O Viveiro acada o primeiro triunfo e o Foz colócase na zona alta

A cuarta xornada na Terceira Divisón deixóunos a goleada do Viveiro en Cantarrana diante do Sofán e o triunfo pola mínima do Polvorín na Cheda co Fabril. A nota negativa foi a derrota do Racing Vilalbés diante do Barco. Na Preferente disputouse a terceira xornada e o Foz sumou a súa segunda vitoria consecutiva, desta volta no derbi provincial co Santaballés. No outro derbi da xornada Ribadeo e Lemos empataron nun encontro con seis goles. A Residencia gañou diante do Mugardos e o Escairón caeu goleado no Municipal diante do As Pontes.

O Polvorín saiu vitorioso no choque entre filiais (1-0).

O filial albivermello derrotou ao Fabril cun solitario tanto de Leandro e mantense invicto logo de dúas xornadas disputadas. Comezou mellor o conxunto deportivista sen que o seu dominio supuxera demasiado perigo para a porta defendida por Brais. O Polvorín co paso dos minutos fíxose dono do partido e antes de cumprirse a media hora de xogo logrou adiantarse cun bo remate de Leandro. Álex Ramos tamén tivo unha boa ocasión, pero Alberto respostou ben ao seu disparo.

Na segunda metade, Óscar Gilsanz deulle entrada a Mella e o Fabril foi un conxunto moi ofensivo na procura do empate. As internadas por banda de Yeremay foron as situacións máis perigosas que tivo que defender a zaga lucense e mesmo puideron ampliar diferencias os de Álex Ortiz nos últimos intres de encontro.

Goleada do Viveiro diante do Sofán para festexar o primeiro triunfo da temporada (5-2).

Festival de goles en Cantarrana. Os mariñáns voltaron á defensa de catro e algunhas veces amosaron unha febleza na zaga que a compensaron cun gran acerto goleador. O lateral zurdo Pablo Rey tivo a primeira ocasión do encontro, pero foi o Sofán que anotou primeiro por medio de Paulo, que rematou lonxe do alcance de Manu Cedrón. O Viveiro non se veu abaixo e Marino, que estreaba titularidade na súa segunda etapa coa camisola celeste, igualou o encontro. Antes do descanso chegou a remontada cun tanto de Sidibé, que tras varios rexeites superou ao gardameta do Sofán.

Ao pouco de comezar a segunda metade, Dani Becerra igualou o partido. Foi o único positivo do cadro carballés na segunda metade, na que sufriu un baixón que os de Chusky souberon aproveitar. Tichu, cun bo testarazo a pase de Pablo Rey fixo o terceiro e Sidibé, aproveitou un bo servizo de Marino para sentenciar o encontro. Tres tantos do dianteiro en catro encontros. Xa co tempo cumprido, Rolle fixo o quinto e definitvo gol.

O Racing Vilalbés non pode co líder na Madalena (1-2).

Segunda derrota consecutiva dos chairegos, primeira no seu feudo, nun encontro no que foi superior ao seu rival na maior parte do encontro. Pero o líder ocupa ese posto por algo, e a súa efectividade foi máxima na Madalena.

O Barco comezou tratando de dominar o balón, pero non sorprendeu a un Racing moi ben posicionado que era quen de roubar o balón en mediocampo, aínda que a falta de definición impediulle adiantarse no marcador. Vérez a balón parado, Javi Rey e Jose Varela tiveron varias ocasións para facer gol. Dunhas veces a falta de acerto e doutras a boa actuación de Aitor Arias impediuno. O cadro de Valdeorras chegou nunha ocasión con escaso perigo cun testarazo do monfortino Iago López e na segunda, nunha pérdida de balón, Vérez cometeu penalti e David Álvarez non errou desde os once metros.

Na segunda metade o Racing someteu ao rival en campo contrario, pero nunha pérdida de balón a calidade do canario Óscar Martín desnivelou de novo a balanza de cara ao Barco. O seu potente disparo desde longa distancia, pegado ao pao, non puido detelo Ángel Fraga. Simón Lamas moveu o banquiño e o Racing Vilalbés chegou con máis perigo á área rival. Un saque do gardameta rexéitao Otero e Pedrosa recolleu o balón e en conducción logrou picalo por enriba do gardameta. Con tempo por diante, os chairegos non foron quen de lograr a igualada, cunha boa actuación de Aitor Arias e a zaga dos de Javi Rey.

O Foz gaña no campo do Santaballés e sitúase na zona alta da clasificación (1-2).

Segundo derbi e segundo triunfo para o Foz. No campo da Liga o encontro comezou frenético. Puido adiantarse o cadro local na primeira acción do encontro, pero tivo máis acerto o conxunto mariñán. No minuto 3, Xenxo recolleu un rexeite logo dunha falta directa e batiu a Ivo. Este tanto descentrou aos chairegos, que tiveron o balón, pero a precipitación xogoulles unha mala pasada e non chegaron con claridade á área rival.

Na segunda metade o Foz non tardou en poñer terra de por medio cun bo tanto de Xenxo. Os de Juan Rodríguez non se deron por vencido e sete minutos máis tarde Álex Novás recurtou diferencias desde os once metros. O encontro entrou nunha dinámica de dominio local, pero os mariñáns defenderon o resultado con uñas e dentes.

O Ribadeo desaproveitou dous goles de vantaxe no derbi provincial ante o Lemos (3-3).

O encontro comezou de xeito inmellorable para o Ribadeo. Antes de chegar ao minuto 2, Prosi rematou de cabeza un saque desde o curruncho. O Lemos, co marcador en contra, tivo máis o balón diante dun Ribadeo que defendeuse coas liñas xuntas sen conceder apenas ocasións. Antes de cumprirse o minuto 20 chegou o segundo gol logo dun barullo na área no que Borja Castro remata anotando na súa propia portería. Castrín puido sentenciar cun man a man diante de Losada que non acerta a marcar.

Na segunda metade é superior o Lemos e non tardou en recurtar diferencias por medio de Mauro, que sería tamén o autor do segundo xusto cando o Ribadeo sufriu a expulsión de Santi por segundo cartón amarelo. Con media hora por diante, o Lemos non soubo xestionar a superioridade numérica e os de Dani Moirón foron quen de volver a poñerse por diante cun balón ao espazo que aproveitou Matelo. Pero moi preto do final, un disparo desde fóra da área de Borja Castro toca nun defensor e despista a Carrera, convertiuse no definitivo empate.

A Residencia gañou o primeiro encontro da temporada diante do Mugardos (4-1).

Moi bo encontro da Residencia ante un dos candidatos a loitar polo ascenso, nun encontro ao que chegaban os lucenses con numerosas baixas. Primeira metade con moitas alternativas, na que os visitantes comezaron mandando na Cheda, pero non tardou o conxunto local facerse co dominio do encontro. Dani Renda estrelou o balón no pao da portería de David Gómez, na que foi a oportunidade máis clara dos lucenses. Preto da media hora de xogo Borja rematou un córner botado por Rois e fixo o primeiro para a Resi. Antes do intermedio chegou o empate cun tanto de Álex López nun desaxuste defensivo.

Na segunda metade os de Dani Galán foron superiores ao Mugardos, malia que os goles tardaron en chegar. De feito, os visitantes tiveron unha boa ocasión para adiantarse, pero Sanmi estivo providencial no un contra un. A falta de doce para o final, Lucas culminou unha boa xogada colectivo cun testarazo pegado ao pao. Co marcador a favor a Residencia defendeu sen maior problema o resultado e xa co tempo cumprido Veloso sentenciou aproveitando un balón ao espazo. Aínda houbo tempo para o cuarto, obra do xuvenil Jorge a pase de Lucas.

Non tivo opción o Escairón diante dun As Pontes moi superior (0-5).

Os do Saviñao non foron quen de competir diante dun rival cun equipo diseñado para pelexar polo ascenso a Terceira. Os de Rafa Casanova dominaron o encontro desde o comezo ata o final e incluso puideron levar unha renda máis ampla. Malia todo ao descanso chegouse co único tanto de Yáñez e Moha e Pandiani tiveron dúas ocasións para o conxunto local.

Na segunda metade chegou a chuvia de goles por parte do cadro visitante. Dani Bellas, Berto en dúas ocasións e o focense Aitor Moreda foron os seus autores.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 416

Deja un comentario