Palabra de… Diego Díaz: “Os exames e o fútbol”

Unha reflexión sobre o esforzo e as excusas. Sobre a educación futbolística dos máis cativos

Nunca o entenderei. Sí, o feito de que un cativo, ou non tan cativo, falte a adestrar porque ao día seguinte ten un exame. Seméllame unha falta de respecto, de COMPROMISO. Tanto se o vexo coma docente, compañeiro ou adestrador. Non hai por donde collelo. É unha das excusas máis pobres e incomprensibles que moitos temos escoitado. Que che xeran unha sensación de rabia e impotencia. De que estragan o teu traballo, de non darlle importancia ao que fas.

No momento en que un xogador decide formar parte dun clube, dun equipo, adquire un compromiso. Con todos os estamentos do mesmo. E consigo mesmo tamén. O compromiso de facer todo o posible para sacar un proxecto COMÚN adiante. Aí reside o éxito persoal e grupal.

Como xa dixen moitas veces, o fútbol é unha prolongación da vida. Unha metáfora artística da nosa existencia. Na que os distintos valores, que nos inculcaron e inculcamos aos demais, están permanentemente en exposición. Dende o compañeirismo ata a superación persoal, pasando pola xenerosidade ou a cultura do esforzo.

Esa mesma cultura que se anula cando o cativo non acude ao adestramento porque ten exame ao día seguinte. Ou a exposición dun traballo en grupo ou leites en vinagre. Qué pasa que agora os exames se preparan só nun día? No día anterior? Ou son o froito do esforzo de semanas e un pequeno sacrificio diario? Esa é a mentalidade que queremos transmitir? A do estrés final e o mínimo esforzo?

Eu coma formador de base teño as ideas moi claras. Levo anos en excedencia deste mundiño (moi pronto volverei), o cal me permitiu ver moitos erros en perspectiva. Porén neste en concreto non caín. As prioridades están moi claras. Prefiro perder un partido deixando ao mellor xogador na casa. Que deixarlle marcar cinco goles ao colista sen vir adestrar poñendo excusas barateiras. Non vou reforzar malos vicios. Quero formar futbolistas, non acomodalos.

Quizais esté tolo, non o discuto. Pero cando deixo a ese xogador na súa casa, mando unha mensaxe ao rapaz e ao equipo. A de que o fútbol non é o resultado, non é un partido. É un traballo, unha mellora e preparación semanal. Non chega con facer o paripé e pasearse no adestramento do venres. Estou seguro de que ese pequeno e eses pais se cagarán en miña nai esa semana. Co tempo, igual mo agradecen. Igual non. Iso sí, a conciencia tranquila. Estou sendo xusto co grupo. E esa é a única forma de que este crezca. De que os que de verdade queren medrar nisto da pelotiña, o fagan.

Cando un rapaz falta á sesión co seu equipo (sen unha razón de peso), estase facendo dano a él mesmo máis que aos demais. Está destrozando un pouco máis o seu soño de poder chegar a profesional, ou a unha categoría máis alta. Xa que, sen esforzo non irá a ningún lado. As categorías rexionais están cheas de talentos incomprendidos. Cemiterios de ‘xugóns’ que se mesturan e xuntan con deportistas ‘toscos’ e limitados. Que se puxeron ao mesmo nivel por TRABALLO e GANAS. De xente que cunha pizca de sorte máis, ou de compromiso e SACRIFICIO, estaría máis arriba. A sorte non se pode controlar, o resto da ecuación sí. Fagámolo.

Todos coñecemos varios casos. Moitas promesas que se quedaron polo camiño. E seguro que moitas delas non foron adestrar por ter exame ao día seguinte. É a primeira excusa que aprenden para borrarse. Para apostar pola lei do mínimo esforzo. Esa que nin no fútbol, nin na vida, serve. Así que se algún pequeno falta adestrar por un exame, que sexa de conciencia.

Diego Díaz. Tolo do fútbol e da vida

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario