Un ascenso ‘made in A Cheda’. O inesperado éxito do traballo diario

A capital volve ter equipo na Preferente

“Fixemos unha temporada impresionante, cun equipo xoven con moitas baixas con respecto ao ano anterior. A media de idade dos xogadores era duns 21 anos e costou collerlle a madurez á categoría. Pero fixemos unha segunda volta impecable. O traballo diario deunos o ascenso”. Estas son as verbas dun presidente orgulloso, dun clásico do noso fútbol como Julio Pacios.

A súa Residencia vén de conquerir un novo ascenso á Preferente Norte. Quizais o ano que menos o agardaban. Cun cadro de xogadores cheo de caras novas, sen campo ata ben entrada a competición e cuns rivais históricos e moi reforzados. Como di Esteban, un dos líderes da defensa branquiazul: “nos primeiros partidos vímonos mal”. “Non creíamos nisto para nada en decembro. Melloramos moito, sobre todo en tema de actitude, e ao final conseguímolo. A clave estivo nos adestramentos e no bo grupo que temos”.

Unha idea que mantén un dos grandes artífices deste “éxito deportivo”, como califica esta fazaña o propio adestrador Álvaro Meilán. A primeira volta foi difícil, cun cambio importante de xogadores e sen campo. Tratamos de darlle continuidade ás ideas de antes. Na segunda volta reforzámonos con lesionados que se incorporaron á dinámica. Tiñámolo difícil e chegamos coas opcións intactas, reais, ás dúas últimas xornadas. É un mérito do grupo, de Héctor e de Antonio Gómez. Curramos moito”.

Como ben sinala o preparador lucense, a segunda volta é digna de eloxio (só tres derrotas e nove vitorias nos dez últimos partidos). Con fichaxes dende dentro do vestiario, coma Javi Raposo ou Rober. Que asinaron un rendemento espectacular. Mención especial para o primeiro, despois de ano e medio de recuperación dunha lesión do maldito ligamento cruzado anterior.

Esteban describe nunha frase como era esa sensación de confianza nos últimos dous meses. A dun foguete lanzado a un obxectivo que semellaba unha quimera. “Víamonos ben. Xogabamos os primeiros minutos e víamonos enchufados, e aí xa sabíamos que tiñamos moitas opcións de superar ao rival”. Ademais engade un dos secretos da fórmula deste grupo gañador. “A mistura entre xóvenes e ‘veteráns’ foi moi boa. Os Dani, Raposo, Txiki e Rober tiraban do resto. Esixían pero axudaban. E o desexo do que falabamos en Reis cumpriuse”.

O importante é que na Cheda a folla de ruta non varía. O ascenso é un agasallo que hai que disfrutar pero as ideas permanecen claras. E o proxecto sostense nunhas bases sólidas. Falando de bases, o primeiro que ambas partes queren, directiva e corpo técnico, é asinar a súa continuidade.

Julio Pacios: “A idea é manter ao corpo técnico. Son xente da casa e trasladaremos a noticia á prensa nos próximos días”.

Álvaro Meilán: “Hai predisposición para continuar e non deixalo aí. Non é oficial aínda. Hai cousas que queremos mellorar e cambiar. Dar ese paso. Confío en chegar a ese acordo”.

O seguinte paso é seguir cos mimbres que levaron á Residencia á Preferente a este ano. Julio Pacios desexa manter “o groso do equipo deste ano”. Un núcleo que segundo Álvaro Meilán “quere continuar prácticamente o 100×100”. “Hai un gran número de xogadores renovado pero non quero dar nomes. Quero falar primeiro con todos os integrantes do equipo”, indicou o técnico lugués.

Iso sí, as fichaxes son necesarias para unha categoría tan esixente coma a Preferente. “Reforzarémonos, non só chega con iso”. Así de claro o explica que Meilán. E engade: “a mentalidade é traballar con xente xoven que sexa capaz de apretar. De ensinarlle aos chavales e ser un exemplo para todos”.

Non pide pouco Álvaro. E por pedir que non quede. Nós dende Futbolinlugo, desexamos que o cadro capitalino se manteña e logre estabilizarse nunha categoría na que nunca terminou de asentarse. Que deixe de ser equipo ascensor. De subir e baixar. E como indica Álvaro Meilán. “Manternos este ano daríanos moitas opcións de asentarnos”. Que así sexa. Preferente, Welcome to ‘O fortín da Cheda’.

Imagen por defecto
Diego Díaz Martínez
Polivalente hiperactivo. Enfermo do "balompié". Só estás a un mal día de ser coma min.
Artículos: 754

Deja un comentario