«Non contaba con volver ser entrevistado» afirmou o protagonista de hoxe. El mesmo deixa a perfecta definición desta sección. Remover no pasado para seguirnos lembrando dos nosos no presente. Probablemente sexa un dos maiores talentos futbolísticos que deu a Terra Chá. Nunca xogou máis aló da Terceira, pero moitos coinciden en que foi un xogador doutra categoría. Justino Campello Pena (Burgás, Xermade, 10-03-1981) hai case tres temporadas que colgou as botas. Deixou o Racing Vilalbés e non as volveu poñer. Con trece anos deu as súas primeiras patadas a un balón nun campo de fútbol, no Roca. Sendo xuvenil de primeiro ano debutou co equipo sénior en Preferente. Logo, veu a chamada dos xuvenís do Deportivo co que terminaría conseguindo un ascenso á Segunda B co Fabril. Malpica, Arteixo, Vilalbés, Betanzos e de novo ao equipo do seu corazón. Na Magdalena conseguiu algúns dos seus mellores éxitos. Moitos pregúntanlle porque o deixou tan cedo, el responde coa mesma tranquilidade coa que manexeba o balón no terreo de xogo e coa que agora patrulla a capital chairega. Dende hai case tres anos non pisara a herba da Magdalena, volveuno facer para Futbolinlugo: «está coma sempre, aínda que algo máis branda».

FIL: Dous ascensos á Segunda B e non tiveches a oportunidade de xogar nesa categoría…

Justino: A temporada que o Deportivo gañou a liga (1999/2000) eu estaba no meu último ano de xuvenís no Dépor e xoguei unha fase de ascenso co Fabril. Eliminaramos ao Coslada madrileño que adestraba Pepe Mel, ao Marino de Luanco e ao Béjar. O outro foi co Arteixo na temporada 2003/2004. Estiven alí tres anos e no último conseguimos o único ascenso que ten ata o momento o equipo á Segunda B. Lográramolo no Carlos Tartiere ante o Oviedo.

FIL: Non houbo a oportunidade de seguir naquel Fabril?

J: Fixen a pretemporada con eles. En principio ía quedar, pero despois non houbo ficha libre porque Gerardo Seoane, un xogador suízo que estaba no primeiro equipo, baixou ao Fabril e quedei sen sitio. Ese ano fun cedido ao Malpica na Terceira. Á campaña seguinte, o Fabril descendeu e cambiaron de adestrador; veu Tito Ramallo. En Malpica non fixera bo ano e o míster non contou comigo. Aí foi cando me desvinculei do Depor e fun para o Arteixo.

FIL: Alí tampouco houbo a oportunidade a pesar do ascenso…

J: Non, nunca a tiven. Fun para alí porque dicián que había un proxecto para ascender e ao final ascenderase, aínda que tampouco durou moito, un ano.

FIL: E volviche para o Vilalbés que estaba en Preferente…

J: Recordo cando volvera. Viña de xogar o último partido da temporada anterior no Tartiere co Arteixo, o do ascenso. E o primeiro partido que xogara aquí na pretemporada co Rácing diante do Deportivo, dicía: o que nos queda para ascender, o que nos queda para pelexar… Había a ilusión de xogar en Terceira e tardamos catro anos.

FIL: Cambiou o conto dende aquela…

J: Agora velo Vilalbés en Terceira como un equipo sólido, pero daquela era moi distinto. En Preferente era difícil que xogadores quixeran vir xogar. Cando estás en Terceira os futbolistas non quere vir á Preferente. A min dábame igual Terceira ca Preferente xogando aquí no Rácing, noutro equipo non. Pensabas que difícil, pero ao final ascendeuse.

FIL: Que representa para ti o Rácing Vilalbés?

J: É todo. Os recordos da infancia son os que máis che quedan. E eu téñoos aquí. As historias que che contaban os máis veteráns, sempre tiñas a ilusión de ascender tamén ou de xogar unha promoción e as amizades que fas. Os amigos que teño fíxenos aquí no fútbol. Alberto Debasa, Ángel, Diego Rouco,… toda esa xente coa que xoguei coñecinos aquí.

«Xogas unha promoción e despois queres xogala todos os anos»

FIL: Por que decides deixalo?

J: Non me encontraba…non sei…creo que xa o fixera todo aquí. Creo que perdera algo de motivación. Non cría que podía volver xogar outra promoción co Rácing e para quedar sétimo ou quinto, que é un mérito tremendo o que están facendo agora, non me valería. Son demasiado crítico comigo mesmo. Cría que non tiña o nivel para axudar ao Rácing e levalo a outra promoción. Ao vivir unhas cousas, despois vivir outras non é o mesmo. Tes ilusión de quedar noveno o primeiro ano en Terceira, pero xogas unha promoción e despois queres xogala todos os anos. Polo menos eu.

FIL: Cal é o mellor momento co que te quedas da túa experiencia no Vilalbés?

J: Co ascenso á Terceira. A xente quédase coa promoción porque é histórico, queda moi bonito. Pero Preferente e Terceira son moi diferentes. Non hai radio, non hai tele, moita menos xente. Terceira xa é un pouco máis semiprofesional, máis seguida. Agora coas redes sociais tamén se segue máis. Era moi difícil ascender porque só ascendía o campión directo e non se podía fallar en todo o ano.

FIL: Arrepínteste da decisión tomada no seu momento?

J: Non, si que o boto de menos, todo o que che gusta facer bótalo de menos. Pero ao final a vida é iso, deixas de facer cousas que che gustan e vas facendo outras. Nunca tiven a ambición de xogar por xogar. Tiña decidido que cando non me atopara como eu cría que debía estar, ía deixalo, tivera a idade que tivera.

 

Justino adestrou un par de anos aos rapaces, pero deixouno por falta de tempo. Aínda que os amigos lle insisten, non probou a xogar en veteráns; prefire manter os recordos de xogar decentemente

FIL: Todo o contrario ca algún dos que foi compañeiro teu, como Pablo Vivero…

J: Pablo é excepcional. Só queda el. Gústalle e cóidase moito. Hai que valer tamén. Agora el ten un papel menos protagonista dentro do campo, seguro que no vestiario segue sendo igual ou máis importante. Pero eu tampouco valería para ese rol que el ten.

FIL: Vés á Magdalena velos partidos?

J: Algún, pero moi pouco. Apetéceme facer outras cousas, foron moitos domingos todos os anos. Si que o sigo pola radio e por internet como se xogara; pero veño pouco. Sófrese máis desde fóra ca xogando. Vés e tes algo de nostalxia.

«Fun un pouco anárquico, á miña maneira. Son momentos e estados de ánimo, cando che sae todo; probas todo. Teño algún video gardado e digo vaia xogada que fixen ou vaia gol que marquei. Os eloxios gústannos a todos. Pero como a min, moitos xogadores»

FIL: Algún dos mellores xogadores cos que xogache?

J: Con moitos, nomearíaos a todos. Medramos xuntos con Pablo, Borja, Hugo, Félix, Roberto, José Ángel, Dani Xelo que veu de fóra e se integrou aquí (é un amigo para min no fútbol), voume esquecer nomes… Doutros equipos quizais Lemos (que agora é adestrador) aprendín moito del en Arteixo. Cos que coindicín no Fabril só chegou Dani Mallo a profesional. Era un espectáculo velo como adestraba e como se coidaba. Aínda así, cos que máis me quedo son cos de aquí porque nos coñecemos dende pequenos.

FIL: E como adestrador?

J: Moitos. Vou quedar mal con algún…,pero Jose Ramón González (ex xogador do Deportivo e do Compostela entre outros) en Arteixo foi e é unha persoa especial. Sabe transmitir, levar e xestionar moi ben á xente. Despois Charly aquí, se non nomeo a Charly…(risas). Creo que nos levou ao máximo nivel de esixencia a todos. Case ninguén esperaba que se xogase unha promoción e el fíxonos crer.

FIL: Á marxe de Charly, cal cres que foron as chaves daquela promoción de ascenso á Segunda B disputada polo Racing (temporada 2010/2011)?

J: O esforzo de moita xente. Directiva, de xogadores de aquí, de colaboradores. Nos adestrabamos dúas horas todos os días, non era casualiade que estiveramos ben. As instalacións foron mellorando, o equipo agora é un club moi estable. Cando eu empecei aquí adestrabamos en Goiriz ou no Roca e agora teñen unhas grandes instalacións. Xa é un dos clubs máis estables da Terceira. Calquera xogador da categoría quere xogar no Rácing.

«Eu xoguei en división de Honra no Deportivo e agora vén xogar o Dépor aquí»

FIL: Cres que o Rácing debe seguir apostando pola canteira?

J: É a súa esencia. Ten que ser sempre. Eu agora vexo a Vérez, a Villares, a Manu Roca,…e eu quero que esa xente xogue e triunfe no Rácing. Véxome reflectido neles. Da igual a categoría na que estea o Vilalbés, ten que ter xente de aquí. Se está en Terceira mellor, pero se ten que estar en Preferene con oito rapaces de aquí, haberá que estar nesa categoría. E agora o que está facendo Simón cos xuvenís é espectacular. Este é un pobo pequeno e que estea en División de Honra é unha pasada. Eu xoguei en División de Honra no Deportivo e agora vén xogar o Dépor aquí. Van de últimos, pero da igual que descenda. Só participar e estar aí é un mérito tremendo.

FIL: E saen xogadores como Villares, ti coincidiches con el, como o ves?

J: Villares está maduro, é un dos líderes do equipo. Ten que probar sorte por aí. Ademais será un orgullo para o Vilalbés que vaia xogar por aí a Segunda B, aínda que despois non saia ben, da igual. Ten todas as condicións. Recordo que veu xogar con nós un partido en Goiriz na pretemporada do primeiro ano de Gilsanz, é foi o mellor. Xa se lle vía. Ogallá teña sorte.

FIL: Moitos coinciden en que ti tamén tiñas condicións para estar nunha división superior. Mesmo o dixo Pablo Vivero na súa visita ao En Xogo da TVG…

J: Pablo tenme cariño. Tamén só xogou aquí e non coñeceu a outro (risas). Escoito moito o de fulanito puido xogar…non sei, non o penso tampouco. Si que inflúen moitísimo as decisións. Non acertas nalgún momento ao cambiar de equipo, non vas a ese e vas a outro… As categorías tamén están para algo; ves a Segunda B e teñen outro nivel. Igual adestrando con eles si melloras e podes acadar ese ritmo. Pablo tamén puido xogar noutra categoría, o que pasa é que quere batir o récord de partidos aquí (risas).

FIL: Dentro do terreo de xogo quedouche algún desexo por cumprir?

J: Xogar outra promoción co Rácing. Despois de perder aquela como perdimos na que me expulsaran… Todo o mundo di que non é cartón vermello, pero sempre che queda o sentimento de culpa. Aínda que non fora da igual; tiña que evitar dalgunha maneira que non me expulsara. Puidenme quedar no chan, non sei…, piquei de parviño. Ogallá a poidan volver xogar agora.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Iván Calaza

Iván Calaza

Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*