Un líder invicto e outro que se distancia no remate do 2019

A falta de dúas xornadas para que acabe a primeira volta, remata a competición ligueira neste 2019 na Segunda Rexional. O San Ciprián faino como líder e imbatido nesta tempada no grupo norte. O San Lázaro marca as diferenzas no sur. A continuación os detalles nos onces da 13ª xornada.

Non conseguiu o décimo triunfo, pero o Sanci sacou un punto do Ventiño que o mantén no máis alto. Foi a primeira vez na tempada que o cadro de Lieiro non completou a lista de convocados. Quince foron os xogadores dispoñibles. O Goiriz sacou un punto importante para aumentar a catro a súa diferenza cos postos de descenso. O Alfoz continúa consolidando a súa segunda posición. Venceu pola mínima á Candelaria. Foi un partido de despedida. O porteiro Roberto “Gato” deixa o conxunto alfocense por motivos laborais. O gardamallas despídese nun gran momento de forma.

A catro puntos do ascenso queda o Xermade. O conxunto preparado por Rebolo tivo que remontar na súa casa ante o Abadín. Chungui e Nahum marcaron os goles da vitoria. No conxunto visitante repetiu baixo paus Jony. Porteiro improvisado dende o día da Copa na que foi un dos protagonistas parando dous penaltis. O cancerbeiro titular Cristian está lesionado. Non quere perdelo ritmo o Meira. Volveu gañar despois de dúas xornadas sen facelo. Pola mínima ante un Iberia no que a Balbón só lle faltou o gol. A diana foi para o outro lado baixo a autoría de Iago Dorado. O Guitiriz non acaba de engancharse ao tren de cabeza. Na última xornada igualou a un gol ante o Muimenta. O cadro celeste queda tamén con catro puntos de marxe sobre o descenso. Na zona media tamén se atopa o Cospeito. O gol de Xoán foi unha das chaves para superar ao Sporting Pontenova. O Celta Barreiros privoulle ao Cabreiros de continuar na terceira posición. O equipo de Barreiros mellorou a súa actitude con respecto ao anterior encontro. Iso que se presentou con 12 xogadores. O descenso continúa ocupado polo Iberia e o Abadín. Están a catro puntos da salvación. O máis beneficiado da zona baixa foi o Roupar. Venceu con claridade a un Mondoñedo que levaba tres vitorias seguidas na liga. Esteban “Sebas” marcou un dobrete.

No grupo sur continúa a xeira inalterada do San Lázaro. Seis vitorias seguidas. A última nos Chacotes ante o Palas. Cun gran Borja “Pipita” baixo paus que sacou algunha man salvadora na semana do seu Palabra De. Na segunda posición mantense o Ferreira. A pesar de levar dúas derrotas seguidas. Perdeu no Baliño no duelo directo ante o Portomarín. Os pupilos adestrados por Fernandito quedan terceiros. A catro puntos da zona de ascenso e a dez do líder. Cos mesmos puntos ca o Portomarín están os seus veciños do Paradela. O conxunto adestrado por Rubén Bergantiños impúxose ao Oural.

A ese tren de cabeza achégase o Río Sil. O equipo soberino derrotou ao Incio nun duelo directo. Sorprendeu ca súa saída no Carboeiro e comezou mandando 0-5 no marcador. O porteiro Dani parou un penalti e a posterior opción que os locais tiveron no rexeite. Na segunda metade o Incio reactivouse e conseguiu marcar tres goles. Aínda que non foron suficientes para evitar a derrota. Tamén se engancha á parte alta o Becerreá. Segundo triunfo consecutivo. Venceu a un Chantada B que caeu en postos de descenso. O filial chantadino adiantouse no partido cun bo gol de Peón. Os locais empataron antes do descanso. Na segunda metade José Antonio marcou o gol que significou a vitoria despois dunha boa xogada de Xairo. Despois de sete xornadas, o Páramo reencontrouse coa vitoria. Superou pola mínima ao Santa Comba. Na zona baixa espabilan o Brollón e o Corgo. O cadro dos Medos suma tres triunfos seguidos. O último chegou ante un rival directo como é o Quiroga. Un encontro de puro ‘Fútbol na lama’ como se pode ver nas imaxes de Mariluz Fagín. O Corgo conseguiu saír dos postos de descenso. Non obstante a súa vitoria ante o Bóveda non foi doada. Finalmente venceu pola mínima.

Imagen por defecto
Redacción Futbolinlugo
Artículos: 273

Deja un comentario