Teño observado o fútbol dende todos os puntos de vista. Primeiro e na actualidade como xogador. Seis temporadas coma árbitro, e dende que teño uso de razón como espectador. Todos temos o noso punto de vista, iso está claro. Pero todos cometemos os mesmos erros xerais no mundo do fútbol. A pesar de intentalo unha e outra vez, non se dan sacado esas malas costumes.

O respeto polo máximo responsable nun terreo de xogo: o árbitro; nunca é o desexado. Dende antes de comenzar o encontro, nisto do fútbol afeccionado, xa nos coñecemos todos. Dende o punto de vista do árbitro comeza cun: «Neste equipo este e este son moi protestóns, non lles vou pasar unha… Coidado co adestrador que é moi falso e á miníma xógache unha mala pasada». «O outro equipo vai líder, ten que ser un partido sinxelo.. Buf os dous últimos, vaia chea de patadas e expulsados…verás»…. e coma estas ‘premonicións’ moitas máis que se nos pasan pola cabeza momentos previos a acudir ao campo.

Dende o punto de vista de adestrador/xogador: O respecto rixe no menosprezo a certos aspectos do xogo do outro equipo, e ao igual que o árbitro neste caso, a puntualizar en certos xogadores problemáticos. «A ver se non vén xogar este que só sabe dar patadas». «Estes so saben dar patadas e xogar ao patadón». «O adestrador só sabe protestar…non dura nin cinco minutos, son unha banda», etc. E dende o punto de vista de espectador soe ser o peor de todos. Comentarios como: «Por qué pon a este titular, non ten nin idea». “No partido da semana pasada deron pena, a ver que fan esta semana». «Se non lle ganan a estes, non lle gañan a ninguén».

Cando chega o momento do encontro os comentarios soen empeorar. Dende o punto de vista arbitral: «Aí veñen estes con once, vaia ganas de xogar teñen…». «Faltan 30 minutos e aquí non aparece ninguén, isto é seriedade e o demais, tonterías». «Ese ainda vén sin durmir, seguro que lía algunha”. O adestrador/xogador barrunta cousas como: «Pítanos este,que non ten puta idea». «A este non lle digades nada que é un protagonista, e fastidianos o partido». «Quen mandou a este pitar aquí, sempre non fastidia,tennos manía». «Aí veñen estes, vaia tropa, mitad veñen cheos de onte aínda». Dende o punto de vista de afeccionado: «Tocounos o parvo este que non sabe nin donde garda as tarxetas, é medio cego e na vida viu un balón»…

Unha vez comezado o encontro e desde tódolos puntos de vista, xa sabemos o que ocorre. O árbitro non pode en ningún momento faltar o respeto a ninguén. Os xogadores e adestradores teñen ‘libertade de expresión’,con isto refírome a que eles cunha tarxeta vermella non cortan o seu afán por insultar, menosprezar ou non respectar en xeral. E dende o punto de vista do espectador, isto non ten nin que decir (por desgraza refírome á maíoria do vivido nos campos de fútbol).

Dentro do mundo futbolístico tamén está a orden do día o das excusas, coma na vida mesma. O árbitro excúsase en que nadie lle puxo as cousas fáciles, en que é un só contra 22 xogadores, suplentes, adestradores, afección… Este colectivo é o que máis perdón ten nesto do fútbol, dígovolo agora como xogador e direino sempre despois de vivilo dende dentro. Pitar é moi difícil, e a dificultade aumenta a medida que pasan os minutos e avanza a competición. Este colectivo non é visto como persoas, senón como obxectos que non teñen dereito o erro.

Todos neste deporte somos persoas, e poño a man no fogo polo 99% do colectivo arbitral, coma nas mellores familias sempre hai algunha ovella negra. Pero deste 99% nunca unha persoa irá a facelo mal a propósito a ningún encontro. E eles son os que sofren raiazos nos coches, ameazas, agresións, menosprezos… E están sós en máis do 50% dos encontros. Ogallá todo xogador/adestrador que é expulsado algunha vez por motivos de menosprezo ao árbitro puidese ver dende dentro o difícil que é. Igualmente no caso do afeccionado, sobretodo no afeccionado de bar, que é o máis entendido de fútbol vendo corenta repeticións dende corenta ángulos distintos.

Para os xogadores/adestradores todo é posible se o partido lles sae mal. Campo, árbitro, balón, compañeiros, adestrador, equipo rival… Frases como: «O campo está fatal, os balóns eran unha merda». «Este ponme de lateral cando eu son interior e así é imposible». «Xogando dez minutos que vou facer». «Este tío só nos pita faltas a nós». «Estes tiveron moita sorte, entroulles todo». E dende o punto de vista da afección; neste caso concorda na maioría cos xogadores, salvo algún que coma antes, criticou a alineación, a participación, o empeño, ganas, o saír de festa o día anterior e todo o que se lle ocorre para xustificar algo inxustificable.

Por último e non menos importante, os reproches. Dende o mesmo colectivo, reprocharlle a un compañeiro accións do xogo, actitudes e aptitudes… Vai na orden do día. «Como non expulsaches a aquel, que se pasou todo o partido protestando». «Como non viches aquel fora de xogo, si era clarísimo». «Que pasa neses banquiños que non me avisas e hai unha feira aí montada». Logo, para os adestradores/xogadores, aquí ven unha das peores cousas, xa que os reproches nunca soen chegar a bon porto nestes dous colectivos. Frases como: «E que non pasas unha». «E que vas andando, e pensas que os mais corremos para ti». «Vedes moita tele…». Soen ferir os sentimentos de estas persoas e acabar peor do esperado. Todo isto por utilizalas nun momento de tensión elevada. No caso da afección os reproches son coma o neno que non saca boas notas na escola: «non fas nada, non estudas, nunca tes deberes e agora mira». Traducido ao fútbol: «Non fas nada co balón, non vas adestrar o adecuado, nunca tes a culpa do que che sae mal».

Dende a miña humilde opinión, cada persoa que pertence a un dos colectivos deste deporte, debe intentar ver, escoitar, e sobretodo respectar. Todo. Decidir si estar no bando ‘escuro’ do fútbol, os que manchan este deporte; ou no bando que fai que o deporte que todos amamos sexa o mellor deporte do mundo. Con isto acabo: Non inventedes,que no fútbol esta todo inventado. Respetade, réspetenvos ou non, nunca vos rebaixedes a deixar de facelo ben en todos os aspectos. Despídome con tres citas:

  • «Ninguén esta obligado a gustar a ninguén,pero hai unha cousa que se chama respecto» (Neymar Jr).
  • «Non intentes ser o mellor do equipo, intenta que o teu equipo sexa o mellor» (Nico García)
  • «O talento depende da inspiración pero o esforzo depende de cada un». (Pep Guardiola).

Unha forte aperta.

Adrián Álvarez. Xogador do Cervo e antigo colexiado do noso fútbol

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*