Trío de Ases Terceira (Xornada 25) e Preferente (Xornada 27)

Segunda xornada consecutiva con doble triunfo lucense na Terceira. Polvorín e Racing Vilalbés, os dous como locais, acadaron dúas importantes vitorias ante Barco e Laracha respectivamente. Na Preferente, triunfo pola mínima do Viveiro que amplía diferencias cos seus perseguidores, e do Ribadeo, que gañou no campo do Noia, terceiro clasificado. A Sarriana cedeu un empate na Ribela, mentras que o Foz saiu goleado do campo do San Tirso e o Castro perdeu ante o Puebla nun bo encontro.

O Polvorín deu un paso de xigante cara a permanencia. O filial albivermello venceu na Cheda ao Barco (2-1), conxunto que aspira a entrar na fase de ascenso. O equipo adestrado por José Durán foi xusto vencedor, nun encontro no que contou con máis e mellores ocasións para marcar. Malia todo, foron os de Valdeorras os que se adiantaron no marcador por medio de Ivi Vales, logo dunha gran xogada combinativa. O Polvorín, que xa gozara de opcións de gol por medio de Matías, seguiu tentándoo, e Antón Escobar a piques estivo de logralo. Xa na segunda metade, Cuadrado acadou o empate nunha boa xogada individual, e a falta dun cuarto de hora para o final, Juan Brunet culminou a remontada.

Quinta xornada sen perder e segundo triunfo consecutivo dun Racing Vilalbés que sae de descenso. Desta volta, derrotou na Madalena ao Laracha (2-1). Xornada de reecontros, Óscar Gilsanz voltou ao feudo racinguista, desta volta no banco rival e o central Antonio, baluarte na pasada temporada foi titular ante o seu ex equipo. Foi un encontro equilibrado e sen moitas ocasións. Jose Varela protagonizou a xogada do partido na primeira metade, pero o seu disparo foi desviado a córner polo gardameta rival. No saque de curruncho, o colexiado sinalou penalti sobre Make, e Álex Pérez non errou. O coruñés leva sete tantos nesta campaña. O Laracha conseguiu empatar nun córner que Adri Castro cabeceou a gol. Xa na segunda metade, Santi Taboada, desde dentro da área conectou un potente disparo que se colou na meta visitante. O vilalbés Víctor Eimil no lateral dereito e o sarriao Iago Castro no centro da defensa xogaron os noventa minutos no cadro da Laracha.

O Viveiro acadou o seu sexto triunfo consecutivo. Foi en Cantarrana ante o Atlético Coruña Montañeros (1-0). Os mariñáns comezaron enchufados e Álex Meitín xa puido facelo primeiro aos dez minutos, pero pouco despois, nun lanzamento de córner, Roi cabecea marcando o único tanto do encontro. Ámbolos conxuntos gozaron de ocasións para marcar na primeira metade pero non estiveron acertados. Na reanudación Marino puido sentenciar pero non estivo acertado e o Montañeros apretou estando a pique de acadalo empate. Kiko e Roi salvaron aos seus nos derradeiros minutos.

A Sarriana non pasou do empate na Ribela ante un correoso Boimorto (2-2). Na primeira metade viuse superado polo seu rival e practicamente non contou con ocasións para facer gol. Os visitantes adiantáronse cun golazo de Óscar e puideron incrementala diferencia pero Javi López evitouno cunha boa parada. Nada máis comezala segunda metade, o Boimorto fai o segundo nunha xogada con varios rebotes. A Sarriana nos segundos corenta e cinco minutos foi superior ao rival e chegou con perigo á porta dos coruñeses. Marzán recurtou diferencias de penalti e Quiroga igualou a contenda tras superar no un contra un ao gardameta. Nos últimos compases, Diego Núñez tivo nas súas botas a remontada.

O Ribadeo prolonga a súa racha, e foi quen de vencer no campo do Noia, terceiro clasificado (2-3). Partido moi serio dos de Rafa Casanova, que cederon o balón ao rival, pero que tiveron o encontro controlado e apenas sufriron ocasións claras de gol. Luki, nunha contra, adiantou aos mariñáns na primeira metade e Poratti ampliou diferencias na segunda, logo de que o seu disparo batese nun defensa e despistase a Pajarillo. Fernando evitou o gol local tras unha mala saída de Hugo, e Aitor en dúas contras claras puido sentenciar, pero non tomou a mellor decisión. No único erro defensivo ribadense, Nando aproveitou un bo centro de Hugo para recurtar diferencias. Cos de Pose volcados a polo empate, o recén incorporado Vizoso fixo o gol da sentencia xa no minuto noventa. A piques de escoitalo silbido final, Dani Conde puxo o definitivo 2-3.

Mal encontro e peor resultado do Foz na súa visita ao campo do San Tirso, onde caeu derrotado por catro goles a un. O cadro local supera aos de Gayol na clasificación. Os focenses non estiveron no partido en ningún momento e xogaron toda a segunda metade cun home menos, logo de ver Asier o cartón vermello directo. Un gol en propia porta de Javi Chinchón antes do primeiro cuarto de hora e outro de Fran González deixaron o encontro encarrilado para o San Tirso na primeira metade. Na reanudación, xa cun home menos, os de Gayol, que tamén rematou expulsado, apenas tiveron opcións de meterse no partido. Xián fixo o terceiro e pouco despois, un defensa do San Tirso anotou na súa portería dando un fío de esperanza aos mariñáns. Sen embargo, non existiu a posibilidade de inquedala meta local, chegando o cuarto e definitivo poucos minutos despois.

Derrota do Castro no campo da Alta ante o Puebla (1-0). Outro encontro esperanzador dos de Brais Prados, que só encaixaron de penalti, a falta de dous minutos para o final. Os chairegos aguantaron as embestidas dos do Barbanza sen demasiados apuros, pero no último tramo de partido, o colexiado sinalou penalti sobre Espi, que Viturro transformou, esfumando as opcións de puntuar do Castro.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 409

Deja un comentario