Non leva a conta dos partidos que portou a camisola vermella e verde do Racing Vilalbés, e non é para menos. Tampouco nós nos acordamos do que facemos cada domingo dende hai 23 anos. Pablo Vivero (6-12-1979), de Gontán a capitán, pasando por un ascenso á Terceira, unha volta á Preferente e a consolidación final do Vilalbés na cuarta categoría do fútbol estatal. No medio tamén, unha viaxe a Alhaurín de la Torre con malos recordos que xa se van esquecendo grazas a que o presente supera ó pasado. O equipo chairego vén de rematar unha temporada de récord: mellor posición histórica e mellor puntuación. Terceiro clasificado e 71 puntos; ao que se lle engade unha cita con Pulpí. Vivero é consciente do momento, probablemente irrepetible; por iso toca vivilo e desfrutalo. A unhas horas do partido de ida da primeira eliminatoria da Fase de ascenso á Segunda B conversamos cun home de club dende a tranquilidade dun vestiario que soña porque #VilalbaÉDePlayOff.

FUTBOLINLUGO: Que sensacións hai de cara a esta fase de ascenso nos xogadores? 

Pablo Vivero: Estamos moi tranquilos. Afrontámola como un premio á traxectoria que levamos toda a temporada e estes anos de traballo. Sen presión de ningún tipo. Imos intentar desfrutala e competila ao máximo posible.

FIL: Contabas a principio de temporada con volver xogar unha fase?

PV: É complicado chegar porque se teñen que dar moitos factores e máis nun club como o Racing Vilalbés. Un equipo que ten uns condicionantes a nivel económico, un cadro de xogadores curto…, pero eu sempre confiei no grupo. Ás veces pos toda a carne no asador e quedaste a un paso. Fomos moi regulares durante toda a liga e penso que o merecemos.

FIL: Que coñeces do Atlético Pulpileño?

PV: Non moito máis alá de Bruno Caballero que xogou con nós, pero tampouco comentas con el particularidaes da forma de xogar e demais. Tampouco nós llo soltamos, pero el xa sabe moito máis noso ca nós del. A Óscar si que lle chegan informes. Polo que teño entendido é un equipo moi parecido ao noso, que concede moi poucas ocasións de gol, moi sólido e que aproveita os fallos dos rivais.

FIL: Tiñas gañas de xogar outra fase co Racing?

PV: Si, pero sen ánimo de desquite nin pensando no que pasou na fase de ascenso anterior; iso xa está esquecido por todos. Eu creo que o fútbol ao Racing debíalle outra fase de ascenso porque leva moitos anos traballando ben e de forma continuada.

FIL: Con esa imaxe túa de #OneClubMan, que supón representar tamén agora un pouco ó Racing a nivel estatal?

PV: Non o tomo de ningunha forma, simplemente que a imaxe do Racing prevaleza por riba do individual. O que nos levou aquí foi o traballo de todos. O resto queda como anécdota, o importante é que o club a nivel España se coñeza e o poidan situar xeograficamente. Se poido pasar desapercibido, intentareino.

FIL: Moitas temporadas ás costas, que é o que te fai seguir tendo esas ansias cada domingo?

PV: O principal é que me encontro ben nun campo de fútbol, non vexo que non dea o nivel. Se vira que non puidera competir, sería o primeiro que me faría pensar que estaba estorbando. O segundo é que estás comprometido cunha idea, cunha forma de velas cousas e que nos están saíndo ben.

FIL: Hai uns meses conversamos con Justino e el dicía que probablemente non sería quen de estar no Racing co rol que ti tes…

PV: Iso vai en función da personalidade de cada un. O rol que teño para min é importante e sei que para o club tamén. Con iso xa me basta. Cada un acepta dunha forma ou doutra xogar máis ou menos minutos. Eu con 38 anos tampouco vou esixir xogar os 90 dos 38 partidos. Particiepei en 34 encontros, deles fun 14 titular; creo que é unha cifra que non está mal. Sempre tiven a máxima de respectar primeiro o club no que estou e logo as decisións do adestrador. Un veterán é o menos que pode facer. Unhas veces xogas máis, outras menos. A parte teño unha idade na que entendo que hai que darlle paso a outra xente. Atópome ben, compito e de feito as veces que xoguei creo que o fixen ben.

«É unha campaña que sería a idónea para retirarse»

FIL: Non gusta facela, pero seguirá o ano que vén Pablo Vivero xogando o fútbol?

PV: Sempre fago unha valoración cando acaba a temporada. Tes que poñer moitas cousas na balanza para ver de que lado cae. A verdade que é unha campaña que sería a idónea para retirarse ao chegar a maior puntuación e a mellor clasificación da historia do club. Sería un broche, pero o final de temporada veremos que pesa máis.

FIL: O que si, se segues, sería no Vilalbés, non?

PV: A estas alturas non vou cambiar (risas)

FIL: E sexa cando sexa, cando o deixes seguirás vinculado ao fútbol?

PV: Teño pensando desvincularme do fútbol totalmente por unha temporada longa. Un necesita cambiar un pouco a rutina.

FIL: Cada vez é máis difícil atopar casos como os teus, aínda que no fútbol modesto si é máis habitual…

PV: Porque non te moves polo interese económico. Valoramos máis estar agusto, que o club sexa serio e moitas outras cousas. Eu son de Abadín pero meu tío xa xogaba no Racing e cando era pequeno viña con meus pais velo. Sempre tiven ese gusanillo polo Racing. Empecei a xogar con trece anos porque no Abadín non había categorías inferiores. É un club que non cambiou nesa forma global de velas cousas. Tampouco vas aspirar no fútbol afeccionado a facer grandes cousas cambiando de clubs.

FIL: Cambiou moito o equipo dende que chegaches?

PV: Como club medrou a nivel social e de organigrama. Quizais sempre foi un paso por diante a nivel estrutura que a nivel económico, pero fíxose e estase facendo un traballo a nivel de base moi bo. Ás veces tes sorte que saen moitos xogadores, outras non sae ningún; pero fas unha labor social para o pobo moi importante. Agora mesmo é unha envexa para a gran maioría dos clubs modestos da Terceira División de Galicia. Esta temporada co xuvenil en División de Honra é o culme ao traballo de canteira. É o máximo ao que un club pode aspirar. Non falemos da experiencia que adquiren eses rapaces. Algo que se lles ten que quedar na cabeza porque é imborrable. É algo que nin eu puiden vivir.

FIL: Cres que o Vilalbés ten capacidade para estar en Segunda B?

PV: Baixo o meu punto de vista non. Estruturalmente é un dos déficits que ten o Racing agora mesmo. Para xogar en Segunda B o club tense que profesionalizar dunha forma que agora mesmo non está. Xa en Terceira División lle está costando a nivel organizativo porque as axudas non son as que deberían. Non falo das económicas, se non doutro tipo. Iso que falabamos dos veciños, de botar unha man,…Entón creo que estruturalmente o club tería que dar outro salto que ao mellor sería demasiado acelerado así de repente. Aínda así, hoxe en día coas axudas económicas que hai…todo é valoralo e a ver que se pode facer.

FIL: Botas en falta o apoio da afección?

PV: Na Madalena sempre son os mesmos. Fas un chamamento e veñen os país dos cativos e pouco máis. Eu levo toda a vida aquí e o ó futbol poderíache contar que van sempre os mesmos. Eu refírome a axudas desinteresadas, esas colaboracións nas que din «en que che poido botar unha man?». Niso creo que temos un pequeno déficit.

«Nós que levamos anos facendo as cousas moi ben, non vemos ese apoio»

FIL: Cres que este domingo haberá ambiente?

PV: Imaxino que se é como a pasada, aproveitas que xente de fútbol doutras categorías que lle chama a atención un play off, se achegue. A xente de Vilaba si que aparece en datas sinaladas, pero ese apoio do que falamos ten que ser durante toda a temporada. Vas a outros campos como no Carballiño, Arousa,.. ves unha masa social que dis ti «isto da gusto, estes si poderían estar en Segunda B». Nós que levamos anos facendo as cousas moi ben, non vemos ese apoio.

FIL: Quédache algún soño por cumprir no fútbol?

PV: Sinceramente non. Fun capaz de ascender dúas veces; tamén a mala de descender unha e a sorte de xogar dous play-offs. Se alguén no Racing aspira a máis é un iluso. Podería ser campión de Terceira División?; si, pero estando no Racing é complicado. Xa quedar terceiros é un fito que difícilmente se volva repetir.

FIL: Con que recordo te quedas de todos os vividos?

PV: Quizais o meu debut en Terceira co primeiro equipo sendo un rapaz de 15 anos. Vinme no medio de xente maior á que admiras como Mundo, Nacho, Marino,… que acababas de velos na bancada.

FIL: Se tes que escoller, cales son os dous mellores xogadores cos que xogaches?

PV: Habería moitos, pero se me teño que quedar con dous…con Justino e con Sergio Arias.

«O fútbol busca máis ese tipo de xogador que chama a atención»

 

Sergio Arias é o máximo goleador da temporada no Racing Vilalbés con 13 goles. Foto: Carlos Castro

FIL: Cres que o fútbol, en casos como os deles, non é todo o xusto que debería?

PV: O seu potencial era para chegar máis arriba. Non o fixeron, ao mellor, por decisións persoais ou factores que non conflúen coa sorte. Penso que nese sentido o fútbol non é xusto. Sergio Arias estivo un pouco máis arriba o xogar no Lugo e tivo unha época na que despuntou; ademais tivo algún contrato enriba da mesa que non aceptou. No caso de Justino, ao ser unha persoa que non lle gustaba ser moi mediático nin nada diso…el era dos de levar a humildade por bandeira. Quizais o fútbol busca máis ese tipo de xogador que chama a atención, que busque o foco ou o protagonismo. E eles son o tipo de xogador oposto: prácticos dentro do campo, que ao equipo lle veñen de perlas e de cara ao mediático non chaman a atención. O que xoga ó fútbol e entende un pouco do xogo, non hai máis ca velos e desfrútalos nun adestramento e dis ti «estes xogan a outra cousa».

FIL: Para ir rematando, es de dar consellos antes dos partidos aos compañeiros?

PV: Son de dalos, pero non estou encima dun. Entendo que todos os que forman o cadro de futbolistas do Vilalbés son tan capaces ou máis ca min para saber afrontar todos os partidos. Cada un ten o seu carácter, está claro, pero  os que xogan no Racing, por moi poucos anos que teñan, poden afrontar calquera tipo de partido e vímolo nos últimos da temporada.

FIL: Que vas dicir este domingo antes de xogar fronte ao Atlético Pulpileño?

PV: Simplemente animar a todos a que teñamos personalidade, que non por estar xogando unha fase de ascenso nos cohibamos. Facer o que sabemos facer e con iso xa nos vai chegar para competir, despois o resultado xa é outra cousa. Hai unha frase que dicimos dentro do noso vestiario: «este club, desfruta cando compite», entón se competimos, imos desfrutar.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*