O Guitiriz encaixou o seu primeiro gol na sétima xornada de liga, pero conseguiu os seus tres puntos para seguir invicto e líder do grupo norte. Tamén continúa encabezando a clasificación no sur o Guntín que deu o primeiro golpe na mesa ao derrotar ao Portomarín na súa casa nun dos duelos directos da xornada. A fin de semana deixou unha nova marcha nun dos bancos da Segunda.
🚨 José Manuel presentou a dimisión como adestrador do @sdccabreiros
O técnico amosou o seu descontento coa forma de traballar. Por uns motivos ou por outros, contaba con poucos xogadores para adestrar #SegundaRexional pic.twitter.com/6NcIXHIupr
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) October 21, 2018
No grupo norte, Abel Rochela é o novo adestrador do Cabreiros despois da marcha de José Manuel. O vilalbés seguirá tendo ficha como futbolista pero asume as funcións de adestrador despois de quince anos vestindo a camisola do cadro xermadino. Os acontecementos precipitáronse logo de que José Manuel presentara a súa dimisión ao finalizar o partido ante o Meira que supuxo o primeiro triunfo da tempada para o conxunto meirego. Aínda así, a decisión de José Manuel non foi polo partido en si, se non pola situación que vive o equipo nas últimas semanas. Non estaba contento co xeito de traballar debido a escasa asistencia dos xogadores aos adestramentos. «Agradezo á directiva encabezada por Moncho por todo o que me fixeron desfrutar estes anos e todas as facilidades que me deron. Deséxolles o mellor. Voume tranquilo e agradecido con todo o club», afirmou o preparador.
Pola súa banda, o Guitiriz venceu na casa do Mondoñedo para sumar a sétima vitoria da temporada. Adiantouse o cadro mindioniense en plenas festas das San Lucas, pero as lesións, unha expulsión e o dobrete de Labrada serviron para remontar o resultado. Na segunda posición mantense o Folgueiro que logrou o sexto triunfo seguido do curso cunha goleada ante a Comercial. Zeus con tres goles e Aurelio cun dobrete foron dous dos grandes protoganistas do choque. A dous puntos está o Xermade que volveu ao camiño da vitoria tamén cunha goleada ante o Cervo. Tamén volveu saborear os tres puntos o Roupar que venceu ao Goiriz cun dobrete de Esteban.
Nesa parte alta sitúase a Candelaria que gañou por segunda xornada seguida; desta volta ante o Valadouro. O cadro adestrado por Julio Castro tentouno con máis intención na segunda metade, pero aí apareceu a actuación do gardamallas Jacobo. Tamén medra na clasificación o Lourenzá que une xa tres vitorias seguidas, a última conseguiuna ante o Iberia. Na zona baixa destacaron os tres puntos conseguidos na Fonte polo Abadín. Deste xeito, o Cospeito continúa sen gañar e como pechacancelas da liga cun punto. O Cervo é o equipo que o acompaña na zona de descenso directo (tampouco gañou neste curso).
No grupo sur, o Guntín amplía a súa vantaxe no liderado a cinco puntos de diferenza co Palas despois da súa vitoria ante o Portomarín e aproveitar a derrota do cadro da Ulloa. No regreso dos irmáns Iván e Óscar ao Chao da Poza, Óscar volveu demostrar a súa capacidade para facer goles e fixo o terceiro que desnivelou o resultado. O Palas perdeu ante un Incio na estrea no banco de Monarca, a pesar de xogar cun menos dende o minuto 7. O bo gol de Torres, o cabezazo de Orlando e as paradas de Castro foron os principais argumentos do cadro amarelo. Tamén aproveitou os resultados o Chantada B que se achega aos postos de ascenso directo ao vencer ao Santa Comba nun encontro igualado no que o acerto de cara o gol estivo no lado chantadino. Preto tamén está o San Roque (a un punto) a pesar de igualar no duelo capitalino ante o Sporting Lucense.
Tamén sube na clasificación o Corgo ao sumar a segunda vitoria seguida, desta volta ante a SD Becerreá. Chegou o cuarto empate en cinco partidos para o Ferreira que igualou a dous goles cun Sporting Lucense que continúa sen coñecer a vitoria nesta temporada. Quen volveu ao sendeiro do triunfo foi o Bóveda a domicilio ante o Oural. O outro empate da xornada foi nos Medos entre o Brollón e o Monterroso B que tampouco sumou de tres en tres neste inicio de curso. Aínda así, o filial monterrosino deu a cara cunha convocatoria con xogadores moi novos na que entraron dous cadetes. O gol foi do xuvenil Julio que ten 16 anos.