Nesta casa amamos as historias de superación. As da xente que busca día tras día sacar o mellor de sí mesmo. E dos demais. Vivir nunha aprendizaxe constante coma lema de vida. Hoxe traémosvos un fermoso cóctel con todos estes ingredientes. Todos aglutinados baixo un mesmo nome: Alberto Pérez Cabado (Lugo, 1989). Moito máis ca un dianteiro. Un home reflexivo que vive a súa merecida segunda xuventude no noso fútbol.

FUTBOLINLUGO: Boas Alberto! Empecemos polas túas orixes. Pola túa experiencia na base. Fálanos da túa Comercial e o que foi para ti!

ALBERTO: Aprendín moito sobre traballo e responsabilidade defensiva. A reagruparse en defensa, como orientar defensivamente, o traballo coa liña e as coberturas. Todo grazas a Castro.

Alberto, co Polvorín

FIL: Cambiou moito a Comercial actual con respecto á que ti disfrutaches en primeira persoa?

ALB: Daquelas era un clube dos grandes, dos que sacaban xogadores para arriba en Lugo. Agora é quizais un clube máis de barrio. Seguramente cambiou o nivel dos adestradores. Daquelas había mellores adestradores dos que hai agora.

A Comercial é quizais agora un equipo de barrio. Antes había mellores adestradores

FIL: Rematas nos xuvenís da Comercial e aparece a oportunidade do Polvorín na Primeira Galicia…

ALB: Cando cheguei ao Polvorín aprendín a desmarcarme. Ensinoume o meu primeiro adestrador, que foi Julián Castaño. Cando xogo só de punta xúntome ao segundo central… Beneficiábame que xogabamos en replegado e así tiña espazo para ter ese ‘timing’ e arrincar. Aprendín a temporizar, a facer o desmarque en horizontal e romper á espalda do primeiro central. Así marquei moitos goles. A pena é que eramos poucos xogadores ese ano e ao final descendimos. Foi o meu mellor ano a nivel de amateur.

O ano que cheguei ao Polvorín foi o mellor a nivel amateur

FIL: Dicías que foi o teu mellor ano. Porque logo chegaron as lesións, verdade?

ALB: Efectivamente, primeiro ligamento cruzado e menisco. Despois volvín romper menisco cando ía volver… E chegados a este punto debo destacar que na Milagrosa tamén fixen un bon ano en Primeira. Eramos un equipo de xente moi currante. Faltando seis xornadas comezaramos a perder partidos, cando estabamos a un só punto do ascenso… Pero ese ano non marquei moitos goles.

Alberto, atento aos seus pupilos nunha sesión. CDLUCamp

FIL: Semellaba que as lesións te retiraran, pero non…

ALB: Cando apareceron as lesións, saquei os carnets de adestrador. Reengancheime ao fútbol, en concreto ao fútbol base. E foi todo grazas a Rubén Arce -coordinador de adestradores do porteiros da base do CD Lugo-. Él animoume a sacar os títulos e acompañoume. Aí comecei a ver o fútbol dende unha perspectiva que me gusta máis. Entendoo máis coma deporte global e non só na visión dos dianteiros. Aí vin que o fútbol é moi rico e engancheime a él.

Como adestrador entendo o fútbol coma deporte global e non só coma dianteiro

FIL: E no Lugo poderiamos dicir que nace o interés do Pol. Ou non?

ALB: Unha vez reenganchado ao fútbol, un compañeiro do Lugo comeza a adestrar no Pol. Chámase Castro. Él díxome de ir para alí. Xa me adestrara na Comercial.

FIL: É compatible a faceta de xogador coa de técnico?

ALB: Sí, pero prefiro a de adestrador. A base do Lugo –Alberto dirixe ao Benxamín A albivermello- apórtame non pensar só no resultado, en formar ao xogador e ver a súa melloría en cada adestramento. Marcarlle obxectivos para que mellore. É moi satisfactorio porque son chavales que lles gusta o fútbol e observas que melloran en cada sesión. O fútbol base faiche sentir cada día que eres mellor formador. Cada día traes un concepto ou tarefa nova e ves o entusiasmo dos chavales. Debo dicir que eu agora mesmo son formador, adestrador aínda non son. O día de mañá gustaríame ser adestrador.

Prefiro a faceta de adestrador. Aínda que agora mesmo son formador, non adestrador

FIL: Antes de despedirnos, un par de apuntes. O primeiro: faláronnos dunha ‘pastilla’ debaixo da lingua…

Alberto, defendendo a elástica da Milagrosa

ALB: Tómoa tódolos días antes dos adestramentos pero non me sirve para nada -bromea-. No fútbol base debemos ir moi tranquilos. Teño que trasmitirlle tranquilidade aos meus xogadores, é algo co que teño que aprender a vivir. O da ‘pastilla’ vén dunhas semifinais de Copa co Polvorín. Recomendouma Julián porque eu estaba moi acelerado e caía seguido en fóra de xogo. Ao final como é rendemento, quedámonos co resultado e pasamos á final! Pero hai que recordar que na base o importante é formar ao xogador. O resultado danos igual.

No fútbol base debemos ir moi tranquilos. O importante é formar ao xogador, o resultado danos igual

FIL: Para rematar. De onde vén ese apodo de ‘Trucha’

ALB: Eu comecei na Comercial como Alberto. Logo tiña un amigo que lle chamaban o ‘besugo’ e a min chamáronme o ‘sardina’. Cando cheguei á Milagrosa, Madriles púxome ‘trucha’ porque ‘sardina’ eran tres sílabas e así era máis doado. Agora volvo ser Alberto.

FIL: Grazas Alberto. Un pracer!

ALB: A vós!

 

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Diego Díaz Martínez

Diego Díaz Martínez

Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*