Un ascenso que non estaba nin nos mellores soños

Proxecto con futuro é o que rexurdiu hai case un ano nun equipo histórico da capital lucense, a SG Comercial. No plan de medrar estaba o de formar un equipo sénior que lle dera saída a canteira que queren volver a ter. Quizais, nin nas máximas expectativas estaba a de ascender á Segunda Rexional cando no mes de xullo non tiñan nin adestrador nin xogadores. Entraron na fase de ascenso como un dos mellores terceiros e finalizaron cuartos nesa fase, despois de ser máis fortes ca os seus rivais nos partidos decisivos.

Lolo é un dos responsables da directiva da Comercial quen recoñece que o ascenso “para nada era un obxectivo, nin se planteaba, xa que a día un de xullo non ía haber equipo”. Semanas despois apareceu a posibilidade de saír na Terceira Rexional. “Xurdiu o tema de que os adestradores quedaban libres. E tiramos para diante, aínda que non había nin a máis mínima intención de subir de categoría. Nin nos mellores soños. Planteábase montar un  equipo sénior, xa que estamos pelexando a tope por facer a base. Máis que nada era pensando que se para o ano temos xuvenís, poder darlle unha saída a ese xogadores”. A base é un dos principais retos do club que, de feito, nestes momentos está volcado coas xornadas de portas abertas, mantendo aínda en segredo a planificación do vindeiro curso na Segunda Rexional.

Non obstante, segundo foron pasando os partidos as posibilidades de loitar polo salto de división foron indo a máis. “Os adestradores foron capaces de conformar un equipo e vimos mimbres. Tiña claro que podía pasar, aínda que a maioría dos rapaces eran sénior de primeiro ano e viñan dunha liga local que non é tan competitiva como era hai anos”, apunta Lolo. Os xogadores foron quen de formar un grupo unido que permitiu lograr o éxito final, ademais da calidade técnica: “son un grupo moi cohesionado, teñen moi boa relación entre eles e a nivel técnico quizais sexan superiores a media do que é a categoría. Ao pouco que eles se convencerán viase que era posible, pero en ningún momento ninguén os presionou”.

A maiores do bo ambiente, outra das chaves puido ser a de non ter o ascenso como obriga tal e como apunta Lolo: “Eramos unha directiva nova no club, pero vimos do fútbol. Non queríamos presionar ao equipo. Queremos que seña un grupo representativo, con valores e quedando ben en todos os campos. A tres xornadas estaban fóra, había rapaces preocupados e nós diciamos que non era necesario”.

Este curso tamén se iniciou cun convenio entre o Sporting Lucense, do que Lolo é adestrador, e a Comercial. A vindeira temporada os dous equipos coincidirán na Segunda: “É un pacto entre cabalerios. Os dous equipos van seguir. O que se busca que é un dos dous estea en Primeira en tres ou catro anos. Aínda así somos equipos con traxectorias diferentes. Compartes campo de adestramento, xogas un amigable,…pero desde outro punto de vista son sociedades distintas. Foi un acordo que axudou e que se espera que continúe”, relata Lolo.

De cara a vindeira temporada, aínda sen grandes avances a idea é “reforzar o grupo pero sempre pensando na súa continuidade.  Reforzalo en función das carencias que poida ter. O mellor  deste ano foi ascender de categoría, pero sabemos que isto mañá pode dar unha volta e pode cambiar”, conclúe Lolo.

O equipo da capital lucense conseguiu o ascenso de categoría na última xornada, despois de vencer con claridade no campo da Canteira en Román ante o Catro Roldas

 

Javi Saavedra: “Non estiven en ningún vestiario no que houbera tan bo ambiente”

Un dos xogadores máis destacados na Comercial ao longo da temporada foi Javi Saavedra, quen despois de dez anos na canteira do CD Lugo, afrontou a súa primeira experiencia nun equipo sénior. Logo duns anos sen xogar, ascende coa Comercial con 22.

FUTBOLINLUGO: Que sensacións deixou o ascenso nos xogadores?

Javi Saavedra: Nun principio si que nos marcamos ese obxectivo como posible. Foinos indo ben, clasificámonos para a fase de ascenso e, aínda que se nos complicou ao final porque non dependíamos de nós, gañamos e os rtivais perderon. Moi contentos todos.

FIL: Había presión por ascender?

JS: Ningunha, o obxectivo marcámolo os xogadores. A finais de xullo non tiñamos nin adestrador e case nin futbolistas.

FIL:  Cales cres que puideron ser as chaves do éxito?

JS: Creo que non estiven en ningún vesitario no que houbera tan bo ambiente entre todos. Se hai un enfado e do mister con nós, entre nós sempre estamos de risas.

FIL: Tamén destacan dende o club a asistencia aos adestramentos…

JS: Para a categoría na que estamos, polo xeral, sempre había máis de doce ou trece persoas. Os adestramentos eran relaxados, máis caña se viñamos de perder algún partido, pero levábanse ben.

FIL: Coincidiras anterioremente con algúns dos teus compañeiros de vestiario?

JS: Eu xogara só cun compañeiro, pero ao resto coñecíaos de vista, nunca de xogar ao fútbol con eles.

FIL: E continuaredes na vindeira campaña en Segunda?

JS: O obxectivo do club é manter o bloque e nun par de anos ou tres poder estar en Primeira Rexional ou loitando por estar.

FIL: Na Segunda tamén está o Sporting Lucense co que o club ten unha estreita relación. Houbo algún intercambio de xogadores ou trátase doutro tipo de acordo?

JS: Eu cheguei en outubro, e dende que cheguei non houbo ningún intercambio de xogadores. Adestrabamos xuntos, de vez en cando algún amigable, pero nada máis.

FIL: A temporada foi tamén particular na categoría pola estrea do novo formato do ascenso, a pesar de conseguilo que opinión tes ao respecto?

JS: A experiencia non foi moi agradables pola duración das viaxes e o mal estado dalgúns dos campos aos que iamos xogar. A nós non nos beneficiaba en nada porque non somos un equipo físico e no resto de conxuntos había xente moito máis forte ca nós.

Imagen por defecto
Iván Calaza
Criado no paraíso da Terra Chá. Fútbol, entre outras moitas cousas. Hai unha vida máis barata, pero iso non é vida nin é nada.
Artículos: 467

Deja un comentario