con tres empates, o Incio e o Sporting Lucense triunfaron na parte baixa da táboa.

No grupo norte, o Guitiriz continúa na cabeza da clasificación despois de empatar sen goles no campo do Xermade. Impuxéronse as defensas nun dos duelos da zona alta da xornada. A pesar de cortar a xeira de catro vitorias seguidas, os pupilos adestrados por Delfín Romero suman nove xornadas sen perder. Pola contra, o Folgueiro desaproveitou a oportunidade de volver ao máis alto. Perdeu no Novo ante un Roupar que queda a oito puntos do seu rival. O Lourenzá volveu ao camiño da vitoria e queda a dous puntos do segundo posto. Derrotou pola mínima ao Meira cun dobrete de Manu Santamariña. O xogador en idade xuvenil leva seis goles no que vai de curso.

O sétimo posto é ocupado esta semana polo Mondoñedo. O cadro mindoniense sumou tres puntos importantes ante un rival directo como a Candelaria. Tamén colleu aire o Iberia ao sumar sete dos últimos nove puntos en xogo. Venceu ao Valadouro nun dos partidos da xornada. Ademais sumou o segundo triunfo seguido a Comercial. O equipo capitalino sacou unha vitoria importante ante o pechacancelas Cervo. Quiñones marcou o gol que desequilibrou a balanza. O dianteiro suma oito no que vai de liga. Outro dos duelos directos da xornada rematou en empate. O Cospeito e o Goiriz igualaron a un gol. O cadro adestrado por Jose Carlos e o Cervo seguen ocupando postos de descenso.

No grupo sur, a derrota do Palas aperta a clasificación por arriba e tamén por abaixo, xa que o seu rival era a SD Becerreá. O cadro palense mantense líder, pero menos o Corgo, todos os rivais directos recortáronlle polo menos un punto. A vitoria dos locais non lles permite saír do descenso. Non obstante, a diferenza entre o penúltimo e o oitavo é de seis puntos. O San Roque volve á segunda praza logo de vencer, nun dos duelos directos da xornada, ao Corgo. O 21ª gol da tempada de Debasa chegou tarde para recortar distancias. O cadro adestrado por Manolo García aproveitou o empate do Bóveda na casa do Brollón. O gol de cedo de Diego foi igualado na segunda metade polo local Miguel. Non renuncia a nada o Oural que volveu vencer. Derrotou a un Santa Comba en apuros e colócase a dous puntos do ascenso. O gol de Isma resultou decisivo. Os locais non atinaron no lanzamento dun penalti que suporía a igualada. Tamén na zona alta empataron entre eles o Ferreira e o Guntín.



Na zona baixa, ademais dos tres puntos valiosos conseguidos pola SD Becerreá, destacaron os triunfos do Incio e do Sporting Lucense. O cadro amarelo foi moi superior ao filial do Monterroso e sumou tres puntos importantes para o obxectivo da salvación. Tamén o fixo así o equipo adestrado por Lolo. Superou ao Chantada B por un resultado axustado, a pesar de poñerse con vantaxe de 0-3. Aínda que están na metade da táboa, o San Lázaro e o Portomarín miran de reollo a zona baixa. Téñena preto. Os dous igualaron no seu partido a un gol.

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *