A terceira xornada da Preferente volveu deixar emoción nos dous duelos provincias. Seis goles se marcaron no Pepe Barrera para que o Ribadeo e o Lemos rematasen con empate. Tres anotáronse na Liga. O Santaballés tentou apertar pero a vitoria marchou para Foz.
O encontro en Santaballa tivo a Xenxo como a un dos grandes protagonistas. O atacante marcou o seu primeiro gol da temporada. Si, só foi un, non anotou un dobrete. «O autor do primeiro gol foi Roi, aínda que eu saín celebralo efusivamente. Chegamos aos dous xuntos ao balón tras un rexeite, pero quen lle pegou foi el. Eu son moi efusivo e todos os compañeiros viñeron celebralo comigo«, ri e admite Xenxo.
O conxunto focense uniu a segunda vitoria consecutiva despois das tres primeiras xornadas. Os dous triunfos foron nos duelos provincias ante Escairón e Santaballés. No último encontro, o cadro focense adiantouse cedo no marcador e marcou o segundo á volta dos vestiarios. Non obstante un penalti favorable aos locais e dúas expulsións en cada conxunto equilibraron as forzas.
«Son os partidos que nos toca dalo todo. Sabiamos que era un campo difícil. Eu nunca xogara pero si que me comentaran que era complicado facer puntos. O certo é que se foramos algo máis listos puidemos ampliar as diferenzas. Non lle encontro moita explicación ao que fixo o xogador rival, nin tampuco á nosa reacción«, salienta sobre as expulsións.
«Son momentos nos que hai que ter a cabeza fría. E non está ben que o diga eu que tamén son unha cabra tola», recoñece. O dianteiro destaca que o equipo está adestrando moi ben: «Facía anos que non tiña uns adestramentos tan divertidos e producitvos. Tense que ir notando», advirte.
O Foz ocupa a cuarta posición do subgrupo 1B da Preferente Norte composto por trece conxuntos. A unha distancia de un punto do Montañeros, o líder da categoría (aínda que a Sarriana ten 6 puntos e un partido menos). «O obxectivo temo todos claro que é a permanencia. Cando ganas así pensas un pouco máis arriba, pero non pode ser. A salvación é a meta».
Xenxo regresou ao Foz na breve tempada pasada logo de chegar ao Alfoz pouco antes de comezar a pandemia. «Funme vivir a Foz e todo. Estou namorado da xente de Foz. Tiven un rifi rafe cun adestrador pero tiña claro que ía volver. E agora polo momento non teño pensado marchar, único que me boten», comenta entre risas.