Necesitaba o Antas un día así, un domingo así. As do Castro Seoane lograron o primeiro triunfo da tempada nunha mañá para o recordo. A estrea de Dani Abelairas como técnico do primeiro equipo feminino quedou eclipsada polo golazo da porteira Nuria, o tanto da vitoria. As da Ulloa aguantaron na primeira metade nun gran exercicio defensivo para adiantar liñas na segunda. Aí, Elisa avisou cun remate ao longueiro e Nuria fixo o resto. A porteira golpeou unha pelota parada desde uns cincuenta metros. Conseguindo superar á gardamallas rival cun potente disparo.
Tampouco lle foi mal ao Lugo, que se mantén a tres puntos do liderado. As de Joaquín Blanco foron crecendo nun partido con escaso ritmo no tramo inicial. Co paso do dos minutos, o Lugo fíxose co dominio do xogo ante un Tordoia que buscaba xerar perigo ao contragolpe. As albivermellas solventaron ben o reto. Controlaron o xogo directo rival e empezaron a crear ocasións. Lola adiantou ás capitalinas pasada a media hora de xogo. Pero a sentencia, non chegaría ata as postrimerías do encontro. Goico, a xogadora albivermella máis destacada, materializou o gol da tranquilidade.
Primeiro punto dunha Comercial que coqueteou coa vitoria
A Comercial xa sabe o que é puntuar na Segunda Galega. As rapazas de Vivian Dors fixeron un encontro moi serio ante un Carballedo máis gris que en pasadas xornadas. O cadro vermello adiantouse por dúas veces no marcador ante un rival escaso de xogadoras. Aínda así, as de Adrián Rodríguez chegaron ao tramo final con empate a dous goles. Unha igualada que se mantivo co asubío final, xa que a Comercial desperdiciou un discutido penalti no último minuto.
No derbi capitalino, o San Lázaro realizou unha mellor posta en escena e mostrouse moi efectivo para poñerse cun cómodo 3-0 ao descanso. ‘Dobrete’ de Xiana incluído. Na reanudación, mellorou o San Roque pero Jenny matou o partido co cuarto tanto. Nos últimos dez minutos, as de Quiroga maquillaron o resultado cos goles de Nai e Mery.
Pola súa parte, o Monte Forte caeu na casa ante o Cruces. Un querer e non poder para as de Perry. As monfortinas encaixaron os dous goles en tres contras do rival, o último deles a tan só catro minutos do remate. As baixas e as lesións están lastrando en exceso ás da terra de Lemos. O que non fallou foi o líder, o PM Friol B. O conxunto de Geluco Villar mandou de principio a fin ante un Bandeira que mandou algún aviso illado á contra. Nove de nove para as da Reigosa.
Ademais, o Chantada non foi quen de sacar algo positivo da súa visita ao Santiso. O equipo de Javi Gómez Laya adiantouse nada máis comezar cun zapatazo lonxano. Ángeles volveu empatar nun saque desde o curruncho. Porén, dous minutos máis tarde chegou o segundo tanto local. Na reanudación, as rapazas de Gorry buscaron a remonta sen éxito. Dous goles case consecutivos, nos minutos 75 e 80, certificaron o triunfo do Santiso. Por último, o Touro goleou á Milagrosa na Frigsa. As branquivermellas baixaron as súas prestacións na segunda metade e as visitantes non perdoaron.
O PM Friol colle aire na táboa
O conxunto de Covi Regueiro conseguiu un importantísimo triunfo na Segunda RFEF ante un rival situado na zona tranquila da clasificación. Iso si, non faltou a habitual dose de emoción na Reigosa. O PM Friol tivo que remontar o tanto inicial do Viaxes Interrías pasados os dez minutos de xogo. Okoye apareceu unha semana máis para facer a igualada xusto antes do descanso. E Nuria asinou o gol definitivo desde o punto de penalti. Foi á volta do paso por vestiarios e para deixar tres puntos fundamentais na casa.
resultados da xornada
PM Friol 2-1 Viaxes Interrías
Tordoia 0-2 CD Lugo
Antas 1-0 Amistade Meirás
Milagrosa 0-6 Touro
Comercial 2-2 Carballedo
Santiso 4-1 Chantada
San Lázaro 4-2 San Roque
Monte Forte 1-2 Cruces
PM Friol B 4-0 Bandeira