Gustaríanos non ter feito esta reportaxe. Ou mellor dito, facerlla en vida. Manuel Díaz Souto, o famoso ‘Neno’, ben a merecía. Dicir o seu nome era pronunciar o fútbol. Era falar da Comercial, emblema a nivel galego dos clubes galegos da base. Alí foi presidente, encargado de material, administrativo, xestor… Alma máter. Pero tamén, recordar ao antigo porteiro do San Vicente do Barrio Feijoo. Ao colexiado, ao exdirectivo do CD Lugo, ao vocal do comité rexional de fútbol. O Neno amaba a pelota, Don Manuel era fútbol. Neste pequeno serial queremos recordar tamén á persoa, ao baleiro que deixa, e ao moito que nos queda del. E que mellor que amigos (ou inimigos), coñecidos ou compañeiros para recordalo. Porque outra cousa non, pero indiferente non deixou a ninguén.

O balón era un dos grandes motores na vida do Neno. EL PROGRESO

O Neno definíase coma un “catedrático urbán“, un home feito a sí mesmo cunha premisa fundamental: “A verdade por encima de todo e de todos”. Iso sí, os seus “amigos e familia, por encima de todo”, tamén. Unha visión que non dista da dos seus amigos. Falamos xa con Lolo, actual adestrador do Lucense, que compartiu moitas horas co noso protagonista. Para Lolo, “o Neno era un home de gran confianza, cunha visión da vida e consellos cheos de rico contido a pesares da súa brevidade”. En definitiva, “un gran amigo que sempre me tratou de xeito excelente. Nos máis de dez anos que coincidín con él, aínda está por chegar unha palabra malsoante entre nós”.

Outro home que o coñece realmente ben, é Carlos Méndez ‘Negrín’. O Vicepresidente da Real Federación Galega de Fútbol afirma que “o Neno foi un home que viviu por e para o fútbol. Polas súas mans pasaron xeracións de futbolistas lucenses. Tiven a sorte de compartir coma xogador dez anos nas filas da SG Comercial, sendo el o alma máter. El inculcoume os valores do sacrificio, a constancia e a superación. Foi, é e será unha figura destacada do fútbol lucense”. Por estas razóns, o ente federativo do que Negrín forma parte entregoulle en 2016 un recoñecemento por toda unha vida adicada ao balompé. A instantánea é a que preside este artigo. Tamén o recordan con sumo agarimo, varios dos derradeiros grandes ‘productos’ da factoría Comercial. Despedimos esta primeira parte do serial coas declaracións de varios deles.

José Varela, futbolista do Rácing Villalbés: “Era unha grandísima persoa, unha institución do clube. Sempre o recordaremos por todo o que facía polo clube. Traballou sempre moi ben a canteira, un home de fútbol ao que todos lle temos gran cariño. Meu irmán e eu estivemos en benxamíns na Comercial e sempre se portou moi ben con nós. Axudounos en todo o que podía. Lamento moito a súa perda. Todo o fútbol galego o recordará coma o gran presidente que era”.

Diego Redondo, xogador do Outeiro de Rei: “Coñezo ao presidente Neno dende que cheguei á Comercial con sete anos. Estiven ata os vinte. Trece anos nos que non recordo un só día de adestramento que non estivese polo campo ou na súa oficina coa radio e, de vez en cando, con algún que outro puro… Iso era tan seguro coma a súa implicación e cariño cara ao fútbo e sobre todo cara a SG Comercial. Descanse en Paz”.

Álvaro Álvarez, xogador do Castro: “Non recordo moito, o que sí é que era máis que un presidente. Recordo que nos animaba en cada partido incansablemente. Gustáballe darnos consellos para crecer coma persoas, xa dende pequeno inculcávanos os valores do deporte e da vida. Recordo tamén que lle gustaba a disciplina, de vez en cando algunha bronca nos caía por pillos. Pero a diferencia co resto era que sen dúbida conseguía que os equipos foran familias. Non buscaba facer un equipo e facelo competir. Ía máis alá. Axudaba a que foramos unha familia. Moitos dos xogadores cos que xoguei na Comercial son a día de hoxe amigos meus e algún xa é coma a miña familia. Neno, un exemplo para todos”.

Comparte
                              

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*