As circunstancias anómalas do Mundial do Fútbol 2022 fixeron coincidir a final entre Arxentina a Francia con partidos da última xornada do ano na Segunda Rexional. Desta volta, os destacados deberían aqueles afeccionados que a pesar do que lles ofrecía o bar ou o sofá, optaron por ir aos campos da provincia animar aos seus.
No medio dunha final seguida por millóns de persoas, o Muimenta asaltaba a Lomba e impedíalle ao Meira rematar o ano invicto no grupo. Namentras, na zona sur segue a clasificación igualada e pode que as forzas tamén se igualen. O Paradela incorpora a Iago Fernández procedente da Sarriana de Preferente.
Coñecemos o máis destacado da man de #ONoso11AChaira.
Na zona norte, o Meira sufriu a primeira derrota da temporada. Trece partidos durou a serie de encontros sen perder este curso dos pupilos preparados por Labrada. Aínda así, son xa campións de inverno. A falta dunha xornada para rematar a primeira volta, ten catro puntos de marxe con respecto ao Folgueiro (2º).
Foi o Muimenta quen venceu ao líder. O cadro celeste realizou un gran esforzo nun partido moi desputado. O vento e o estado do campo condicionaron o partido da Lomba. Ao descanso non houbo goles.
No inicio do segundo tempo, Jairo Gegunde marcou nun tiro dende fóra da área. O propio Jairo foi un dos grandes destacados do encontro facendo tamén un gran traballo defensivo. Os locais tiveron opcións de empate, pero non marcaron gol por terceira vez na campaña.
Na segunda praza segue o Folgueiro que perdeu a oportunidade de recurtarlle máis puntos ao líder. Empatou a tres goles ante un Cabreiros que foi a máis nesta recta final de ano.
Os visitantes dominaron gran parte do partido, pero o Cabreiros aproveitou moi ben os erros do seu rival. Novo dobrete de Cazás, que segue nun gran momento de forma. Nos visitantes, salientou o primeiro gol de Erni coa súa nova camisola. Anotou o gol definitivo que supoñía o empate final.
A tres puntos do segundo clasificado, ponse o Cospeito (empatado con 26 puntos co Muimenta). O cadro vermello foi superior ao Xermade na Fonte. Puxéronse rápido por diante e foron quen de controlar o encontro.
Fran Lage protagonizou unha gran xogada individual no segundo gol. Arrincou dende campo propio e marcou cun disparo dende fóra da área.
Na zona de privilexio mantense o Iberia a pesar de empatar na súa visita ao Castro B. O cadro de San Miguel de Reinante marchou ao descanso gañando pola mínima.
No segundo tempo, o filial vermello foi quen de empatar nunha gran xogada coral rematada por Borja. Foi un partido marcado pola xuventude porque no Iberia tamén debutou o xuvenil Adrián Gallego. Rendiu a bo nivel dende a posición de extremo esquerdo.
Esta semana o CD Castro destituíu a Isaac Rouco como adestrador do filial. O preparador vilalbés fíxose cargo do equipo no verán de 2021 e subiu ao equipo á Segunda na pasada primavera. Déixao na 12ª con 16 puntos e catro equipos por baixo na clasificación.
Na sexta posición, pero xa empatado coa fase de ascenso sitúase o Guitiriz. O cadro preparado por Marcos Pereiro venceu pola mínima á Comercial nun gran partido de Antón.
Os goles non chegaron ata o segundo tempo. Un centro lateral de Novo rematouno Antón de volea no segundo pau. Ao contragolpe Antón marcou o segundo. A Comercial xerou máis perigo no último tramo de partido. O balón parado foi unha das súas armas e por aí veu o gol co que recurtaron distancias.
A desesperación do encontro foi para Andrés Rodríguez. Ante a falta de delegado neste partido para a Comercial, el tivo que asumir esas funcións e non puido facer as súas plenas de adestrador. Non lle permitiron dar indicacións no campo aos seus.
Logo dunha mala xeira, o Roupar queda a tres puntos do play off na sétima posición. Emerxe na oitava, o Fonsagrada. O equipo dun dos concellos que máis felices remata o ano pola caída do Gordo, tamén rematou feliz polo seu club de fútbol.
O Fonsagrada impúxose pola mínima á Candelaria na súa visita á Granda. O gol de Maci resultou decisivo para poder levar os tres puntos.
Precisamente, o Fonsagrada e a Candelaria están empatados a 19 puntos nun cuarteto de equipos. No medio deles, está o Xermade e o Alfoz. Terceira vitoria nos últimos catro encontros do Alfoz.
O conxunto alfocense derrotou ao Celta Barreiros. Comezaron mellor os do Cascabeiro, pero os goles chegaron no segundo tempo. E aí o Alfoz xa levaba máis o control do partido. Adrián Juiz e, o ex futbolista do Celta B, Dani Chin marcaron os goles.
Por último, na zona baixa salienta por riba de todo a primeira vitoria da temporada do Goiriz. O equipo de Cora logrou os primeiros tres puntos da campaña ante o Roupar. O único gol de Fidel chegou para que o cadro vilalbés remate o ano cunha alegría.
Na zona sur, o Friol mantense no máis en solitario ao sumar o décimo triunfo da temporada ante o Chantada B. Ten dous puntos de marxe sobre o Guntín, a unha xornada para que remate a primeira volta.
O Friol adiantouse rápido no Sangoñedo. E no segundo tempo sentenciou ao volver dos vestiarios para non darlle practiciamente opción ao filial local.
Na segunda posición chega aos trinta puntos o Guntín. En canto os do Ladairo marcaron o primeiro gol os visitantes viñéronse abaixo. Estiveron mellor no segundo tempo, pero xa era moi tarde ante a engrasada maquinaria laranxa.
Dous equipos están igualados a 29 puntos: o Ferreira e o Oural. O conxunto de Pantón remata o ano como o equipo máis en forma do grupo a nivel de resultados. Cinco triunfos seguidos. O último ante o Lemos B.
No primeiro tempo non houbo goles. No segundo acto, o Ferreira adiantouse pero o filial lemista conseguiu empatar de penalti.
Non obstante, os locais non lle perderon a cara o partido e terminaron gañando. Aproveitaron o bo estado de forma de Julio, que volveu marcar outros dous bos goles.
O Oural rematou o ano gañando ante o San Roque. Púxose por diante con claridade no marcador (3-0). Non obstante, os visitantes metéronse no partido con dous goles. E todo isto antes do descanso.
Nos seguintes corenta e cinco minutos o Oural termou do resultado e marcou un gol máis para mantela vitoria. O San Roque queda con vinte minutos na novena praza da clasificación.
Na fase de ascenso está a SD Becerreá que derrotou no Catro Ventos ao Carballedo. O partido estivo moi competido e non se decidiu ata os últimos intres pormedio dun penalti.
Os visitantes adiantáronse antes do tempo de lecer. Ao inicio do segundo tempo marcarían o segundo. Aínda así, os pupilos preparados por Rodrigo Amarante foron quen de empatar.
Un gran gol de falta de David deulle ás aos seus que igualaron cun tanto de Monchito. O penalti final faría que os puntos voasen do Catro Ventos.
Na sexta posición, pero cos mesmos puntos ca o quinto, está a Mila. Superou no derbi capitalino ao Sporting Lucense (a distancia entre ambos equipos é agora de dez puntos).
A Milagrosa chegou a ir gañando con comodidade 0-3 no marcador. Pero estivo a piques de perder o que xa tiña gañado. Os futbolistas adestrados por Lolo lograron marcar dous goles en accións a balón parado.
Os de Frigsa sufriron no tramo final ademais de estar cun menos pola expulsión de Pipo. Máis con todo sacaron os tres puntos.
A un punto do play off queda o Paradela. Igualou a dous goles co San Lázaro. O encontro estivo equilibrado. Rubén Bergantiños só tivo trece xogadores na convocatoria. Alejo fixo os dous goles dos seus.
O Paradela tamén é protagonista porque contará en 2023 co ourensán Iago Fernández no seu cadro de futbolistas. O defensa chega procedente da Sarriana, onde non estaba contando con moitos minutos, a diferenza de cursos anteriores.
Iago baixa dúas categorías para xogar no Paradela despois de contar con ampla experiencia entre Terceira e Preferente. Pasou por equipos como o Arenteiro, o Barbadás ou o Verín.
Na décima praza, tamén se reencontrou co triunfo o Brollón. Acumula 18 puntos logo de superar ao Corgo noutro encontro que se xogou en horario final do Mundial.
Non houbo goles na primeira metade. No segundo acto, Casanova non fallou dende os once metros para adiantar aos seus. Nada máis recibir o gol, o Corgo foi quen de empatar. Os visitantes marcarían o segundo nunha xogada con pouca fortuna para os locais.