Comezou a segunda volta, tanto na fase polo ascenso, como no Trofeo Delegación Lugo na Terceira Galicia. O Corgo recuperou o liderado logo dunha xornada propicia para os seus intereses. O Muimenta aumenta as distancias co segundo clasificado no norte e o no sur o Paradela, que descansou nesta xornada (ao igual ca o Celta Barreiros no norte), mantén o primeiro posto da clasificación.
⚽🍕 Nalgunha casa lucense…
-Ei, a comida xa está!
+…Esquecinme avisar😅hoxe non como aquí, fun un dos #SobranceirosFutbolinlugo pic.twitter.com/jYMZUBJLX6![]()
— Futbolinlugo (@futbolinlugo) March 7, 2018
O Corgo volve ao liderado da fase polo ascenso ao vencer a domicilio pola mínima á Comercial. Borjita no centro do campo foi un dos xogadores máis destacados do conxunto corgués, onde Borja Núñez marcou o mellor tanto do choque a balón parado e Dani fixo un gran encontro baixo paus, só lle faltou atallar o penalti que Carlos Pacín da Comercial lanzou nos últimos instantes. Segundo é o Goiriz, que volveu gañar logo de dúas xornadas sen facelo; levouse a vitoria pola mínima a domicilio ante o Sober, despois de que o gardamallas Diego Barro realizara unhas grandes intervencións que evitaron o empate dos locais. Agora o Incio queda terceiro ao non pasar do empate ante un Cervo que acabou en igualada os últimos tres enfrontamentos. O partido, que puido caer para calquera lado, estivo marcado polo estado do terreo de xogo que acusou as inclemencias do tempo nas últimas semanas. A Comercial segue cuarta e o Catro Roldas é quinto ao perder na súa visita á Fonsagrada. Iso si, está empatado co Cervo ao que lle seguen de preto Sober e Fonsagrada.
No Trofeo Delegación de Lugo, no grupo norte o Muimenta avanza con paso firme cara a esa final na que se decidirá a outra praza de ascenso á Segunda Galicia. O equipo adestrado por Basi venceu ao Celeiro e aproveitou a derrota do Friol para aumentala súa distancia en dez puntos. O equipo da Mariña deu batalla no Pichón nunha boa actuación de Edgar, pero víronse superados na segunda metade. Quen se aproxima ao segundo posto é o Cazás que logrou o seu terceiro triunfo consecutivo ao derrotar pola mínima ao Friol nos últimos instantes do encontro cun gol de Adrián Piñeiro. Conseguiu a súa segunda vitoria da competición o Rábade. Sergio e Rober foron dos xogadores máis destacados ante un Rioaveso que sumou un punto nesta segunda fase.
No grupo sur, o Paradela suma tres puntos máis e un partido menos ca Río Sil e Guntín que lograron o seu cuarto triunfo consecutivo. O Río Sil venceu ao Relámpago Taboada nun partido que se volveu desputar no concello pontevedrés de Rodeiro. O equipo sobreino tivo que remontar despois de comezar gañando noutro gran partido de Lobios. O Guntín fixo o propio a domicilio ante o Quiroga nun bo partido de Salad e cun dobrete de Rochela. O Laxosa colleitou a súa terceira vitoria da segunda fase, despois de derrotar pola mínima ao FC Becerreá nun choque onde Pedro foi un dos futbolistas máis sobranceiros.