Trío de Ases Terceira (Xornada 23) e Preferente (Xornada 25)

Esta xornada déixanos un triunfo vital na Terceira, o do Polvorín, que venceu na Cheda ao Ourense e sírvelle para deixalo descenso a dous puntos. O Racing Vilalbés non pasou do empate na casa ante o Choco. Na Preferente, o derbi provincial entre o Ribadeo e o Castro quedou na Mariña, mentras que Viveiro e Sarriana sacaron adiante os seus encontros como locais. Importantísimo punto do Foz nun campo moi complicado como é o do Arzúa.

O Polvorín acadou un triunfo de moito mérito por tres goles a un ante a U.D. Ourense, conxunto situado en postos de promoción de ascenso, e que chegaba a esta xornada con tan só unha derrota no seu casilleiro no que vai de liga. Os lucenses puideron adicarlle o triunfo ao seu adestrador José Durán, quen perdeu ao seu pai o pasado venres. Encontro moi competido, trabado, con moitas disputas, non moi vistoso para o espectador, pero que se decantou para o filial lucense, que foi superior no cómputo dos noventa minutos. Marcos adiantou ao Polvorín mediada a primeira metade, pero Rubén Arce acadou o empate antes do intermedio e Fondevila perdonou o que sería o tanto da remontada antes do intermedio. Na segunda metade, o cadro lucense gozou de ocasións pero os goles non chegaron ata o último cuarto de hora por medio de Asier e Álex Rey.

Non puido o Racing Vilalbés acadala segunda vitoria consecutiva e empatou na Madalena ante o Choco (1-1). Os chairegos seguen en postos de descenso a punto da salvación. Encontro con pouco fútbol o disputado no feudo racinguista. Os de Simón Lamas non foron quen de atopalo camiño durante boa parte do partido. Na primeira metade tan só Juan de Dora estivo preto do gol, pero entre Cortegoso e o pao evitaron o tanto. O atancante de Muros tivo que retirarse lesionado. Na reanudación o Choco adiantouse aos dez minutos cun gol de Félix desde a frontal. O Racing xerou algunha ocasión de perigo e o empate chegou a balón parado. Edrosa sacou desde o recanto, Vérez rematou en primeira instancia e o rexeite enviouno a gol Xusto. Os redondeláns reclamaron que o balón non entrara por completo.

Novo triunfo do Viveiro en Cantarrana, desta vez ante o Negreira (3-1), que mantén aos mariñáns no segundo posto. O cadro dirixido por Chusky deixou o choque prácticamente sentenciado na primeira metade. Álex Meitín fixo o primeiro aos vinte minutos de xogo logo dun bo regate e poucos minutos despois asistiu a Arturo para facelo segundo. Os de Juan Cabrejo recurtaron distancias por medio de Richi, pero os viveirenses antes do descanso voltaron poñer terra de por medio logo dunha gran xogada de Iván que o canteirán Rolle resolveu cunha vaselina. Na segunda metade o Viveiro baixou unha velocidade, pero o marcador non correu perigo. Tivo os seus primeiros minutos coa camiseta celeste o extremo Nathan, nova fichaxe procedente do Céltiga.

A Sarriana gañou na Ribela por dous tantos a cero ao Atlético Coruña Montañeros e segue cuarta, con tres puntos de ventaxa sobre o Arzúa e a tan só dous do Viveiro. Non foi un encontro sinxelo para os de Alberto López, que na primeira metade se viron superados nos primeiros corenta e cinco minutos polo rival, pero sen xerar demasiadas situacións de perigo. De tódolos xeitos, os sarriaos adiantáronse no marcador gracias a un tanto de Rubén Díaz, que aproveitou un rexeite do gardameta. Na segunda metade mellorou o conxunto local, facéndose co dominio do partido. A sentencia non chegou ata o minuto final cando Héctor conseguiu conectar con Álvaro que definiu á perfección. Joao e Diego Núñez tiveron ocasións previamente para matalo partido.

O Ribadeo fíxose cos tres puntos no derbi provincial ante o Castro (2-0). Os mariñáns non fixeron o seu mellor partido pero resultoulles suficiente ante un conxunto chairego que apenas inquedou a meta defendida por Hugo. Os de Rafa Casanova foron donos do balón durante todo o encontro, pero nos primeiros vinte minutos o Castro, ben colocado, non pasou apuros. O Ribadeo co paso dos minutos atopou fendas nunha zaga liderada por Dumi, e primeiro Fernando, que se atopou coa boa resposta de Josema, e despois Samu que estrelou o balón no pao longueiro, tiveron claras ocasións de gol. Este chegou no minuto 37 cando Brais puxo a proba o meta visitante e o rexeite cazouno Fernando que serviu para que o do mediocampista do Valadouro rematara case en liña de gol. Tan só dous minutos máis tarde, Fernando, que estivo presente en boa parte das opcións de perigo ribadenses, rematou no segundo pao unha falta lateral facendo o segundo e definitivo tanto. Na segunda metade moi pouco fútbol. Os locales tentaron incrementala ventaxa pero sen moito acerto. Tan só Criss puido facelo, pero tras defacerse de Jorge non puido superar a Josema. Ata o final do partido non tiraron entre os tres paos os de Brais Prados. Logo dunha boa xogada de Javi Fraga, cedeu a Raúl, pero o seu disparo atallouno Hugo.

Meritorio punto o acadado polo Foz no campo do Arzúa (2-2). Os de Gayol sobrepuxéronse ás numerosas baixas coas que afrontaron este encontro e puxeron contra as cordas ao potente conxunto arzuán. O dominio do partido foi do cadro local, pero os mariñáns moi ben replegados saían a contra con gran perigo. En dúas delas chegaron os dous tantos focegos froito de dous penaltis. O primeiro preto do descanso logo dunha falta cometida sobre Xenxo e o segundo a falta de vinte minutos para o final forzado por Gonzalo. Os dous lanzamentos convertiunos Iban Gayol, infalible desde os once metros. Para o Arzúa anotou o veterán Álvaro Varela e Adrián Iglesias. Nos derradeiros minutos o conxunto local buscou o tanto do triunfo, pero a zaga do Foz, moi segura, impediuno. Os xuvenís Jorge e Álex Carreiras foron titulares.

Imagen por defecto
Marcos Fernández
Apaixoado do fútbol, en especial do modesto, que aínda mantén os verdadeiros valores do deporte
Artículos: 407

Deja un comentario