O domingo ás 18 horas, o Suso Cruz será o esceario do encontro entre dous dos grandes favoritos a ocupalos postos de ascenso a final de temporada na Segunda Autonómica. O líder, Guitiriz, recibe a un Xermade tamén invicto que ocupa o segundo posto na clasificación.

A pasada temporada rematou con certa decepción para os guitiricenses. Logo dunha primeira volta inmellorable, os de Delfín Romero non foron capaces de aguantalo tirón de Burela e Pol na segunda e quedaron ás portas do tan desexado ascenso. Esta campaña comezou dun xeito semellante. Cinco triunfos en cinco xornadas, vinte goles a favor e ningún en contra. Os números asustan a calquera, pero no cadro do Suso Cruz son prudentes para evitar excesos de confianza. Esta fin de semana teñen unha proba de altura o Xermade.

O conxunto xermadino, que non foi quen de mantela categoría a pasada temporada en Primeira, comezou esta campaña tal e como se agarda dun favorito a ocupalo lugar recén perdido. Catro triunfos nas catro primeiras xornadas e tan só un empate, o que o Xermade cedeu no seu feudo ante o Candelaria. Os pupilos de Rebolo viaxan a Gutiriz co obxectivo de acadalo liderato, e sobre todo, tres puntos de prestixio de cara a unha longa temporada.

QUE OPINAN OS PROTAGONISTAS?

Javi “Tanketín” (S.D. Gutiriz)

O comezo ao cen por cen. “Xa comezamos así o ano pasado e non creo que sexa casualidade, senón que como equipo, sabemos facer as cousas ben desde o comezo. Detrás das victorias está o traballo realizado na pretempada ao igual que o realizado durante os adestramentos semana a semana, sen esquecernos da competencia sana  por formar parte do once titular”.

Tanketin voltará a ser peza clave do Gutiriz na procura do ascenso

Coa lección aprendida. “Non podemos poñernos excusas do ocurrido o ano pasado. Agardo que esta temporada nos respeten máis as lesións e que non nos relaxemos nin regalemos uns puntos que pra nós son clave á hora de estar no máis alto da clasificación”.

O rival. “O que máis me impresiona do Xermade é a súa organización, o traballo táctico e a intensidade. Xogamos en pretempada e empatamos a un gol. Sen embargo, este encontro será diferente, xa que nos estamos xogando tres puntos ante un rival directo”.

Borja Guerreiro “Abeás” (A.C.D. Xermade)

Bo comezo pero autocrítico. “Comezamos bastante ben a nivel de resultados, pero o xogo nas tres primeiras xornadas foi bastante pobre. Precisamente a semana pasada, facendo o mellor partido non fomos capaces de marcar e cedemos os primeiros puntos. Malia ter varias baixas que nos veñen lastrando confiamos en sacar un resultado positivo en Gutiriz”.

Equipo titular do Xermade a pasada temporada na Medela ante o Taboada

Favoritos, pero nun segundo grupo . “Pra min, Gutiriz e Folgueiro son, con diferencia, os máis claros favoritos. Un chanzo por debaixo, o Cabreiros e nós temos o mesmo problema: unha plantilla moi curta. Se nos respetan as lesións podemos estar ahí. Descoñezo o nivel do Valadouro, pero ao ser un recén descendido pode estar ahí. Persoalmente gustaríame ascender nós e o Folgueiro, onde teño antigos compañeiros como Anxo, Marcos ou Aurelio, aos que lles desexo o mellor”.

O rival. “O punto máis forte do Guitiriz é que son un bloque moi unido. Levan moitos anos xogando xuntos e iso nótase. Aparte son capaces de dominar o partido coa posesión ou de replegar un pouco e xerar perigo ao contragolpe. Seguro que será un encontro durísimo”.

 

ESTE FIN DE SEMANA TAMÉN PODES VER . . .

Terceira División

– Racing Vilalbés – C.D. Ribadumia (Domingo ás 17 horas na Madalena): os chairegos buscan urxentemente un triunfo para trocala dinámica de catro derrotas consecutivas. O Ribadumia vén de golear ao Laracha de Gilsanz.

Preferente Norte

– C.D. Foz – San Tirso S.D. (Domingo ás 17 horas no Martinez Otero): os de Gayol enfróntanse a un rival sorpresivamente instalado nos postos altos da táboa. O cadro focense buscará a terceira xornada sen perder como local pra afastarse da zona de perigo.

C.D. Castro – Puebla C.F. (Domingo ás 17 horas no Arturo Pereiro): mellores sensacións no conxunto de Brais Prados nos dous últimos encontros, que quererán refrendar ante o conxunto barbanzán pra logralo primeira triunfo da campaña. O Puebla suman tres encontros sen gañar.

Dumi, capitán e líder da zaga do Castro, buscará cos seus compañeiros os primeiros tres puntos

Ribadeo F.C. – C.F. Noia (Domingo ás 17 horas no Pepe Barrera): enfrontamente entre dous dos catro equipos que seguen invictos logo de sete xornadas. Os de Rafa Casanova, logo de tres empates consecutivos, loitarán por un triunfo que os meta na loita polos postos de ascenso.

Primeira Autonómica

Guerreiro anotou o tanto da victoria do Taboada ante o Atlético Escairón

– S.D. Pol – Taboada C.F. (Domingo ás 16:30 horas no Manuel Luna): logo da derrota ante o Chantada Atlético, o Pol buscará resarcirse na casa ante un Taboada que suma tres partidos sen perder, pero que aínda non logrou gañar lonxe da Medela.

 

Atlético Escairón – C.F. Riotorto (Domingo ás 16:30 horas no Municipal do Saviñao): os de Labrada, logo dun arranque de temporada complicado, xa recuperaron sensacións, visitan a un dos favoritos para o ascenso. O conxunto de Eskalza non debe errar na casa para non perder a estela dos conxuntos cabeceiros

Segunda Autonómica

– U.D. Folgueiro – S.D.C. Roupar (Sábado ás 16:30 en Boa Vista): os do Vicedo, que no caso de gañar poden rematala xornada en postos de ascenso reciben ao equipo revelación. Os xermadinos non coñecen a derrota, suman tres triunfos consecutivos e promedian tres goles por encontro.

– C.D. Guntín – Ferreira C.F. (Sábado ás 16:30 en Ladairo): o cadro local, novo líder, que ven de golear ao Chantada B, recibe ao conxunto adestrado por Julio Corral. O Ferreira, aínda invicto, acumula tres empates consecutivos, o último deles con nove homes ante o San Lázaro.

César, gardameta do Ferreira, resultou clave para o seu equipo ao deter un penalti ante o Corgo

 Terceira Autonómica

 – Club Lemos B –  S.D. Paradela (Sábado ás 18 horas no Luis Bodegas): aínda que é xornada de descanso en Terceira, dispútase o encontro adiado entre o filial lemista, que recibe ao Paradela, segundo clasificado.

Primeira División Galega

 – S.D. Antas – Umia C.F. (Domingo ás 18 horas no Castro Seoane): logo de acadala ansiada victoria, as rapazas de Melendo buscarán seguir coa racha ante un rival cunha traxectoria irregular ata o de agora.

A S.D. Antas acadou o primeiro triunfo na súa nova categoría

Segunda División Galega

S.D. Chantada – Imperator Oar (Domingo ás 12 horas na Raña): as chantadinas buscarán o seu primeiro triunfo no exilio da Raña. Se o acadan superarán na clasificación ao conxunto coruñés.

 – P. M. Friol Lugo B – S.G. Comercial (Domingo ás 19:30 horas na Reigosa): o filial do conxunto lucense, instalado na parte alta, recibe ás veciñas da Comercial que non renunciarán a dala sorpresa.

Liga Feminina Fútbol 8

 – S.D. Burela – Olímpico C.F. (Domingo ás 12 horas no Anexo á Marosa): logo do empate sen goles no día do debut das mariñás en competición oficial, reciben a un conxunto que goleou ao seu rival na primeira xornada.

 

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*