Foto de portada: Carlos Castro
A terceira xornada da Terceira Galega deixou dez goles marcados polos equipos lucenses. Mágoa que un dos partidos foi un derbi. O Polvorín tivo o día ante o Viveiro na súa estrea ligueira. Aínda que Xaime non faltou á cita co seu golazo de falta directa. Goles con acento lucense tamén no Vilalbés. Dobrete de Cuadrado e cadanseu tanto de Pedrosa, Gegunde e Make. No tocante aos #LucensesNaTerceiraGalega, tivemos un reencontro especial nesta xornada.
Cando Vilalba foi de play off:

Dous dos protagonistas do #VilalbaÉDePlayOff enfrontáronse este domingo na Grela. Realmente foron tres, pero dous da provincia. Ademais son dous xogadores lucenses importantes para os seus equipos. Nestas tres primeiras xornadas, xogaron todos os partidos completos. Xusto como un dos referentes da defensa do Silva. Iso si, acompañado polo seu compañeiro de zaga tamén naquela magnífica temporada na Terra Chá, Antonio López. E Villares como capitán e guía no mediocentro do Fabril. Aínda que o cadro preparado por Valerón non tivo o día na Grela. Adiantáronse no marcador, pero o Silva non sucumbiu. Empatou o partido e impediulle aos branquiazuis desenvolver o seu xogo.


O partido con máis lucenses:
O derbi entre o Polvorín e o Viveiro foi evidentemente o encontro con máis protagonismo lucense da xornada. Aínda que no cadro local escasean os xogadores da provincia. No Lugo B participaron no tempo de xogo cinco futbolistas da provincia, mentres que no Viveiro fixérono catorce. No derbi interprovincial da Madalena entre o Vilalbés e o As Pontes participaron doce lucenses no cadro local.

Triunfadores e derrotados:
Ross foi o único dos xogadores lucenses da xornada que xogou titular e gañou o seu partido. Ademais fíxoo ante un dos seus ex equipos. O Arousa derrotou pola mínima ao Ourense CF na Lomba. O cadro de Vilagarcía colócase no tren de cabeza a un punto do líder (Arenteiro).
Tamén venceu o Somozas de Aldán Naval que é o novo líder do Grupo A. Derrotou por 2-1 ante o Fisterra de Ramón que xogou todo o encontro baixo paus. Pola súa banda, Aldán segue sumando minutos en 3ª. Entrou nos últimos instantes cando o marcador xa era o que foi definitivo.

No outro partido con representación lucense no Grupo A o Bergantiños venceu ao Arzúa no Viso (1-2). Sen Iago López na convocatoria por molestias físicas. O central monfortino levaba dúas titularidades consecutivas. Pola súa banda, Pedro Delgado e Alex Vazquez si que foron titulares no Arzúa. O chantadino foi trocado no minuto 54 por Marcos García. Ademais Brais Prieto estivo presente na convocatoria pero volveu quedar sen xogar. O técnico Javi Rey fixo catro dos cinco trocos posibles.
Duelo de dous lugueses en Santa Mariña:
Nun dos encontros clave do Grupo B, o Choco e o Arenteiro empataron a cero goles. Con protagonismo lucense en cadanseu equipo aínda que non coincidiron sobre o terreo de xogo. Alberto Suárez foi titular no conxunto de Redondela. No minuto 72 de encontro foi substituído por Caloi. En cambio, Víctor Eimil entrou no tramo final coa camisola do Arenteiro. Entrou no canto de Rubén Arce e volveu participar co seu equipo logo de non ter minutos na anterior xornada.
O silbato:

Dous tríos arbitrais lucenses representaron a provincia polos campos de Galicia. Na Porta Santa os encargados de impartir xustiza foron David Pereira Ferreiro, Adrián López Bermúez e Álvaro Valín González. O encontro entre o Paiosaco e o Estudiantil Vista Alegre rematou en empate (1-1). No Carballo de Atios arbitou Jorge Méndez López asistido nas bandas por Alberto Blanco Méndez e Jesús Adán Gallego. O Atios venceu 1-0 o Ribadumia. O cadro local conseguiu o segundo triunfo da temporada ante un equipo en forma.