#Fútbol afeccionado

Trío de Ases Terceira e Preferente (Xornada 9)

A novena xornada de Terceira e Preferente tan só nos deixa unha derrota dos equipos lucenses. Foi a do Castro no campo do Dubra. Polvorín, Sarriana, Ribadeo e Viveiro sacaron adiante os seus encontros, mentras que Racing Vilalbés e Foz sumaron un punto a domicilio.

Importantísimo triunfo, tanto a nivel anímico como clasificatorio, do Polvorín por un tanto a cero ante o Arenteiro na súa estrea no campo da Cheda ante 400 siareiros. Cabe destacar que o filial lucense rematou con nove xogadores por expulsión por dobre cartón amarelo de Álex Rey no minuto 25 e por vermello directo a Matías no 85. Os homes de Durán, que tamén rematou expulsado, comezaron moi ben, con tres balóns estrelados nos paos da meta dos do Carballiño nos primeiros dez minutos por medio de Gustavo, Javi Rey e Álex Rey. Cacharrón foi un espectador máis na primeira metade. No minuto 50 chegou o tanto do triunfo por medio de Antón, a pase de Javi Rey. O Arenteiro tivo máis posesión, pero só se achegou con perigo a falta de un cuarto de hora para o final por medio de Mitogo.

O Racing Vilalbés ofreceu unha mellor imaxe, con respecto aos encontros anteriores, aínda que non lle serviu para logralos tres puntos, polo que amplía a mala xeira de resultados a sete partidos sen acadala victoria. Empatou sen goles no Alcalde Candocia perante o Somozas. Os chairegos foron superiores por momentos e gozaron de boas oportunidades de gol. Non obstante, o rival tamén xerou perigo co lucense Álex Pérez moi ofensivo polo carril esquerdo. Os ex racinguistas Marcos Souto e Gerardo foron da partida polo Somozas, mentras que os outros xogadores lucenses do cadro de Ferrolterra non tiveron minutos: Manu Cedrón foi suplente, mentras que Jacobo Vilariño segue en fase de recuperación da súa lesión.



A Sarriana goleou ao Xallas na Ribela por cinco tantos a cero, nun encontro cómodo para os homes de Alberto López, que seguen segundos na clasificación. No minuto 2 de xogo, Quiroga fixo o primeiro e antes do cuarto de hora Mauro amplíou distancias de tiro cruzado. A sentencia non chegou ata o minuto 70, cando Marzán transformou un penalti cometido sobre Rubén Díaz. Xa co vento moi a favor, Fernando fixo o cuarto e Josito o quinto e definitivo nun partido de clara superioridade local.

Logo de catro empates consecutivos, o Ribadeo voltou a saborealo triunfo (0-1) no campo do Puebla. Os de Rafa Casanova seguen sen coñecela derrota logo de nove xornadas e son quintos na táboa clasificatoria. O gol do triunfo mariñán foi anotado por un defensor rival na súa propia porta logo dun centro de Javichu. Os do Caramiñal tiveron ocasións para nivélalo encontro pero non estiveron acertados en ataque, mentras que o Ribadeo puido sentenciar no desconto por medio de Aitor.

O Viveiro sumou a sexta xornada sen coñecela derrota, e venceu en Cantarrana ao Sofán (2-1), noutro encontro no que os de Chusky remataron cun home menos por expulsión de Xaime. O central Roi, que se está a destapar como goleador, adiantou aos viveirenses aos vinte minutos de xogo. Na segunda metade os de Carballo foron quen de igualalo choque, pero só tres minutos máis tarde Álex Meitín fixo o gol do triunfo.



Gran punto o sumado polo Foz na súa visita a Vista Alegre para medirse ao Ordes (1-1). Primeiro punto acadada lonxe do Martínez Otero e segunda semana consecutiva sumando para os de Gayol. Logo dunha primeira metade de dominio local, pero que rematou sen goles, na segunda os mariñáns deron un paso adiante e Dani Chao fixo o tanto focense. A falta de quince minutos para o final, Canario foi expulsado e o seu equipo acusou xogar en inferioridade. A falta de tres minutos para o final, Johny logrou o tanto da igualada.

O Castro segue coa súa mala xeira de resultados, aínda que a imaxe amosada é cada vez mellor. Caeu por un tanto a cero no Juan Baleato ante o Dubra, pero o conxunto adestrado por Brais Prados rematou agobiando ao rival e con bastantes ocasións para empatar. Na primeira metade, malia que o rival foi superior, primou a orde defensiva dos chairegos que só se viron superados por un tanto de Diego Gesto logo dunha indecisión entre Josema e Dumi. Debutaron os xuvenís Jorge e Borja, ademáis xogaron os xa habituais Raúl e Joel.

Trío de Ases Terceira e Preferente (Xornada 9)

As nosas redes falan

Dejar un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *