A Axenda: o filial do Athletic visita a Reigosa

Ademáis do noso Partido da Xornada, presentámosvos a nosa Axenda para este fin de semana, que nos trae un derbi provincial en Preferente ou a visita dun histórico á Reigosa, entre outros moitos encontros de interese.

Terceira División

– Polvorín – U.D. Ourense (Domingo ás 16:15 horas na Cheda): co obxectivo de acadar a terceira vitoria consecutiva, o conxunto de José Durán recibe a un Ourense que precisa recurtar diferencias cos postos de cabeza.

Preferente Norte

– Club Lemos – At. Coruña Montañeros (Domingo ás 16 horas na Pinguela): o cadro monfortino, despois de gañar catro dos últimos cinco partidos, recibe a un Montañeros que, coa chegada ao banco de Moisés Pereiro tentará abandonar o último posto da clasificación.

– Ribadeo F.C. – S.D. Residencia (Domingo ás 16 horas nas Valgas): derbi provincial entre dous conxuntos con obxectivos distintos. Os mariñáns, nun gran momento de xogo e resultados, queren achegarse aos postos de ascenso, mentres que os lucenses, tras gañarlle ao Sigüeiro, buscarán outro triunfo que os afaste dos postos de perigo.

Primeira Autonómica

– C.D. Guntín – S.D. Chantada (Domingo ás 16:15 horas no Ladairo): o conxunto local, asentado na zona media da tabla, recibe a un Chantada que precisa os tres puntos para achegarse aos postos de ascenso.

 – S.D. Monterroso – S.D. Santaballés (Domingo ás 16 horas en Cerdeiriños): os de Óscar Méndez queren manter a segunda posición e prolongar así a súa boa xeira de resultados. O cadro chairego, logo de tres triunfos consecutivos, quere achegarse aos monterrosinos.

Segunda Autonómica

 – Mondoñedo C.F. – C.D. Cospeito (Domingo ás 16:15 horas no Viñas da Veiga): o cadro local está situado en postos de descenso e non coñece a vitoria neste temporada. Tentará estrear o seu casilleiro ante un Cospeito que está a competir moi ben e gañou os seus últimos tres encontros.

– Ferreira C.F. – O Incio Terra Brava (Domingo ás 16:!5 horas no Baliño): os de Pantón buscarán manter o liderato e a imbatibilidade no seu campo, pero reciben a un Incio que pretende achegarse aos postos de cabeza e xa foi quen de gañar nas Rapadas esta temporada.

Terceira Autonómica

 – A.D. Matela – Fonsagrada Balompé (Domingo ás 16:30 en San Lourenzo de Aguiar): os dous únicos conxuntos invictos da categoría. O cadro local, logo de dous empates consecutivos, tentará dobregar a un Fonsagrada que é líder.

– C.D. Sober – S.D. Antas (Domingo ás 16:15 horas en Centeás): o cadro local quere prolongar a súa boa xeira ante un Antas que vén de protagonizar un dos encontros con máis goles do noso fútbol. Os de Melendo están a dous puntos do ascenso directo.

Reto Iberdrola

 – Peluquería Mixta Friol – Athletic Club B (Domingo ás 12 horas na Reigosa): despois do triunfo revitalizador acadado en Xixón, as rapazas de Dani Guerrero precisan dun triunfo na Reigosa para fuxir da zona de perigo. Enfronte o filial do Athletic, conxunto da zona alta.

Primeira División Galega Feminina

– Peluquería Mixta Friol B – Atlántida Matamá (Domingo ás 15:45 horas na Reigosa): logo da derrota en terras coruñesas da pasada xornada, as de Covi queren reconciliarse co triunfo e escalar postos na clasificación. O conxunto vigués non llo porá doado.  Son cuartas na táboa.

Segunda División Galega Feminina 

 – C.D. Lugo – Betanzos C.F. B (Domingo ás 17 horas no Luis Gorgoso): o conxunto lucense, segundo na clasificación, recibe ao pechacancelas da competición. Ocasión propicia para tentar achegarse ao liderato.

– Carballedo C.F. – U.D. Carral (Domingo ás 12 horas no Catro Ventos): logo de tres derrotas consecutivas, as rapazas do Carballedo buscarán voltar á senda da vitoria, ante un conxunto que vén de caer goleado no seu campo ante o C.D. Lugo.

– S.G. Comercial – Sporting Cambre (Domingo ás 17 horas no Rodríguez Lago 2): as lucenses, terceiras clasificadas e aínda invictas buscarán dar a sopresa ante o líder, un conxunto que conta por triunfos os seus encontros.

Liga Feminina Fútbol 7

 – S.D. Burela – Unión Campestre B (Sábado ás 18 horas no Anexo á Marosa):  as rapazas adestradas por Jesús Rial son líderes e tentarán manter esa condición ante as de Oleiros, situadas na metade da táboa.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 406

Deja un comentario