Unha saída inesperada. Unha aposta por xogar ao fútbol e estudar o que a el lle gustaba. O fútbol lucense tamén exporta talento. E esta semana foi protagonista na rolda previa da Copa do Rei. O novo formato coloca no mapa ao fútbol modesto. E o novo formato colocou no mapa ao CD Barquereño e a Iñaki Fernández Rodríguez (Sarria, 17-09-1998). Aínda que o final non foi o desexado. O equipo de San Vicente de la Barquera da Terceira División cántabra quedou eliminado nos penaltis ante o Comillas de Logroño. Iso si, o gol dos seus baixo a autoría dun dos nosos.

Futbolinlugo: Que se sente ao marcar nun partido de Copa?

Iñaki Fernández: Non adoito marcar moitos. Recibín moitas mensaxes. Dicía de broma nas horas previas que estaba con moitas ganas e que cando pensaba así, sempre marcaba. Estivemos con esas bromas. Quedou a pena de non poder xogar cun equipo de Primeira.

Fil: Como se viviu no Barquereño esta fase da Copa?

IF: Foi moi especial. Había un mes que fora o sorteo. De primeiras o rival parecía asequible, aínda que o de xogar fóra da casa non gustaba tanto. Tiñamos na cabeza a ilusión de poder xogar contra un equipo de 1ª. Ademais viñamos de gañar o sábado na liga. Estabamos con moitas ganas.

Fil: E como foi o partido?

IF: Sabiamos que eles tiñan un equipo moi novo. No noso a media de idade é máis maior. Somos máis físicos. Planteamos o partido para esperar o noso momento. Aproveitar as súas perdas de balón e saír a contra. Pero no minuto 4 cometemos un erro defensivo e marcáronnos o gol. Houbo que mudar sobre a marcha. De feito o adestrador cambioume ao lateral esquerdo (habitualmente está xogando no lateral dereito). Posición na que nunca xogara. O obxectivo era parar ao extremo deles e aproveitar que tampouco axudaba moito a defender. Nun saque de curruncho rematei o balón desde fóra da área. Un defensa salvouna baixo paus; logo un centro chut dun compañeiro e eu metina para dentro. Despois do descanso houbo menos ocasións e na prórroga igual. Ninguén quería cometer erros. Nos penaltis fallamos tres. Non tivemos sorte.

Fil: E iso que os tiñades ensaiados…

IF: Si, o luns e o martes creo que fallamos un de todos cantos tiramos. Pero entre os nervios, a xente que había…penso que nos pasou factura a importancia do partido.

Fil: Para o recordo queda o ben acompañados que estivestes…

IF: A afección estivo volcada. O viaxe era dunhas tres horas. E foron sobre 400 persoas. Foi incrible.

«Quería xogar no Lugo, pero necesitaba estudar»

Iñaki estivo sete anos nas categorías inferios do CD Lugo. Esta é a súa terceira temporada na Terceira División de Cantabria

Fil: E como acaba un de Sarria en Cantabria?

IF: Eu empecei a xogar na Sarriana. Cando rematei a etapa de xuvenil no CD Lugo (despois de 7 anos) tiña na cabeza seguir no filial. Dixéranme que contarían comigo. Pero fixen a selectividade e a nota non me daba para estudar fisioterapia que era o que eu quería. Falei con Adrián Laureda e díxenlle que quería xogar no Lugo, pero que necesitaba estudar. Chegamos a un acordo de buscar algún equipo. E saíu a opción do Tropezón. En Torrelavega hai Fisioterapia, podía entrar nesa facultade e decidín marchar.

Fil: Como foi ese cambio?

IF: Complicado. Fun con meu pai xa en xullo para facer a pretemporada. Collín un piso para min só porque non coñecía a ninguén. Estaba só, nun sitio novo; ademais a media de idade do equipo era bastante superior a miña; xogadores con fillos…A clave foi cando comecei a universidade. Aí xa comecei a relacionarme con xente.

Fil: Por que non rematas esa tempada no Tropezón?

IF: Non tiña os minutos que eu pensaba que tiña que ter. Perdera a confianza. En inverno marchei ao Santillana. Aí tamén foi importante que o equipo fose máis novo. Acabei o ano moi contento. Despois marchei ao Rinconeda. Integráronme como un máis. Futbolisticamente para min foi moi boa tempada, pero o equipo descendeu.

Fil: Este curso contas coa confianza do adestrador?

IF: Sempre que estou ben adoito xogar. De feito, foi el quen me insistiu que viñese este ano para aquí. Dáme moita confianza. E iso que San Vicente non é o que máis a man me quedaba. Ti percorres Cantabria nunha hora. Dende Torrelavega no percorrido de 15 km hai tres equipos de Terceira. A San Vicente hai uns 35km. Pero tomei a decisión polo proxecto, o equipo e o adestrador. Lévame o míster aos adestramentos.

Fil: E que tal vai a carreira? Compaxínase ben co fútbol?

IF: Na carreira teño prácticas pola tarde entón non me queda moito tempo para estudar. Pero a cuestión é organizarse. Gústame moito e estouno levando bastante ben. Creo que sen o fútbol sacaría peores notas. Porque me obriga a organizarme e tamén a desconectar por outra parte.

Fil: E o de volver á provincia? Para cando?

IF: Non sei que pensar. Estou a gusto aquí, pero a casa tamén tira. Para o seguinte curso teño prácticas da carreira que as podo facer en calquera lugar. Podería ser unha opción. Tería que valorar que é o máis me convén no fútbol e tamén para o meu futuro laboral.

«Aquí o fútbol modesto vívese dunha maneira máis forofa«

Tropezón, Santillana, Rinconeda e Barquereño son as camisolas que vestiu Iñaki en terras cántabras

Fil: Como se vive o fútbol en Cantabria?

IF: Dunha maneira un pouco diferente a Galicia. O único equipo de fútbol punteiro é o Racing. Só o vive a xente de Santander. O demais que queda é o da Terceira. Todo o mundo fala del. A xente vai velos. Cando lles preguntan os afeccionados din que son “de la Gimnastica, del Tropezón,…”. O fútbol modesto vívese dunha maneira máis forofa. En Galicia penso que non está a xente tan involucrada.

Fil: E a nivel puramente futbolístico?

IF: En Galicia o nivel é moi alto. Penso que aquí é máis baixo no sentido técnico. No temas dos campos, por exemplo, hai un par deles naturais que nestas datas póñense impracticables. Outros son un tapete. O noso é artificial. De feito o ano que vén teñen previsto cambialo porque xa está bastante gastado.

Fil: Cal é o obxectivo real do Barquereño?

IF: O equipo acaba de ascender. O obxectivo é manterse. Métennos moi poucos goles, pero tamén nos falta a nós gol. Os equipos de arriba non se nos dan mal. O outro día empatamos, por exemplo, coa Gimnástica e tamén co Tropezón.

Fil: Segues en contacto coa xeración do 98 do CD Lugo?

IF: Fixemos un grupo tremendo. Alex Antón axudou moito a que ese grupo se forxara. Manu Núñez, Escriche, Juan Souto, Álex Teira…con todos. Pasámolo moi ben.

IÑAKI EN CURTO…

O mellor momento no fútbol? Igual o gol desta semana se nos levaramos a vitoria… daquela foi un momentazo. Pero quédome coa salvación en categoría Nacional na Madroa contra o Celta nos últimos minutos.

E o peor momento? O descenso do primeiro ano en Cantabria co Santillana.

Un sitio de Cantabria que recomendes?  Hai varios. La Playas de los Locos en Suances.

Un lugar onde se respire fútbol? San Mamés

Un xogador cos que compartiches vestiario? Juan Souto, actual futbolista da Residencia

Un soño no mundo do fútbol? Será xogar no máis alto posible. Sempre divertíndome.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Redacción Futbolinlugo

Redacción Futbolinlugo

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*