Sergio Arias (Racing Vilalbés): "Poder xogar unha fase de ascenso con este equipo sería algo moi bonito"

Levamos xa 36 xornadas gastadas na Terceira División e o Racing Vilalbés ocupa o terceiro posto. A falta de dúas xornadas para o remate os pupilos de Óscar Gilsanz están a tan só un triunfo de xogar a fase de ascenso a Segunda División B. Este domingo poden logralo se vencen no campo da Senra ao Ribadumia, conxunto que xa certificou a súa permanencia na categoría.

Malia que o pasado curso o equipo quedou a tan só un punto dos postos de play off, nesta temporada as aspiracións eran menores. Baixas de xogadores moi importantes nos últimos anos como Gerardo Carrera ou Hugo Criado, rebaixaron as miras de boa parte da afección ou incluso do plantel, que non contaban verse a estas alturas de competición loitando cos mellores. Equipos con presupostos fóra de órbita como Somozas ou Barco miran con envexa a Terra Cha, e os grandes dominadores da liga como Compostela ou Bergantiños saíron derrotados da Magdalena.

Unha parte do éxito do Racing Vilalbés débeselle a un dos veteranos do plantel: Sergio Arias. O dianteiro cumple a súa terceira temporada no clube e está a rendir ao seu mellor nivel. A súa dilatada traxectoria, primeiro no C.D. Lugo en Segunda División B, e logo no Racing de Ferrol e C.D. As Pontes en Terceira é unha boa carta de presentación.

Desde Futbolinlugo quixemos falar co Rooney de Portomarín, sobre as posibilidades do seu equipo de meterse na fase de ascenso.

FUTBOLINLUGO: Importante triunfo na última xornada na Magdalena ante o Silva. Resolvestedes o encontro pola vía rápida.

SERGIO ARIAS: Si, sabiamos que o Silva chegaba a este encontro cos deberes feitos e sen xogarse grandes cousas, polo que é complicado manter unha intensidade de xogo alta. Era unha xornada importante por enfrontamentos directos entre rivais e saímos a tope e tivemos a fortuna de marcar dous goles e logo soubemos contemporizalo xogo e non pasamos grandes apuros.

FIL: Ribadumia e Laracha son os dous últimos rivais. Con unha victoria metédesvos na fase de ascenso.

SA: Non podemos aventurarnos a falar da fase antes de xogalos encontros. O Ribadumia acadou xa a permanencia e o Laracha é posible que chegue á Magdalena aínda sen facelo, pero nós só podemos pensar en gañar os dous encontros para que non se nos escape o terceiro posto.

“Nesta gran campaña foi clave o gran rendemento que deron as novas fichaxes”

FIL: Como afronta o vestiario a posibilidade de disputar unha fase de ascenso a Segunda B?

SA: Primeiro temos que certificala clasificación para o play off. Non debemos falar antes de logralo, pero o certo é que poder xogar unha fase de ascenso co Racing sería algo moi bonito e que moi pouca xente vai conseguir.

FIL: Ademáis esta temporada non entrabades nas quinielas. A maioría da xente apostaba por outros equipos para estar ahí arriba.

SA: Certo, practicamente ninguén contaba vernos nos postos altos, nin nós mesmos! A verdade é que marcharon en verán xogadores importantes e os que chegaron non sabiamos o rendemento que ían dar pero moi contentos porque rendiron todos moi ben e á vista están os resultados.

Se nesta xornada o Racing saca adiante o seu encontro, a Magdalena será esceario da fase de ascenso a Segunda B

“Equipos como Somozas ou Barco cunha gran plantilla teñen moitas posibilidades de quedarse fóra do playoff”

FIL: O clube ademáis goza de boa saúde na base, co equipo xuvenil por primeira vez na División de Honra. E incluso no primeiro equipo contades con uns cantos xogadores da zona. Debe ser esa a filosofía a seguir para que a afección se enganche co equipo?

SA: Indudablemente, ademáis agora cada xornada soen vir dous xuvenís na convocatoria, que ademáis son de Vilalba. Pero tamén hai que comprender que non é posible cumplilo sempre, e nos clubes desta categoría non soe ir moita xente aos campos e a Magdalena non é unha excepción.

FIL: Coa túa experiencia na categoría, como ves este ano a Terceira División?

SA: Na miña opinión cada ano penso que hai un pouco menos nivel. Os equipos potentes conseguiron subir a Segunda B, e os que chegan a Terceira desde abaixo, como é lóxico, teñen un presuposto limitado. Pero non cabe dúbida de que hai equipos con moito nivel. O Bergantiños ten unha gran plantilla pero viuse sorprendido polo Compos, que cunha plantilla moi nova vai rematar líder. Incluso o Somozas e o Barco teñen equipo para poder liderar esta categoría e pode que queden fóra da fase de ascenso.

“Á miña idade xogar en Segunda B xa non que quita o sono”

FIL: Catro goles nos últimos catro encontros. Estás rematando a temporada a un nivel espectacular.

SA: A verdade é que este ano alcancei xa os doce goles, que era o máximo ao que chegara desde que xogo ao fútbol. Ogallá sirvan para axudar ao equipo a acadalo obxectivo de xogalo play off, que é o que todos queremos.

FIL: Xa quedan lexos os anos no C.D. Lugo e aquela chamada do Valencia que remataras por rexeitar. Soñas aínda con volver xogar na categoría de bronce?

SA: O tren xa pasou pola miña porta e non creo que volte. Á miña idade é moi complicado e case que xa nin mo plantexo. Non é algo que me quite o sono (risas).

 

 

Foto de portada: Carlos Castro

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*