Os equipos lucenses de Terceira rematan o ano 2018 en postos de descenso logo de dúas derrotas como locales de Polvorín e Racing Vilalbés. En Preferente, o Viveiro despide o ano na segunda posición logo do empate en Arzúa, mentras que a Sarriana, malia sumar outro encontro sen gañar, mantense nos postos de privilexio. Gran triunfo do Foz ante o Puebla e do Ribadeo, in extremis, co Agolada. O Castro non puido sumar no campo do Montañeros.
Dura derrota do Polvorín na Cheda ante o Silva (2-3), rival directo na pelexa pola permanencia. Cos tres puntos acadados no feudo lucense, nun enconto de escaso fútbol, supera aos de José Durán na clasificación. Os coruñeses puxéronse por diante cun tanto de Carlos Gómez pasados os vinte minutos de xogo. Pouco despois, Antón Escobar empatou desde os once metros. Na segunda metade, dous penaltis máis. Marcos Gómez adiantou de novo ao Silva e Antón Escobar igualou facendo o seu segundo tanto e o noveno da temporada. No desconto, un balón solto dentro da área foi empurrado no segundo pao por Brais Lema anotando o tanto do triunfo para os da Coruña. O vilalbés Michi Leal foi titular no centro da zaga do Silva.
O Racing Vilalbés cae una Madalena 0-3 ante o Racing de Ferrol, que chegou á Terra Chá no seu mellor momento da temporada. Os da cidade departamental non perdoaron, e malia ser superiores no terreo de xogo, quizáis lograron un triunfo demasiado abultado. Os de Simón Lamas apenas crearon situacións de perigo, pero foron quen de aguantalo marcador inicial ata o minuto 50 de encontro, cando Juan Antonio conseguiu bater a Javi Pita. Un cuarto de hora máis tarde, Pablo Rey anotou o segundo de penalti, e xa co tempo cumprido de novo Juan Antonio pechou o marcador. Os chairegos retornan a postos de descenso a Preferente.


Empate moi valioso o acadado polo Viveiro no campo do Arzúa (2-2), que lle serve aos de Chusky para deixar por detrás na clasificación aos de Baleato e conservalo segundo posto. Xaime abriu o marcador para os mariñáns ao rematar un bo centro de Aitor, pero o empate chegou pouco despois nun testarazo de Íker Hurtado. Na segunda metade, Tichu de volea adiantou a un Viveiro que xa saboreaba os tres puntos, ata que chegou a acción da polémica. O colexiado sinala penalti de Roi sobre o pichichi Íker Hurtado e este non errou. A decisión foi moi protestada polos mariñáns.
Empate sen goles da Sarriana no campo do San Tirso. Logo de catro derrotas consecutivas, os de Alberto López volveron puntuar. Encontro moi parello, nunha primeira metade con dominio alterno, con moitas chegadas a área rival por parte dos dous conxuntos sen lograr finalizar. Na segunda metade, logo duns minutos de control por parte da Sarriana, rachouse o encontro e chegaron oportunidades de gol por medio de Diego Núñez e Rubén Díaz, aínda que os locales, á contra tiveron as súas, pero sen acerto.
Balsámico triunfo do Ribadeo no Hospitalillo ante o Agolada por dous tantos a tres. Comezou mal o partido para os mariñáns. Antes de chegar ao primeiro minuto de xogo adiantáronse os locales, e pouco despois Hugo tivo que intervir para salvalo segundo. Logrou Brais o empate logo dun saque de córner, pero antes do descanso o Agolada volveu adiantarse nun erro defensivo. Puido empatar Juanma desde os once metros pero non estivo acertado no lanzamento. Na segunda metade os de Rafa Casanova lograron o ansiado empate a falta dun cuarto de hora para o final por medio de Criss. Xa co tempo cumprido, Poratti aproveitou un bo servicio de Javicho para anotalo terceiro e acadar unha vitoria, case mes e medio despois.

O Foz confirmou o seu bo momento e sumou tres puntos ante o Puebla (3-0) no Martínez Otero. Partido xogado de poder a poder, con maior dominio e ocasións por parte dos de Gayol. David Rodríguez adiantou aos focenses cumprido o cuarto de hora de encontro, aproveitando o de Fazouro un rexeite do gardameta rival. Malia a crear ocasións, o Foz non sentenciou o encontro ata o desconto, cando os do Caramiñal xogaban en inferioridade. Iban Gayol e Jacob fixeron os tantos da tranquilidade.
Derrota do Castro (4-1) no campo do Montañeros. Os coruñeses, moi superiores, impuxeron a lóxica ante un conxunto chairego moi lastrado polas baixas, especialmente en ataque. Herbert destrouzou aos de Brais Prados con tres tantos, un deles espectacular. Nico, o máis destacado nas filas do Castro, aproveitou unha mala saída de balón dos locales para anotar. De feito, puido facer outra diana logo dunha xogada «maradoniana«, regateando a cada rival desde o seu campo ata a área contraria, pero errou na definición. Cabe destacar a aportación dos xuvenís, dando a cara en todo momento. No cadro coruñés foi titular o vilalbés, ex do Racing, Hugo Criado.