Máis de sete anos pasaron xa desde o último encontro do Celta Barreiros en Segunda Autonómica. Foi un 29 de abril de 2012 no campo do Candelaria onde o cadro celeste dixo adeus a unha categoría, á que contaba voltar moito antes.

O paso do tempo mermou as esperanzas de plantillas que eran competitivas e de adestradores que viron como non se cumplían as expectativas marcadas ao comezo de cada curso. O último tramo da temporada 2017/2018 marcou un punto de inflexión: malos resultados e falta de compromiso dunha parte dos xogadores, o que provocou a saída de Moñita, adestrador ata daquela.

Equipo titular do Celta Barreiros no encontro da primeira volta ante o Alfoz

Ahí colleu as rendas da dirección deportiva unha das persoas claves do resurxir do Celta Barreiros: Víctor Couto. Formara parte do plantel, pero unha lesión fíxolle replantexarse o seu papel no clube, e malia perder un activo no campo, a súa decisión foi acertada. Foi o artífice principal de conformar un grupo unido de xogadores e corpo técnico co gran obxectivo de lograr, dunha vez por todas o ansiado ascenso. E este chegou, como non podía ser doutra maneira, logo dunha temporada chea de dificultades. Pero logo dunha clasificación in extremis para o play off, o cadro barreirense amosouse intratable na promoción. O 5 de maio, no campo da Canteira ante un Catro Roldas que foi un duro rival, o Celta Barreiros certificou o ascenso a Segunda Autonómica

Víctor Couto sustituíu a Fran Vázquez no banco celeste na baixa deste

VÍCTOR COUTO. O ARQUITECTO

A elaboración da plantilla. “Tivemos a gran sorte de atopar a Fran, que aínda que non tiña experiencia en equipo senior quería adestrar. Logo comezamos a falar con xogadores que sabíamos que nos coñecían, e cando vimos que xente como Álvaro, Jorge, Hugui, Insua, Aaron, Joserra, Iff, Damián, Congui, Dani Pico, etc se unían ao proxecto sabíamos que podíamos pelexar na zona alta”.

A temporada. “Comezamos cunha racha moi boa, pero logo de seis xornadas o equipo foi perdendo gas e démonos conta de que algo tiñamos que facer. Rastreamos o mercado e chegaron xogadores contrastados como Xián, Máquina, Roberto Blanco, Celeiro ou Dani Chin. A falta de catro xornadas estábamos a sete puntos do play off, e logo de perder na Fonsagrada os ánimos estaban baixos. Pero vimos que por calendario había opcións e pelexamos cada partido ao máximo nivel. Sabiamos que se chegabamos á promoción, co equipo que tiñamos, íamos ascender case fixo, como así foi”.

O ascenso. “Se hai unha palabra que o resuma é emoción. O día do ascenso no campo do Catro Roldas ver a xente da directiva, que o dan todo polo clube nun mar de lágrimas…non hai quen pague iso”.

O retorno a Segunda. “Debemos ser conscientes do cambio. Foron moitos anos en Terceira e debemos ter os pes no chan. A prioridade clara é manterse loxicamente, pero creo que co equipo que estamos facendo estaremos máis preto da zona media-alta que da baixa”.

Derbi asegurado. “Creo que nos tarda máis a nós que a eles (risas). Estaban acomodados porque eran os que estaban arriba, pero agora a realidade xa non é esa e Barreiros xa volve ser celeste”.

Outra peza importante no proxecto do Celta Barreiros é o seu míster”. Un home apegado á base no Santiago de Foz, sen experiencia no fútbol senior ata este pasado ano. Fran Vázquez foi a aposta do clube para logralo ascenso. E saiu á perfección. A directiva soubo confiar nel cando os resultados menos acompañaron e o equipo enderezou o rumbo.

FRAN VÁZQUEZ. O DIRECTOR

A primeira campaña de Fran Vázquez no fútbol senior non puido rematar de mellor maneira

A primeira temporada no fútbol senior. “Foi unha gran campaña. Todo é máis fácil cun grupo de xogadores como o que tivemos. Tamén contei coa axuda do meu segundo adestrador, que foi a voz nos adestramentos cando me tiven que operar. Terei que ir pulindo defectos pouco a pouco, pero daríalle un aprobado ao meu primeiro ano”.

A importancia dos reforzos. “Cando os xogadores son da calidade de Celeiro, Xian, Roberto Blanco, Máquina, José Miguel e Dani Chin…sumado aos que estiveron desde o primeiro día e aportaron tanto, como Álvaro coa súa experiencia ou Jorge, Hugo, etc. Todo iso sumado ao traballo, ilusión, e sobre todo ao compromiso remátase por acadalos obxectivos”.

O alto nivel do grupo norte de Terceira. “Pensei que ía ser máis baixo, pero según ía avanzado a competición quedoume claro que non. Alfoz, Muimenta ou Fonsagrada podían competir en Segunda tranquilamente. É algo positivo, xa que, a propia competición obrígate a competir mellor. Tivemos momentos malos, como despois de perder na Fonsagrada, pero xuntámonos ao día seguinte, e coa ilusión e as ganas que se vían no equipo, saín do adestramento pensando no ascenso”.

Proxecto de continuidade en Segunda. “Estareille sempre moi agradecido ao clube por confiar en min e por seguir facéndoo e crendo nas miñas ideas. Día a día quero ir mellorando e sendo mellor adestrador. A plantilla pode dar moito máis do que deu en Terceira e vamos poñer todo da nosa parte para acadalo obxectivo da permanencia e quedar o máis arriba posible”.

En calquer equipo é clave un bo capitán. Un home que lidere o grupo, que calme os ánimos ou que os erga cando sexa preciso. E o do Celta Barreiros é Damián. De orixe laurentino, pero asentado en Foz, o experimentado zagueiro seguirá un ano máis defendendo as cores celestes, desta volta en Segunda Autonómica.

A clave do ascenso. “Foron moitas teclas as que se tocaron. Unha delas foi xuntar a moitos xogadores con experiencia, acostumados a competir dúas ou tres categorías por enriba, con xogadores novos con gañas e frescura, que á súa vez tamén viñan da dinámica dunha canteira como é a do Foz, e iso é mérito de Víctor e de Fran, que foron quen de unir esta plantilla. Outra tecla é maravillosa directiva e xente do clube, e tampouco nos podemos esquecer que tivemos a sorte de ter unha bestia de compañeiro como Álvaro, que marcou as diferencias e transmitiu moita seguridade ao resto do grupo”.

As pedras no camiño. “Xurdiron moitos obstáculos ao longo da temporada. Lesións largas, outras recurrentes, baixas…iso mermounos e entramos nun bache, pero caer ata a sétima praza non nos fixo dudar nin cuestionarnos. Nin logo do encontro na Fonsagrada ao que chegamos coa calculadora na man. Era un encontro a tumba aberta que rematamos perdendo. A directiva preparáranos un cocido para o remate do partido e as caras eran serias, pero desde ese día abandonamos a calculadora e adicámonos a gañar ao máis puro estilo Luis Aragonés”.

A nova temporada. “Afrontarémola coa humildade dun equipo recén ascendido, coas ilusións renovadas polas incorporacións, nova equipación e nova categoría, e coa obriga de darlle máis alegrías á nosa afección que nos vén ver ao Cascabeiro. Iremos pola permanencia, pero sen renunciar a nada”.

O encontro marcado ante o Iberia. “Buscaremos a data unha vez salla o calendario. Persoalmente levo moitos anos sen poder xogar un derbi en liga e foi no primeiro que pensei unha vez acadado o ascenso. Serán encontros moi bonitos para os afeccionados de Barreiros, con moita xente na grada. Teño amigos e ex compañeiros xogando no Iberia e sei que a súa motivación vai ser máxima tamén, así que tratarei de impregnar no vestiario o significado deses partidos. Ogallá sexan dous encontros bonitos, sen polémicas e rematemos todos tomando algo na cantina”.

Comparte

Sobre o autor Ver todos os posts

Marcos Fernández

Marcos Fernández

Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte

Deixa un Comentario

O teu Email non se publicará. Cubre os campos requeridos*